A Organización Interprofesional Láctea (InLac) elixiu na súa Asemblea Xeral a Javier Roza como novo presidente da entidade para os próximos dous anos. Roza representa á Federación Nacional de Industrias Lácteas (FeNIL) e sucede no cargo a Daniel Ferreiro (Aira), representante de Cooperativas Agro-alimentarias de España, que ocupaba esta responsabilidade desde decembro de 2022.
O novo presidente de InLac destacou e recoñeceu o traballo realizado por Daniel Ferreiro durante estes últimos anos, nos que se deron pasos decisivos para reforzar o papel da Organización como punto de encontro para o traballo conxunto de todos os axentes do sector lácteo do noso país.
Roza manifestou que: “afronto con ilusión e responsabilidade esta nova etapa na que espero poder traballar estreitamente con todas as persoas e entidades que formamos o sector lácteo español, así como coas Administracións, para desenvolver a nosa misión que é a de pór a disposición da poboación alimentos esenciais, como son os lácteos”. Entre os retos do novo presidente tamén figura o de aumentar as exportacións de lácteos, baseadas na calidade e seguridade alimentaria dos alimentos españois e o de dar a coñecer os avances en sustentabilidade que vén facendo o sector desde hai anos.
O novo presidente lembrou a dimensión social e económica dun sector “imprescindible para o desenvolvemento social, económico e ambiental do medio rural”. Tamén indicou que a cadea de produción, transformación e comercialización do sector lácteo factura ao redor de 12.700 millóns de euros ao ano e xera máis de 70.000 empregos directos, o que o converte nun dos sectores agroalimentarios máis importantes de España.
Javier Roza é Doutor Cum Laude pola Universidade Complutense de Madrid e desde hai máis de 16 anos é o director xeral de Mantequerías Arias. Ademais, ocupou a presidencia da FeNIL durante o período 2016 – 2019.
O resto dos cargos da Xunta Directiva foron tamén renovados, de maneira que a Roza acompañaranlle durante o seu mandato as seguintes persoas: Román Santalla, en representación de UPA, ostentará a vicepresidencia primeira; Rosario Arredondo en representación de COAG, a vicepresidencia segunda; Carlos Ares, de Cooperativas Agro-Alimentarias, a secretaría; e Ramón Artime, de ASAJA, a tesouraría. A directiva da Inlac mantén así unha importante presenza galega, con Román Santalla, gandeiro de Lalín, en representación de Unións Agrarias – Upa; e con Carlos Ares, técnico da Asociación Galega de Cooperativas (Agaca).