A IXP Vaca Galega / Boi Galego consolídase no agro con 600 ganderías inscritas

O Consello Regulador das Carnes de Vacún de Galicia celebrou unha xornada técnica en Lugo para analizar as perspectivas de produción e consumo da nova Indicación Xeográfica Protexida

A IXP Vaca Galega / Boi Galego consolídase no agro con 600 ganderías inscritas

Xornada técnica de Vacún de Galicia, hoxe en Lugo.

A nova Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Vaca Galega / Boi Galego continúa a súa progresión, sen presa pero sen pausa. Pouco máis dun ano despois da súa posta en marcha, a IXP xa acadou as 600 ganderías inscritas, con máis de 12.200 animais identificados. Son unhas cifras que dobran ás de hai seis meses e que continuarán en ascenso. Encamiñado o asentamento no campo da Indicación, o reto sitúase agora en abrir mercados, en conquistar a carnicerías, cadeas de distribución e restauradores, e en promocionarse ante os consumidores.

O Consello Regulador das Carnes de Vacún de Galicia organizou hoxe unha xornada técnica en Lugo, coa asistencia de máis de 300 gandeiros, para abordar as perspectivas de consumo da nova IXP. Os distintos ponentes debuxaron un escenario claro no que será clave que os consumidores perciban a sostibilidade ambiental da gandería galega e o seu coidado do benestar animal.

“Un erro habitual é que cada parte da cadea só atende as súas cuestións, sen pensar no resto, pero o gandeiro ten que preocuparse tamén de saber que pensan e que demandan os consumidores”, advertiu Carlos Rodríguez, director xeral da cadea de carnicerías Raza Nostra, especializada na comercialización de razas autóctonas de vacún.

O mercado de carne enfróntase a ameazas coma as tendencias de consumo vexetarianas e unha imaxe da carne de vacún asociada en parte dos consumidores a problemas de saúde ou a impactos ambientais da actividade gandeira. No lado contrario, as oportunidades para Vaca Galega / Boi Galego están no espello de Ternera Gallega. O obxectivo pasa por posicionarse como un produto gourmet, con altos valores nutricionais e procedente dunha produción local na que se coida a natureza e se respeta o benestar animal.

Asistentes ás xornadas técnicas, hoxe en Lugo.

Asistentes ás xornadas técnicas, hoxe en Lugo.

“Controlaremos a picaresca comercial para evitar confusións na carne de vacún”

O presidente do Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, Jesús González, fai balance da posta en marcha da nova IXP Vaca Galega / Boi Galego e apunta os próximos pasos a dar.

Jesús González.

Jesús González.

Cal é a actual situación a nivel gandeiro e industrial da nova IXP?
– Na actualidade, a luns desta semana, temos 592 explotacións inscritas con 12.234 animais, dos cales 12.006 son vacas e 228 bois. A nivel da parte industrial hai 11 industrias certificadas e temos 196 canais certificadas, 193 vacas e 3 bois. Hai moita diferencia entre animais inscritos e certificados, principalmente porque moitos dos animais inscritos hai que ter en conta que están en plena produción, non están aínda na fase de cebo final.

As industrias tamén van un pouco a remolque na inscripción. Queremos que a industria cárnica galega se implique máis e certifique as canais. O que pasa é que agora quédanos actuar na terceira fase, actuar no punto de venda no mercado final, pero queremos que haxa máis movemento en campo e na industria antes de dar ese paso.

Están as industrias a ralentizar a chegada de carne certificada ó mercado?
– Se nós iniciamos actividades de promoción e comeza a haber cadeas interesadas en ter esa carne en oferta, a industria reaccionará. Pola nosa experiencia, sabemos que a industria nosa non é especialmente proactiva. Ven este proxecto como algo que acaba de nacer, pero todos temos que implicarnos para avanzar máis rápido na posta no mercado da carne de Vaca Galega / Boi Galego.

Que perspectivas de mercado hai para a Vaca Galega e o Boi Galego?
– O máis complicado é precisamente facerse oco no mercado. Por que é o máis complicado? Porque no mercado hai unha certa picaresca coa carne de vacún. Ímonos atopar na distribución e na restauración con profesionais que reciban ben a IXP e que queiran crear un clima de confianza co consumidor, pero haberá outra xente que queira seguir coa picaresca comercial, xenerando confusión, que se unha carne é de boi cando é de vaca ou falando de que un animal é de Galicia cando non o é ou non cumpre coas condicións da IXP Vaca Galega / Boi Galego.

“Estar na IXP é voluntario. Quen queira comercializar carne certificada farao e quen non, pois non. O que non se poderá é enganar ó consumidor”

Esa situación obrigaranos a impulsar os controis pertinentes, tanto por parte dos veedores do Consello Regulador como por parte das administracións competentes en materia alimentaria. Sempre imos comezar pola vía da información con restauradores e distribución. Estar dentro da IXP é voluntario, o que queira comercializar Vaca Galega / Boi Galego certificado, farao, e o que non, pois non. O que non se poderá é comercializar unha vaca como galega sen certificar.

En mercado estamos iniciando visitas de contacto e logo queda a fase do consumidor, ó que se chega pola vía da promoción e divulgación. Non estamos aínda facendo unha campaña masiva porque non temos un volume de produción suficiente. Hai xente que compara Ternera Gallega, que funciona estupendamente, coa nova IXP. Que sucede? Que Ternera Gallega leva 29 anos e con Vaca Galega / Boi Galego aínda non pechamos o proceso de rexistro definitivo na IXP.

As cousas van indo parellas e teñen que ir secuenciadas. En campo xa temos un volume moi importante de explotacións e de animais inscritos e pouco a pouco iremos gañando terreo na parte industrial e no mercado.

Como están os trámites da IXP en canto ó proceso de inscripción definitiva?
– A IXP leva un ano de funcionamento. Saíu no DOG a súa aprobación provisional a finais de xuño do ano pasado. Desde aquela, en canto ó proceso normativo, superamos xa as dúas primeiras fases, a da Xunta de Galicia e a do Ministerio. Estamos agora concluíndo a inscripción da nova IXP no rexistro comunitario. Levamos máis dun ano de traballo inxente con Bruxelas e contamos de lograr a inscripción da IXP no rexistro comunitario cara finais de ano.

“O normal é que nun futuro o número de animais de explotacións de leite e de granxas de carne estea equilibrado na IXP”

En xeral, en Bruxelas ven o noso proxecto en conxunto moi interesante porque pensan que a carne de vacún maior ten tirón no mercado entre os consumidores e consideran axeitado que esa carne chegue ben identificada ó mercado. Simplemente están a facer unha serie de matizacións, por exemplo, en cuestión de nomenclatura. Nun principio, a IXP ía levar o nome de Vaca e Boi de Galicia, pero eles ven maís pertinente a denominación Vaca Galega / Boi Galego, algo ó que xa nos adaptamos.

Que porcentaxe de explotacións frisonas de leite se inscribiron na IXP?
– Maioritariamente temos carne, de momento. Por que temos carne de momento? Porque o Consello Regulador leva tamén a IXP de Ternera Gallega e cando os veedores visitan unha explotación de Ternera Gallega, aproveitan para inscribir na nova IXP ós animais que se lles solicitan.

En leite, estaremos nun 10-15% de explotacións, pero non é un dato significativo. No momento en que estea rematado o proceso normativo con Bruxelas, volcarémonos máis en intensificar a entrada das granxas de carne e en incorporar a un maior ritmo as explotacións de leite.

O normal é que nun futuro poidan estar por diante en número as ganderías de carne, xa que hai máis explotacións de carne que de leite, pero en animais, o normal é que estean equilibradas.

Veslle por tanto moito potencial á IXP entre as granxas de leite?
– En leite, sempre que o gandeiro lle queira facer o acabado ós animais, hai un gran potencial para inscribir vacas na nova IXP. Cal é a inquedanza que temos? Que en leite hai moitas explotacións nas que os gandeiros están totalmente volcados na produción de leite e non pensan para nada na carne, co cal a vaca cando remata a súa vida produtiva, vai ó mercado sen máis.

“Na primavera do 2019 teremos previsiblemente un volume de canais certificados suficiente para que se cree unha Mesa de Prezos”

A cuestión é que para entrar na IXP terán que facer esa última fase de cebo de 6 meses, de xeito que o animal colla peso e a canal cumpra os mínimos de conformación e engraxamento. Porque se non, cando a canal estea no matadoiro non terá o 3 de graxa e non poderá entrar, xa que non cumpriría o regulamento.

Nós tamén temos unha parte, que é a de xenerar unha demanda para que o gandeiro perciba que se fai ese acabado, esa tarefa vaise traducir nun beneficio económico.

Para cando está prevista a posta en marcha dunha Mesa da Carne de Vacún Maior, que ofreza prezos de referencia?
– Agora mesmo non se puxo en marcha porque o número de canais certificadas é baixo. Pretender poñer uns prezos de referencia cando hai menos de 200 canais certificados é coma tirarse ó espazo. Temos que esperar a ter unha secuencia de saída uniforme, cunha certificación de 25-30 canais á semana, para poder definir prezos de referencia. Probablemente para abril – maio do 2019 poidamos estar en cifras deste tipo e co proceso normativo rematado. Para daquela é previsible que se poida constituír unha Mesa da Carne.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información