Este xoves publicouse no Diario Oficial da Unión Europea o Regulamento polo que se inscribe a Indicación Xeográfica Protexida Vaca Galega-Boi Galego no Rexistro Comunitario de Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas.
Este recoñecemento e inscrición no rexistro comunitario foi posible tras un proceso de cinco anos de tramitación, desde os seus inicios a mediados de 2017, para dar curso e complementar a solicitude presentada no seu día. Os obxectivos que se buscan son a protección xurídica e a posta en valor da carne procedente das vacas e dos bois que se producen en Galicia, o impulso da súa comercialización e o fomento do consumo dunha carne sinónimo de calidade diferenciada, tanto no mercado nacional como internacional.
Ata agora a IXP contaba cunha protección nacional transitoria. O proceso dilatouse cinco anos
A obtención deste rexistro definitivo como IXP supón para Vaca Galega-Boi Galego, tal e como sinala o presidente do Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, Jesús González, o máximo recoñecemento como selo de calidade, a protección e o fomento da calidade da nosa carne de vaca e de boi, a xeración de valor engadido para as explotacións galegas de vacún e tamén novas oportunidades de mercado.
A IXP Vaca Galega-Boi Galego botou a andar cunha protección nacional transitoria en xullo de 2017, coas primeiras inscricións de explotacións gandeiras e dos animais, cuxo proceso de engorde e acabado final dura como mínimo seis meses. Sete meses despois, o 9 de febreiro de 2018, o Consello Regulador levou a cabo as primeiras certificacións de canais en tres industrias cárnicas galegas.
O proceso de engorde e acabado final debe durar como mínimo seis meses
Na actualidade a IXP conta con 1.194 explotacións gandeiras e 40 industrias e comerciais cárnicas inscritas. O número de reses rexistradas é de 25.773, das cales 1.276 son bois e 24.497 vacas, e, ata este momento, lévanse certificadas 2.250 canais, das cales 2.127 corresponden a Vaca Galega e 123 a Boi Galego, que supuxeron 955.425 kg de carne comercializada baixo o amparo da Denominación, cun valor aproximado en primeira venta por enriba dos cinco millóns de euros.
Bois con máis de catro anos de idade ao sacrificio
A IXP Vaca Galega-Boi Galego abrangue a totalidade do territorio galego. Os animais deben nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse en Galicia, co obxectivo de preservar a súa especificidade e controlar as condicións de obtención e faenado do produto. No caso dos bois, teñen que superar os 48 meses de idade ao sacrificio.
A carne comercialízase refrixerada, sen que poida ser conxelada
A carne amparada procede das principais razas existentes na comunidade, sobre todo a Rubia Galega e as Morenas Galegas (Cachena, Caldelana, Frieiresa, Limiana e Vianesa), e tamén a Asturiana dos Valles, a Limusina, a Rubia de Aquitania, a Frisona e a Pardo Alpina, así como os seus cruces. Na alimentación e manexo séguense as prácticas tradicionais en Galicia, apostando polo pastoreo e o uso de forraxes conservados como o silo e a herba seca, complementados con fariña de cereais, patacas, nabos e concentrados, no caso de ser necesarios para lograr un bo engorde final.
As canais deben destacar polo seu grao de engraxamento, infiltración graxa e conformación. A carne preséntase refrixerada, sen que poida ser conxelada ao longo do proceso de obtención e comercialización. En función do tipo de peza, esíxese un tempo de maduración mínimo para que o produto gane en terneza, xugosidade e sabor.