A IXP Ternera Gallega recolleu este xoves na Cidade da Cultura o XIX Premio Nacional de Gastronomía Tradicional Lola Torres. O encargado de recibir o galardón foi o presidente do Consello Regulador das IXPs Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego, Jesús González Vázquez, nun acto presidido pola conselleira do Medio Rural, María José Rodríguez.
A cerimonia contou tamén coa presenza do alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos; o presidente da Fundación Amigos de Galicia, Ramiro José Varela Cives; e o subdirector do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, Luís Rial Sierra.
Durante a súa intervención, Jesús González dedicou o premio a todos os gandeiros “xa que son eles os que fan posible o prestixio e calidade da carne amparada pola IXP”. Engadiu ademais que “este galardón non só é un recoñecemento a un produto de calidade como é a carne que ampara Ternera Gallega, senón que tamén é unha clara posta en valor do traballo que realizan as 8.000 gandarías inscritas”.
O presidente destacou tamén que “que o xurado valorase o impacto de Ternera Gallega como a IXP máis destacada do sector cárnico español e referente no vacún, tanto en España como en Europa; supón un recoñecemento a un traballo ben feito froito do control integral da calidade que levamos a cabo, desde a crianza dos animais ata a presentación da carne certificada nos puntos de venda”.
No transcurso do acto, homenaxeáronse 40 gandarías senlleiras pertencentes á IXP, que recibiron un recoñecemento polo seu labor. A entrega estivo a cargo de destacados cociñeiros: José Luis Padín Noya (Restaurante Solaina, O Grove), Paco Amoeiro (Restaurante Veiramar, Arcade).
Tamén José Antonio Rivera Casal (Restaurante Chef Rivera, Padrón), Jaume Marimon Closa (Restaurante Casa Jaumet de Torá, Lleida), Óscar Caseiro (Restaurante O Ruedo, Vilagarcía de Arousa) e Begoña Vázquez Gago (Restaurante Regueiro da Cova, Monterrei).
O premio, convocado pola Fundación Amigos de Galicia en colaboración co Concello do Grove, a Axencia Turismo de Galicia e o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, escolleu a Ternera Gallega entre 84 propostas. A decisión do xurado puxo de manifesto o “esforzo e bo facer” dos gandeiros da IXP.
A carne certificada baixo este selo procede exclusivamente de animais nados, criados e sacrificados en Galicia. No ano 2024, a IXP contou con arredor de 8.000 explotacións e 120 industrias inscritas, rexistrou máis de 131.000 tenreiros e certificou máis de 104.600 canais, que sumaron máis de 24.000 toneladas de carne comercializada.
O Premio Nacional de Gastronomía Tradicional Lola Torres creouse no ano 2002 para homenaxear ás cociñeiras galegas que fixeron escola nos fogóns. O seu nome lembra a Lola Torres, referente da cociña tradicional do Grove e símbolo do labor das mulleres na cociña nos anos da posguerra.
Galego










Control OJD