A capela real do compostelán Hostal dos Reis Católicos acolleu acolleu o pasado 21 de outubro a celebración do XXV aniversario de catro dos consellos reguladores galegos de produtos de calidade con máis recoñecemento e proxección dentro e fóra das nosas fronteiras: a IXP Ternera Gallega, a Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa e as Indicacións Xeográficas Protexidas Mel de Galicia e Pataca de Galicia.
Presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e respaldado por numerosos representantes dos sectores involucrados, o acto reuniu a máis de 250 persoas cun obxectivo común: conmemorar este primeiro cuarto de século facendo un balance positivo da súa traxectoria e apostando decididamente polo futuro, no que teñen o cometido de poñer en valor e dignificar as producións de calidade e servir de motor para o desenvolvemento socioeconómico do agro galego.
Ternera Gallega: máis de 7.600 produtores inscritos
Ternera Gallega ampara e protexe a carne fresca de vacún procedente dos animais nacidos, criados e sacrificados en Galicia. Na actualidade acolle un total de 7.654 produtores e 71 industrias, que están a comercializar unhas 18.000 toneladas de carne de calidade. O valor económico está arredor dos 100 millóns de €, o que a converte na IXP do seu ramo máis importante da Unión Europea. Considerando a idade, o manexo e a alimentación do animal, distínguense dúas categorías principais: Ternera Gallega e Ternera Gallega Suprema.