A IXP Mel de Galicia, un selo de calidade con traxectoria histórica

Mel de Galicia 1A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia é unha das 38 Experiencias de Calidade promovidas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural.

O mel é un alimento fresco e natural, que conta cunha traxectoria histórica na nosa comunidade. De feito, o patrimonio etnográfico galego conserva moitas testemuñas da importancia da apicultura no noso territorio, como os cortizos ou a crianza das abellas en lacenas, aínda que, sen dúbida, os elementos máis significativos son as alvarizas, construción galega que protexía ás colmeas dos ataques dos osos e dos ventos fortes.

O Mel de Galicia é o ouro doce da natureza, un tesouro agochado nos bosques de Galicia, que as abellas recolectan e os/as apicultores/as esmelgan de xeito tradicional, para que chegue ós nosos fogares totalmente puro, xa que non sofre ningún tipo de transformación ou procesado, permitíndolle conservar todas as súas propiedades.

Alvariza nun monte de Galicia. Foto: Cedida

Alvariza nun monte de Galicia. Foto: Cedida

A abundancia de choivas ao longo do ano, o chan granítico, combinado coa influencia dos ventos e a curta distancia co mar, dan lugar a unha flora rica e variada e fan que Galicia sexa unha rexión idónea para a elaboración deste produto en todas as súas vertentes. Aínda que IXP Mel de Galicia é un indicativo único, contempla diferentes tipos nos que varían o sabor, a textura e o padal, dependendo das flores que lle deran a súa orixe.

Así, podémonos atopar un amplo abano de meles dependendo de onde foron libar as abellas o néctar, dende meles multiflorais, onde non predomina un especie floral, ata os monoflorais de castiñeiro, de eucalipto, de queiruga, de silva ou incluso o mel de melada ou de bosque, que procede das secrecións de carballo. Cada tipoloxía de mel ten caracteres e matices únicos que o diferencia dos demais.

A parte de polo seu inconfundible sabor, o Mel de Galicia distinguirase polo seu selo de garantía, a contraetiqueta propia, que o diferencia doutros meles. Este distintivo é o aval que garante a súa orixe, que conta cunha excelente calidade en todo o seu proceso, xa que o mel foi sometido a controis dende a colmea ata o punto de venda. O control e certificación do produto, é un dos piares do consello regulador. Así, a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia conseguiu a acreditación como entidade de certificación de produto concedida pola Entidade Nacional de Acreditación o 27 de novembro de 2015.

Aínda que o habitual é encontrar o Mel de Galicia envasado en estado líquido, tamén pode presentarse en panais ou cristalizado. Un mel cristalizado conserva as mesmas propiedades que en estado líquido, e o Mel de Galicia tende a cristalizar porque non se permite manipulación térmica que diminúa as propiedades. A maiores, o mel galego destaca polo seu alto contido mineral e a súa riqueza en vitamina C, moi superior aos valores de referencia, e cun alto contido en antioxidantes.

Para que unha produción de mel poida estar amparada con este distintivo de calidade debe cumprir cunha serie de requisitos físico-químicos e polínicos, así como cunhas calidades organolépticas que se correspondan coa súa orixe botánica no que respecta á súa cor, olor e sabor.

Actualmente o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia engloba 254 apicultores, 44 envasadoras e case 44.000 colmeas. No ano 2023 comercializáronse máis de 168.000 quilos de mel certificado cun valor económico estimado de 1,5 millóns de euros. Cifras coma estas fan que a nosa comunidade sexa referente na produción de mel con indicativo de calidade, poñendo en valor o bo facer dos seus produtores.

mel fondo negro

Apoio do Goberno autonómico

A Consellería do Medio Rural ten unha clara aposta polo sector apícola. Nos últimos dez anos a Xunta destinou máis de nove millóns de euros a este eido, co obxectivo de manter e fomentar esta actividade en Galicia, polos moitos beneficios que as abellas achegan dende o punto de vista ambiental e económico.

A última convocatoria destas achegas, correspondente a 2024, publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 8 de xaneiro e tivo un orzamento de preto de 1,5 millóns de euros e permitiu beneficiar a 2.200 explotacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información