A IXP Mel de Galicia amparará o mel de melada galego

Medio Rural inicia a modificación do prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida, que deberá ser ratificada pola Comisión Europea. Cámbianse ademais as porcentaxes de pole que debe ter o mel monofloral de brezo e actualízanse descripcións sensoriais

A IXP Mel de Galicia amparará o mel de melada galego

O mel de melada, un produto en auxe no mercado, pasará en breve a estar amparado pola IXP Mel de Galicia e poderá comercializarse co lema ‘mel de bosque’. A diferenza do mel convencional, que ten a súa orixe no néctar das flores, o mel de melada (mielato) elabórase en base ás secrecións azucaradas que as abellas recollen de partes verdes das plantas, como follas, landras ou pólas.

En Galicia, o mel de melada ten unha especial importancia en zonas con presencia abundante de rebolos e carballos, como Ourense ou o sur de Lugo. Trátase dun mel que destaca por presentar maior capacidade antioxidante e menos azucres que o mel convencional. Ata hai pouco considerábase un mel de menor calidade, pero os estudos demostraron a súa riqueza en minerais (potasio, fósforo, magnesio, etc.) e o seu poder antioxidante, polo que comeza a estar en auxe no mercado.

Froito desa realidade, a IXP Mel de Galicia traballou durante os dous últimos anos na inclusión do mel de melada na Indicación Xeográfica Protexida. Xunto a este cambio, Mel de Galicia consensuou con Medio Rural outra serie de modificacións, como a reducción de pole esixido para os meles monoflorais de brezo ou a actualización das descripcións sensoriais dos meles.

As novas condicións da IXP foron publicadas onte no Diario Oficial de Galicia e agora só haberá que agardar a súa ratificación pola Comisión Europea para que entren en vigor. Desde Mel de Galicia explican que o actual prego de condicións tiña xa 30 anos, polo que era preciso adaptalo ás transformacións do sistema produtivo e a novos factores ambientais e climáticos, sen afectar en ningún caso ás características sensoriais do mel e a súa vinculación co medio natural galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información