A IXP Castaña de Galicia amplíase a toda a comunidade

A IXP Castaña de Galicia amplíase a toda a comunidade

Os produtos amparados baixo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia poderán cultivarse en todo o territorio galego. Así o indica a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), que recolle unha modificación do prego de condicións deste distintivo.

Deste xeito, logo de que fora solicitado polo Consello Regulador, amplíase o territorio delimitado nun inicio para esta IXP, que incluía unicamente as comarcas dos concellos do interior e de maior altitude da comunidade xa que, cando se aprobou o expediente no ano 2009, estas eran as zonas que contaban cunha maior presencia de soutos tradicionais.

Con todo, cuestións como os avances nos tratamentos e medidas de prevención das enfermidades que afectan ao castiñeiro, xunto co renovado interese comercial polo aproveitamento deste cultivo, propiciaron a recuperación dos soutos galegos nos últimos anos, en particular naquelas áreas que actualmente están fora das delimitadas pola indicación xeográfica protexida.

Neste sentido, en base a unha serie de análises e comprobacións realizadas polo Consello Regulador e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a día de hoxe en todo o territorio galego pódense dar condicións de clima e solo compatibles coa produción de castaña de calidade.

O cambio de delimitación da área xeográfica definida obriga a facer tamén pequenos cambios noutros ámbitos. Neste sentido, entra outras modificacións, axústase o parámetro relativo á porcentaxe de humidade que o froito ten que cumprir no momento da colleita, que debe oscilar entre o 50% e o 60%. Modifícanse tamén as referencias a determinados aspectos do cultivo -como a poda ou a enxerta-, xa que non achegan unha información específica diferencial do cultivo do castaño en Galicia respecto doutros territorios.

Esta modificación de pregos deuse conta esta semana nun pleno celebrado polo Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, que contou coa participación do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, no que tamén se analizou a situación actual do sector, as liñas de traballo de cara o 2025 nas novas plantacións de castaño. Tamén se abordaron cuestións como a loita contra o fraude na comercialización, a formación e a profesionalización do sector.

Repercusións do cambio
A ampliación da IXP Castaña de Galicia implicará cambios na orde de axudas que se viña publicando cada ano para a plantación dos castiñeiros, pois ata o de agora primaba as solicitudes de propietarios ubicados no territorio amparado pola IXP Castaña de Galicia. Co cambio, os propietarios de toda Galicia estarán previsiblemente en igualdade de condicións para acceder ós apoios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información