![Darryl Coleman e a súa muller Debbie, na súa granxa en Nova Zelandia](https://www.campogalego.gal/wp-content/uploads/2024/12/IVO-FARMS-Nova-Zelandia-Debbie-e-Darryl-Coleman-1024x671.jpeg)
Darryl Coleman e a súa muller Debbie, na súa granxa en Kimbolton (Nova Zelandia)
Ivo Farms é unha excepción na produción leiteira de Nova Zelandia, unha potencia láctea a nivel internacional que veñen de coñecer un grupo de gandeiros galegos, nunha viaxe que contou co apoio económico da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Neste caso trátase dunha granxa ecolóxica que segue os principios da agricultura rexenerativa, o que implica, entre outras cousas, non botar nitróxeno nin outros fertilizantes químicos nas pradeiras.
Para suplilo, emprega estratexias como o uso dunha maior variedade florista, turnos de reposo das fincas a pasto máis longos (30 días fronte aos 18 habituais no país) e fomentar a saúde do chan e a presenza de organismos vivos que axuden a mineralizar a materia orgánica.
“O noso obxectivo é ter o menor custo de produción posible”, asegura Darryl Coleman, cuarta xeración nesta granxa de Kimbolton, na rexión de Manawatū. “Temos unha mentalidade empresarial e buscamos ter o máximo control sobre os insumos que usamos para reducir ao máximo os custos”, explica.
Nos últimos 25 anos Darryl e Debbie foron aumentando a superficie a base de mercar terras. O valor da terra é o principal activo das granxas neozelandesas
A clave para conseguilo é dispoñer de superficie agraria dabondo, polo que Darryl e a súa muller Debbie levan 25 anos mercando terras até facérense coas 400 hectáreas actuais. O prezo medio da terra nesta zona é duns 35.000 dólares neozelandeses por hectárea (uns 19.500 euros), polo que o valor actual da superficie agraria da granxa neste momento é duns 5,5 millóns de euros.
![Darryl explicando a distribución da superficie nas distintas parcelas de pastoreo](https://www.campogalego.gal/wp-content/uploads/2024/12/IVO-FARMS-Nova-Zelandia-Debbie-explica-rotacion-pastoreo-nas-fincas-1024x722.jpeg)
Darryl explicando a distribución da superficie nas distintas parcelas de pastoreo
Das 400 ha que teñen non todas son útiles para pastoreo, tanto pola pendente e calidade do solo como pola distancia ás instalacións de muxido. Unhas 55 hectáreas están plantadas con árbores nativas nas zonas máis altas e das 345 restantes, 250 están reservadas para paceren as vacas en produción e o resto é superficie de apoio, onde teñen a recría, fan forraxe e reservan tamén como pasto extra para o inverno, cando as vacas están secas.
O rabaño está formado por unhas 500 vacas, sobre todo de raza jersey e algunha kiwicross, máis a recría. A carga gandeira é de 2 vacas por hectárea, moi por baixo do habitual nas explotacións leiteiras do país, que superan normalmente as 3 vacas/ha.
A carga gandeira máxima permitida en Nova Zelandia para produción en ecolóxico é de 2,5 vacas/ha
O límite en ecolóxico en Nova Zelandia é de 2,5 vacas por hectárea e Ivo Farms hai 3 anos que rematou co proceso de conversión. Antes de estaren en produción ecolóxica xa aplicaban os principios da agricultura rexenerativa, que seguen mantendo.
Pradeiras con entre 20 e 25 especies diferentes
Unha das máximas para Darryl é contar con pradeiras multivarietais, que destacan pola diversidade na súa composición florista. Poñen cando menos 12 especies distintas e 8 a maiores de ciclo anual, polo que en total as pradeiras desta granxa atópanse con entre 20 e 25 variedades diferentes: 3-4 raigrases, 3 trevos brancos e 2 violetas, brásicas, fleo, achicoria, plantago, chícharo, veza, xirasol e facelia para traballar o solo.
Fuxen do tradicional bivarietal das pradeiras de Nova Zelandia de raigrás inglés con trevo blanco e introducen especies como achicoria ou plantago
Os turnos de pastoreo tamén se alongan nesta granxa a respecto do habitual en Nova Zelandia, que baixan normalmente das tres semanas na primavera. Ivo Farms prefire traballar con quendas mínimas dun mes, que chegan a 4 meses no inverno.
As vacas entran a pacer a herba con metro e medio de altura para deixar que as raíces mobilicen os nutrientes desde as capas profundas do chan cara a superficie
“Outra das cousas que facemos é deixar medrar máis a herba para que as raíces das plantas poidan traer os nutrientes desde as capas profundas do solo cara a superficie. As vacas entran nas parcelas en herba con un metro e medio de altura e ímoslles pechando con fío de pastor franxas estreitas. Despois de pacer, pasamos unha segadora para facer o toping cortando os rechazos, é dicir, as malas herbas e as herbas altas mal pacidas”, explica Darryl.
Fan ‘toping’ despois de paceren as vacas, pasando unha segadora para cortar os rechazos (malas herbas ou herbas altas mal pacidas)
Deste xeito logran que as plantas permanentes permanezan entre 8 e 10 anos nas pradeiras. “O dactilo é un problema; temos unha relación de amor-odio con el”, admite. Procuran renovar o menos posible as pradeiras e só cando é imprescindible realizan novas sementeiras.
Fertilizante líquido con algas e fariña de peixe
![Balsa de decantación dos efluentes da zona de muxido. A parte líquida úsase nas pradeiras mediante fertirrigación](https://www.campogalego.gal/wp-content/uploads/2024/12/IVO-FARMS-Nova-Zelandia-decantador-purin-1024x654.jpeg)
Balsa de decantación dos efluentes da zona de muxido. A parte líquida úsase nas pradeiras mediante fertirrigación
Tratan de preservar a saúde do chan non usando nitróxeno nin fertilizantes sintéticos. “Os fertilizantes sintéticos o único que fan é matar a bioloxía do solo e despois a mineralización da materia orgánica tampouco funciona”, asegura Darryl.
Para alimentar os microbios do chan, que son os que van poñer dispoñibles os nitrientes do solo para as plantas, empregan un fertilizante líquido ecolóxico a base de algas e fariña de peixe, que mesturan con auga. “O único fertilizante sólido que aportamos ás pradeiras é o calcio e o magnesio”, aclara.
Os fertilizantes sintéticos o único que fan é matar a bioloxía do solo
A granxa atópase a uns 400 metros de altitude, polo que a tempada de pasto redúcese. “No inverno nesta zona pode nevar, polo que non hai crecemento do pasto e necesitamos silo e herba seca. Os rolos poñémosllelos nun comedeiro móbil que vai nun remolque e que imos movendo polas fincas a medida que se moven as vacas”, explica. As fincas máis alonxadas son as que destinan a zona de soporte extra de pasto para as vacas no inverno, á recría o resto do ano é a recollida de forraxe na primavera.
20 litros de media sen dar penso
A maioría das vacas da explotación son de raza jersey pura ou cruzadas con frisona (kiwicross). A produción media é de 20 litros, que se corresponden con 1,8 kg de sólidos por vaca e día. Venden o leite ecolóxico que producen a Fonterra e reciben 12 dólares neozelandeses (uns 6,5 euros) por kg de sólidos (graxa + proteína) contidos no leite.
Non usan ningún tipo de concentrado (só dan 200 ml por vaca e día de melaza nos robots de muxido, pero na sala rotativa non dan nada) e acadan unha produción anual de 350 kg de sólidos por vaca sen penso.
Acadan unha media de 350 kg de sólidos por vaca e ano
Todas as vacas paren na primavera, polo que non moxen no inverno, nos meses de xullo e agosto, que é cando as vacas están secas. Os criterios de descarte son, por esta orde: produción, fertilidade e saúde
Sala rotativa e robots
![Zona de espera e catro robots en liña, colocados hai 5 anos](https://www.campogalego.gal/wp-content/uploads/2024/12/IVO-FARMS-Nova-Zelandia-robots-de-muxido-1024x655.jpeg)
Zona de espera e catro robots en liña, colocados hai 5 anos
Ivo Farms segue muxindo unha parte das vacas nunha sala rotativa de 32 puntos que ten máis de 40 anos e que segue en perfecto uso, pero fai 5 anos incorporaron tamén 4 robots de muxido nunha ubicación diferente, xa que a medida que ían aumentando a superficie de pastos da explotación as distancias á zona de muxido tamén se foron incrementando.
As vacas tiñan que andar 2 quilómetros até a sala, polo que fai 5 anos puxeron os robots para dividir a superficie en dous puntos de muxido e reducir deste xeito as distancias que teñen que camiñar as vacas.
A medida que a superficie de pastos foi aumentando tamén o fixo a distancia que as vacas tiñan que percorrer, polo que optaron por colocar dous puntos de muxido
“O máis operativo e eficiente tería sido montar unha sala rotativa nova máis grande, pero no medio temos un veciño que ten unha explotación de ovellas con 150 hectáreas de superficie que non nos quere vender, polo que optamos por poñer dous puntos de muxido e dividir as vacas”, explican.
Os 500 animais en produción cos que contan están repartidos deste xeito en dous rabaños: 300 móxense na sala e 200 nos robots. “Nos 4 robots poderíamos muxir tamén 300 vacas, posto que o 48% do tempo están en usar, pero preferimos ter cargas gandeiras baixas nos pastos”, xustifican.
Para secar as vacas lévanas para a sala para muxilas e danlles feno de fibra longa
Por facilidade de manexo, ao inicio da tempada de partos moxen os dous rabaños na sala rotativa durante 10 días e despois cambian 200 vacas de lote para os robots. Fan o mesmo para o secado de todos os animais, que se leva a cabo na sala rotativa. “Dúas semanas antes do secado levamos as vacas do robot para o outro lado porque nos é máis doado facelo na sala”, explican. Para secar as vacas aliméntanas só con feno de fibra longa e reducen o número de muxiduras.
Darryl non ten preferencia por ningún dos dous sistemas (sala rotativa ou robot de muxido) porque, asegura, os dous teñen vantaxes e desvantaxes. “O robot é moi caro de manter pero aforras en empregados. A sala, pola contra, leva 40 anos funcionando con moi poucos gastos de mantemento pero necesitas 3 persoas para facela funcionar”, compara.
A produción e a saúde son similares pero eu creo que as vacas son máis felices no robot porque teñen máis control do seu tempo
“A produción por vaca e a saúde dos animais é similar nos dous rabaños, o da sala e o do robot, pero eu creo que as vacas son máis felices no robot porque teñen máis control do seu tempo”, conclúe.
Robots de muxido con saída a pasto
![Rexistro horario das visitas ao robot. De 12 da noite a 6 da mañá as vacas acoden menos a muxirse](https://www.campogalego.gal/wp-content/uploads/2024/12/IVO-FARMS-Nova-Zelandia-muxido-por-horas-1024x663.jpeg)
Rexistro horario das visitas ao robot: de 12 da noite a 6 da mañá as vacas acoden menos a muxirse
As vacas que se moxen no robot están todo o día no pasto, ao igual que as que se moxen na sala rotativa, e acoden ao robot cando queren. Para incentivar que veñan, fan tres cambios de parcela no día, previo paso polo robot, de maneira que as vacas saben que para iren a unha parcela con pasto fresco deben vir a muxirse.
Abren pasto novo ás vacas tres veces ao día, previo paso polo robot, para incentivar que veñan a muxirse
Os cambios de parcela fanse ás 7:30 horas, ás 14;30 horas e ás 22:00 horas. “A esas horas temos acumulación de vacas no robot, porque elas saben que se vai abrir un novo pasto”, explica Darryl. “Non temos problemas de vacas que se queden no pasto sen vir muxirse, pero se quedan 1 ou 2 vacas perezosas que non veñan temos que ir buscalas”, recoñece.
Por que escolleron esas tres horas concretas para o cambio de finca das vacas? “As vacas están en tráfico libre, poden vir muxirse cando queiran, pero a miña experiencia dime que ás vacas non lles gusta madrugar, e a min tampouco”, bromea Darryl.
A porta selectora do robot manda ás vacas a unha parcela ou outra dependendo da hora do día
“Levamos un rexistro horario de muxido e vemos que ás 6 da mañá e ás 11 da noite é cando se dan os dous picos de vacas no robot. Sen embargo, das 12 da noite ás 6 da mañá veñen menos porque é o seu principal tempo de durmir”, asegura.
O gando está sempre fóra
![Parque de maquinaria para a realización das labores agrarias de segado e ensilado da herba](https://www.campogalego.gal/wp-content/uploads/2024/12/IVO-FARMS-Nova-Zelandia-maquinaria-1024x614.jpg)
Parque de maquinaria para a realización das labores agrarias de segado e ensilado da herba
As únicas instalacións coas que conta Ivo Farms son as de muxido (sala rotativa nunha ubicación e catro robots en liña na outra). Non dispoñen de ningún tipo de establo nin zona de alimentación a cuberto, polo que no inverno, aínda que neve, as vacas están fóra nos prados.
Sacrifican unha serie de fincas para ter as vacas no inverno. Son áreas de 6.000 metros cadrados cunha carga de 250 animais durante un día. A alimentación é a base de silo de herba e despois esa parcela descansa durante 180 días. “O solo é moi drenante, polo que non se fai moita lama no inverno”, aseguran.
Nos meses de inverno (xullo e agosto) as vacas están todas secas e son confinadas en parcelas de castigo onde son alimentadas con silo de herba
Tamén a recría medra no prado desde que nace. “As primeiras tres semanas toman o leite que queiran. Logo pasamos a darlles 7 litros un mes máis e despois baixámoslles a 4 até o destete. Facemos un destete progresivo até os 4 meses e medio de idade”, conta Darryl.
Os motivos de descarte do gando teñen que ver con problemas reprodutivos, baixa produción ou enfermidade. Nesta granxa non usan medicamentos, polo que cando unha vaca non sana por si soa, abandona a granxa. “Co manexo que facemos dos animais están sans. Cando unha vaca enferma usamos homeopatía e plantamos arbustos nas zonas de linde de parcela que as vacas van seleccionando para automedicación”, din.
“As presións sociais sobre os gandeiros afectan ao relevo xeracional”
![Instalación que alberga os 4 robots de muxido, valorados nun millón de euros](https://www.campogalego.gal/wp-content/uploads/2024/12/IVO-FARMS-Nova-Zelandia-nave-robots-muxido-1024x606.jpeg)
Nave cos 4 robots de muxido, valorados nun millón de euros, último investimento realizado
Darryl e Debbie son propietarios do conxunto da explotación, tanto da terra e as vacas como das instalacións de muxido. Atenden a granxa entre os dous coa axuda de 3 empregados, 2 a tempo completo e outros a tempo parcial.
Teñen dous fillos que non traballan na explotación. “Son informáticos e teñen bos salarios”, explican. Próximos xa á xubilación, Darryl e Debbie non teñen claro o futuro da granxa á que dedicaron toda a súa vida. “Non sabemos aínda como imos facer a sucesión”, recoñecen.
En Nova Zelandia, os mozos que se incorporan fano cada vez con máis idade e iso é un problema
“Algo que está pasando en toda Nova Zelandia é que os mozos que se incorporan fano cada vez con máis idade e iso é un problema”, asegura Darryl, xa que teñen menos anos por diante para pagar os préstamos necesarios para mercar as granxas.
Ivo Farms está valorada, sen contar as vacas, en 14 millóns de dólares neozelandeses (10 millóns as terras e 4 millóns as instalacións de muxido). Ademais do alto custo, tamén pesa a incertidume lexislativa. “As presións sociais sobre os gandeiros afectan tamén ao relevo xeracional”, asegura.