Isabel Vilalba, reelexida como secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego

O SLG-CCLL reafírmase no seu X Congreso, celebrado en Vilalba, en principios como a soberanía alimentaria e a loita contra a intensificación produtiva

Foto de familia da Dirección e a Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego

Foto de familia da Dirección e a Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebrou este domingo o seu X Congreso en Vilalba  baixo o lema Máis labregas, mellores alimentos. A vida das persoas e do planeta no centro. A gandeira de Lourenzá (Lugo), Isabel Vilalba Seivane, Secretaria Xeral dende o ano 2012, foi reelixida no seu cargo para o novo período. Foron renovados tamén os órganos de dirección sindical, ficando elixidas as persoas que integrarán a Dirección e Executiva Nacional.

A xestión da crise da COVID-19 confirmou unha das máximas do SLG: “a produción de alimentos é unha actividade esencial que non pode ser secuestrada da man dos pobos, que non pode ser agasallada ás grandes multinacionais que só teñen o seu propio beneficio como obxectivo final. Os pobos deberían ter garantido por lei o dereito á súa Soberanía Alimentaria”, afirma o Sindicato Labrego.

A produción de alimentos é unha actividade esencial que non pode ser agasallada ás grandes multinacionais

Vilalba tamén reiterou a responsabilidade do Goberno galego e estatal na destrución do modelo labrego e no aceleramento do despoboamento rural, concretando exemplos como “a aprobación dunha Lei da Cadea Alimentaria que segue sen impedir a venda por baixo de custos, o deseño dunha nova PAC ao servizo da agroindustria, ou a limitación de dereitos tan fundamentais para a cidadanía como é o da participación, unha das estratexias da Xunta de Galicia de Alberto Núñez Feijoo para favorecer o acaparamento de terras na Galiza por parte de grandes empresas enerxéticas”.

Deslocalización das producións

O encontro do SLG-CCLL estivo marcado por apelacións aos grandes retos mundiais a nivel estrutural que estamos a afrontar na actualidade. “As carencias e desigualdades crecentes que se están a expandir nas nosas sociedades obrígannos a priorizar as cuestións verdadeiramente esenciais: o coidado da vida das persoas e do planeta”, indica o Sindicato Labrego.

A dependencia a nivel alimentario, sexa tanto dos alimentos para as persoas como da alimentación para os animais é un suicidio como sociedade

“O modelo agroindustrial neoliberal baséase na deslocalización das producións e no seu posterior desprazamento a centos ou milleiros de quilómetros até as áreas onde se atopa a poboación consumidora. Este procedemento esquilma recursos naturais e debilita a soberanía dos pobos, acrecentando a súa dependencia de dinámicas comerciais que en absoluto respectan o máis mínimo o dereito a alimentación”, insiste o SLG. 

“A dependencia a nivel alimentario, sexa tanto dos alimentos para as persoas como da alimentación para os animais é un suicidio como sociedade, como pobo. Non podemos permitir que se siga favorecendo un modelo de negocio que socava os dereitos humanos e sociais. Non podemos permitir que, ante unha situación como a que vivimos durante o confinamento, as administracións públicas nos impidan ir ás nosas leiras, coidar aos nosos animais, ou pechan os mercados labregos mentras fomentan o consumo masificado nas grandes e medianas superficies comerciais, ao tempo que seguen promocionando a concentración intensiva do gando”, alertou a Secretaria Xeral do SLG.

Medio século de loita labrega

Isabel Vilalba, durante a súa intervención unha vez reelexida Secretaria Xeral do SLG

Isabel Vilalba, durante a súa intervención unha vez reelexida Secretaria Xeral do SLG

Por último, a reelexida Secretaria Xeral do SLG concluíu reivindicando a soberanía na toma de decisións, a democracia e a solidariedade con todas as persoas labregas e traballadoras do mundo como compoñentes esenciais da acción do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, demandando o recoñecemento da alimentación como un imperativo esencial para a sociedade. “Que haxa moitos labregos e labregas é unha cuestión fundamental. Nós non producimos calquera produto, queremos producir alimentos saudables e nutritivos e que coiden a terra. O que defendemos está máis vixente ca nunca, e precisamos máis que nunca unha ferramenta como é o Sindicato Labrego Galego para defendernos”, asegurou.

“No ano 2023 o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas cumprirá 50 anos de loita e queremos subliñar que a afiliación é o verdadeiro motor deste proxecto, desta loita. A afiliación é o corazón e o corpo da nosa organización, porque están no día a día, pero sobre todo por producir alimentos, coidar o territorio e transmitir o coñecemento e cultura labrega”, afirmou Isabel Vilalba. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información