A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Iogures Larsa, máis de 50 anos de éxito coa mesma receita

Os iogures Larsa, con máis de medio século de traxectoria, acaban de sumarse ó selo Galicia Calidade. Coñecemos a súa historia e algunhas das claves que os levaron a converterse nos iogures máis icónicos en Galicia

Iogures Larsa, máis de 50 anos de éxito coa mesma receita

Os iogures de Larsa acaban de sumarse ó selo Galicia Calidade.

Dende que saíron ó mercado en 1964, os iogures de Larsa apenas mudaron, e ese parece ser o segredo do seu éxito. Hoxe, son dos máis populares en Galicia e o seu iogur de vainilla sitúase como o máis vendido na comunidade entre os iogures de sabores.

“En Larsa buscamos innovar dende a tradición, e no caso dos iogures seguimos mantendo a mesma receita coa que se estrearon no mercado hai 56 anos”, explica Ana Rodríguez Grande, responsable de Produto de Larsa.

“En Larsa buscamos innovar dende a tradición, por iso para os nosos iogures seguimos mantendo a mesma receita coa que nos estreamos no mercado”

Os primeiros iogures de Larsa elaboráronse na factoría situada en Balaídos (Vigo) e comercializábanse en vasos de cristal que se vendían en farmacias, posto que as propiedades beneficiosas que se lle atribuían a este produto situábanos coma un medicamento.

Xa no 1992, Larsa traslada toda a súa produción de iogures á actual fábrica de Vilagarcía (Pontevedra). Na actualidade, nestas instalacións, cada día prodúcense 256.000 unidades de iogur elaborados con leite de pastoreo. Con cada 1.000 litros de leite elaboran uns 8.000 iogures.

_Evolucion-yogur-Larsa-

Dende que nos anos 80 comezaron a envasalos iogures nos característicos vasos de plástico apenas introduciron cambios no envase.

Mil e un sabores

Ó longo destes anos mantivéronse fieis á súa receita tradicional e tampouco a súa imaxe sufriu grandes cambios dende que nos anos 80 comezaran a envasalos nos seus característicos vasos de plástico. Unha das últimas modificacións fixérona hai uns meses, ó obter o selo de Galicia Calidade, un distintivo que se sitúa na tapa dos iogures. “Xa contabamos con este selo para o noso leite e dado que o iogur de Larsa é un produto moi icónico de Galicia e cunha calidade xa demostrada no mercado críamos que, lograr esta certificación era a evolución natural”, detalla Rodríguez Grande.

Contan cunha gama de 40 sabores entre os que se inclúen dende os máis tradicionais a sobremesas e froitas exóticas

Larsa conta hoxe en día cunha das gamas de iogures máis variadas do mercado, cunha produción de 40 sabores diferentes. Inclúen dende os clásicos iogures naturais, cos que comezaron, así como os sabores máis tradicionais, que empezaron a producir ó longo da década dos 70, como fresa, plátano, piña ou o seu líder de ventas, o iogur de vainilla.

Nestes anos, a marca foi sumando diferentes sabores. As últimas incorporacións realizáronas hai apenas uns días e trátase da súa gama de Cremosísimos, formada por iogures naturais, de fresa e limón fabricados con todo o sabor do leite de pastoreo e cunha textura máis cremosa e lixeira á vez.

Seguen sendo dos únicos iogures do mercado que se venden por unidades, sen packs cerrados. “Tendo un surtido de sabores tan amplo, e en base tamén ó que nos comentan os consumidores, cremos que debemos seguir dando a oportunidade de que cada cliente faga a súa propia selección”, explica Rodríguez Grande.

Yogures-cremosisimos-Larsa-

Unha das últimas incorporacións é a súa gama Cremosísimo.

O éxito da sobremesa de licor café

Larsa conquistou o mercado galego, o principal destino dos seus iogures, con algunhas das súas propostas máis arriscadas. Foi o caso, por exemplo, do boom que tivo a súa sobremesa de licor café, que saíu ó mercado en outubro de 2016. “Resultou todo un fenómeno, que mesmo provocou que houbese listaxe de garda nos supermercados para conseguilo. Superou totalmente as nosas expectativas”, comenta a responsable de produto.

Á marxe desta demanda, Larsa segue apostando por incluír novos sabores, como o de melón e framboesa, o de lima e limón ou o de mazá, que son algunhas das súas últimas incorporacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *