Investigan a mellora de abonos ecolóxicos a través de insectos alimentados con residuos da industria hortofrutícola

AMSlab e Grupo Iñesta ensaian novas solucións para o sector agrícola a través dos insectos como fonte animal renovable dentro do proxecto Bioentonomy, que pretende romper co modelo convencional de produción e avanzar cara a unha agricultura máis sostible, minimizando o seu impacto ambiental e maximizando a reutilización dos recursos

Publicidade

insectos Bioentonomy AMSLab

Poden ser os insectos un aliado para o aproveitamento de residuos da industria agroalimentaria e, ao mesmo tempo, unha nova fonte renovable de fertilización animal? É o que se está estudando en BIOENTONOMY: Novas estratexias de bioeconomía a través da biotecnoloxía de insectos, un proxecto en colaboración de investigación agroindustrial e de desenvolvemento experimental baseado na obtención de novas solucións para o sector agrícola a través da valorización de insectos utilizados para a dixestión de residuos agroindustriais.

AMSlab, laboratorio lucense especializado no control de calidade de diferentes sectores, e Grupo Iñesta, con sede en Alacante e que se dedica á fabricación de abonos e fertilizantes orgánicos para o coidado dos cultivos, son as empresas que conforman o consorcio encargado da investigación. O obxectivo xeral céntrase no aproveitamento de residuos da industria hortofrutícola a través de estratexias de biotecnoloxía de insectos para a obtención de novos produtos con potencial para o seu uso como insumos agrícolas. A utilización de insectos permitirá aumentar o valor engadido dos subproductos a valorizar dando lugar a unha fonte de proteínas e lípidos, principalmente, de gran interese para a industria agrícola.

A investigación céntrase no aproveitamento de residuos da industria hortofrutícola a través de estratexias de biotecnoloxía de insectos para a obtención de novos produtos con potencial agronómico como fertilizantes

“Preténdense obter extractos bioactivos a base de lípidos e aminoácidos e/ou péptidos con potencial agronómico para ser incluídos polo menos nunha formulación final comercializable con potencial bioestimulante, anti-estresante e/ou inductor de defensas, a partir dunha nova fonte animal renovable como son os insectos”, aseguran os responsables do proxecto.

Unha alternativa aos abonos de síntese

Desta maneira, búscase deseñar un proceso sostible e respectuoso co medio ambiente para unha produción alternativa aos procesos de síntese. “Preténdese romper co modelo convencional de produción e avanzar cara a unha agricultura máis sostible minimizando o seu impacto ambiental e maximizando a utilización dos recursos. Como resultado final obteríase a mellora de certos produtos destinados ao sector agrícola a través do uso de compostos beneficiosos obtidos de insectos que se alimentan dos residuos da industria agroalimentaria”, indican.

Preténdense obter extractos bioactivos a base de lípidos, aminoácidos e péptidos con potencial agronómico

O consorcio que dá vida a este proxecto abarcará actividades de deseño, análise, purificación, formulación e validación co fin de obter produtos de residuo cero e aptos para agricultura ecolóxica a partir dun proceso aliñado coa estratexia española de economía circular. Contan ademais coa colaboración do Centro Tecnolóxico Tecnova (situado en Almería), o Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, Xenotechs Laboratorios e AMSbiopharma, as tres situadas en Lugo.

Os produtos resultantes serían aptos para agricultura ecolóxica

Este proxecto atópase enmarcado dentro da convocatoria de Proxectos de I+D, subvencionado polo CDTI, apoiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e cofinanciado con Fondos Estruturais da Unión Europea (FEDER) dentro do Programa Operativo de Crecemento Intelixente 2014-2020. O desenvolvemento do mesmo suporá unha mobilización dun investimento de 642.774 euros de orzamento total.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información