Investigadores do grupo de Viticultura e Sanidade Vexetal da USC, que coordina a profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, Cristina Cabaleiro Sobrino, avanzan na identificación e posible eliminación dalgúns dos principais patóxenos transmitidos pola semente (algúns virus e bacterias) que afectan ás plantas da Faba de Lourenzá e que poderían estar a impedir que os cultivos acaden o seu máximo potencial produtivo ao abeiro do proxecto piloto ‘Posta en valor da faba de Lourenzá: Sanidade da semente, cultivo e comercialización’, unha iniciativa de I+d+i que conta con financiamento europeo a través dos fondos Feder.
O grupo de investigación en Sanidade Vexetal liderado por Cristina Cabaleiro comezou a traballar cos potyvirus da Faba de Lourenzá a principios de século XX e xa fixera algunha prospección en 2005, cando este equipo de I+D da EPS de Enxeñaría da USC puxo a punto os métodos de diagnóstico serolóxico. Dous anos despois deste primeiro achegamento á Faba de Lourenzá, este grupo de investigadores desenvolveu varios ensaios ao respecto, pero non foi ata 2015 cando, grazas ás pescudas desenvolvidas polo paquistaní Faruk Ahmad, -investigador que completou unha estadía no Campus de Lugo cunha bolsa Erasmus Mundus-, se puido constatar que a sintomatoloxía asociada aos virus observados no campo (plantas amarelas, mosaicos, deformacións de follas e brotes) estaba ligada principalmente á presenza do virus do mosaico común da xudía (BCMV) do grupo dos potyvirus.
Virus cada vez máis extendidos
Estes virus, explica Cabaleiro, no caso da faba teñen a particularidade, non frecuente en virus de plantas, de transmitirse por semente ademais de por vectores, o que complica enormemente o control da enfermidade. Dado que os agricultores utilizan semente propia ou fan intercambios, os potyvirus están cada vez máis estendidos, engade esta investigadora da USC.
Un estudo presentado en 2021 pola enxeñeira técnica agrícola Sonia Expósito constatou xa ese aumento da presenza de potyvirus no campo ao longo do verán e a avaliación de lotes de semente confirmou algúns porcentaxes de potyvirus e tamén bacterias como Pseudomonas savastanoi pv. Phaseolicola (Psph) que, en anos con condicións favorables causa problemas de nascencia, relata Cabaleiro.
Como variedade tradicional, a faba de Lourenzá parece ter certa tolerancia a estes virus, pero está pendente cuantificar as perdas, sinala a investigadora da área de Sanidade Vexetal da USC, quen precisa que o proxecto xa en marcha permitirá ensaiar e validar procedementos para facer posible a produción de semente libre destes patóxenos sistémicos, ao tempo que se proporcionará a técnicos e agricultores ferramentas para a identificación dos patóxenos e a selección da semente. “Dispor de semente libre de virus podería incrementar significativamente a produción e a calidade da Faba de Lourenzá”, subliña.
Respecto da cronoloxía deste proxecto de I+D, Cabaleiro comentou que xa está previsto establecer en 2022 varias parcelas para produción de semente libre de virus, partindo de material seleccionado. Este traballo complementarase co ensaio de distintas técnicas destinadas a impedir a transmisión de virus polos pulgóns vectores. A transmisión da tecnoloxía de diagnóstico e defensa aos agricultores da cooperativa Terras da Mariña será o cometido a desenvolver en 2023, dixo.
Colaboradores
O grupo de investigación Viticultura e Sanidade Vexetal da USC contará neste proxecto a prol da posta en valor e mellora das producións de Faba de Lourenzá coa colaboración do Centro Tecnolóxico da Carne (Ceteca), a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), a cooperativa Terras da Mariña, a IXP Faba de Lourenzá, ademais de produtores da comarca da Mariña luguesa.
As fabas de Lourenzá, un produto amparado pola Indicación Xeográfica Protexida homónima, son xudías secas separadas da vaina, procedentes da familia das leguminosas, da variedade local coñecida como ‘Faba Galaica’. Esta faba incluíuse no Rexistro de Variedades Comerciais, como variedade de conservación, (BOE do 10 de maio de 2018), logo dos traballos desenvolvidos na Misión Biolóxica de Galicia (CSIC). A área de produción desta legume é a comarca da Mariña luguesa, cuxa edafoclimatoloxía proporciona ao cultivo unhas características moi definidas, como a suavidade da pel ou un desenvolvemento homoxéneo das sementes. Daquela, a Faba de Lourenzá presenta unhas características cualitativas que a diferencian doutras variedades e que son moi apreciadas polos consumidores, conclúe Cristina Cabaleiro.