O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Universidade de Vigo continúan avanzando, a través da súa Unidade Asociada “Agrobioloxía ambiental. Calidade de solos e plantas”, constituída en 2014 e da que en 2017 se prevé asinar a súa renovación por outros tres anos, en novos coñecementos científicos acerca dos mecanismos xenéticos que controlan a resistencia a pragas e a outros estreses do millo, o que abre a porta a novos programas de mellora xenética da especie cos que se incremente a calidade e produción do cultivo.
Dirixida a afondar no coñecemento científico do papel da parede celular na resistencia do millo á praga do insecto perforador, esta Unidade Asociada suma o traballo que se está a levar a cabo entre o Grupo de Xenética e Mellora do Millo da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC, Pontevedra), centrado sobre todo en xenética e mellora da resistencia, e do grupo multidisciplinar BEV1 do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Facultade de Bioloxía, que achega a súa experiencia no coñecemento e análise da parede celular.
Polo momento os datos obtidos, que están xa a ser publicados en numerosas revistas de referencia en Ciencias Agrarias, suxiren que as paredes celulares máis fortificadas ou de maior grosor producen millos máis resistentes, chegando a descubrir rexións no xenoma que albergarían xenes involucrados na síntese de certos compoñentes da parede e que terían un destacado papel na resistencia.
Por que algunhas plantas resisten mellor as pragas, as secas ou as xeadas?
“Estamos a traballar na identificación dos mecanismos xenéticos de defensa do millo fronte aos estreses que afectan o cultivo, tentando comprender por que hai plantas que resisten dunha forma diferencial ás pragas ou enfermidades e toleran distintos estreses ambientais como a seca ou o frío. Neste contexto, obtivemos importantes avances. Así, recentemente identificáronse rexións do xenoma do millo que inflúen en certos compoñentes da parede celular e que tamén albergan xenes de resistencia á praga dos perforadores”, destacan Rosa Ana Malvar Pintos, do CSIC, e Manuel J. Reigosa Roger, da Universidade de Vigo.
“Estudos previos atoparan unha relación directa entre as cantidades de hidroxicinamato nas paredes celulares dos tecidos da medula do millo e a resistencia á praga dos perforador. Un aumento dos hidroxicimanatos na parede celular fortifica as mesmas e dificulta o acceso das larvas ao alimento”, explican os investigadores.
Neste contexto, a Unidade Asociada desenvolveu unha poboación de millo que segregaba para o contido en distintos hidroxicinamatos. Esta poboación foi xenotipada usando marcadores moleculares e avaliada para resistencia aos perforadores (medindo a lonxitude das galería producidas polas larvas) e fortificación da parede celular (analizando o contido en hidroxicinamatos). Iso permitiu detectar que certas rexións do xenoma do millo que controlan o contido en determinados hidroxicinamatos tamén poden ter un papel importante na resistencia, o que corrobora a relación xenética entre resistencia e fortificación da parede que xa fora suxerida en estudos previos.
Novos proxectos
Aclarado este aspecto, a Unidade Asociada está agora inmersa nun estudo que pretende dilucidar que compoñente ou que grupo de compoñentes da parede ten unha maior influencia sobre a resistencia. A isto únese a recente concesión do proxecto “Composición da parede celular. Función e balances entre resistencia a estreses (bióticos e abióticos), dixestibilidade animal e produción de bioenerxía”, financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e que ten como obxectivo avanzar no estudo da influencia dos compoñentes da parede celular na tolerancia á seca, a dixestibilidade animal e a produción de bioetanol.