Os investigadores e tecnólogos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que dende hai máis de 40 anos é un centro de referencia da investigación agraria, non só en Galicia, senón tamén en España, denuncian nun comunicado o “desmantelamento progresivo que se está a producir no CIAM nos últimos anos”. Segundo os investigadores, os factores principais que fundamentan o declive do CIAM son “a falta de cobertura de prazas imprescindibles, a carencia de investimentos, unha ineficaz xestión, e unha recente degradación do ambiente laboral ocasionada polos órganos de dirección da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), que colocan ao Centro nunha situación moi grave e probablemente irreversible”.
Unha das principais críticas céntrase na xestión das liñas de investigación do CIAM, xa que segundo o comunicado remitivo por 21 dos 23 investigadores e tecnólogos do centro, “estas créanse e priorízanse sen ter en conta a experiencia previa e o criterio dos investigadores, obstaculizándose algunhas destas liñas desenvolvidas durante moitos anos no CIAM polo seu indiscutible interese para o sector agrario de Galicia, descoñecendo totalmente os criterios de actuación que se seguen”.
Expresan tamén que “hoxe en día non hai transparencia na adxudicación de infraestruturas e equipamento, das accións de cooperación e das accións de transferencia. Non se publican as convocatorias e tampouco se comunican publicamente as resolucións, de xeito que se descoñecen como se conceden os recursos, cal é o reparto e quen son os beneficiarios”.
Outra das queixas expresadas polos asinantes da carta refírese ás “actitudes de falta de respecto cara ao traballo de varios investigadores do CIAM cunha experiencia acreditada, o que creou un malestar no colectivo”. Tamén reclaman que “se poña en valor a traxectoria investigadora do CIAM, e dos seus integrantes dando visibilidade ao traballo e a experiencia acreditada, evitando actitudes de menosprezo, de non contar co colectivo para reunións e xornadas no CIAM, e noutros foros de innovación e transferencia que nos afectan”.
Ao anterior súmanse outros motivos que crean malestar no centro, segundo os asinantes, como “a existencia de numerosas prazas sen cubrir e prazas eliminadas nos derradeiros anos, tanto de persoal investigador, como técnico de laboratorio e de persoal de campo, provocando que certas liñas de investigación se queden con pouca capacidade de actuación. Este número insuficiente de persoal para desenvolver adecuadamente os traballos provoca que, con frecuencia, os rabaños de animais queden mal atendidos, incumprindo a normativa de benestar animal e seguridade laboral, e non se poidan acometer ensaios de campo planificados nos proxectos de investigación”.
O “grave abandono do CIAM”, afecta, segundo os investigadores, tamén as Estacións Experimentais de Marco da Curra, A Pobra de Brollón e Salceda de Caselas.”Esta falta de persoal e o deterioro de infraestruturas e equipamentos destas Estacións están a condicionar a captación e desenvolvemento de proxectos, así como a seguridade dos traballadores”, advirten.
Por outra banda, sinalan que “a deficiencia nas inversións nos laboratorios, con equipos obsoletos e sen o mantemento adecuado, afecta non só á eficiencia investigadora, senón tamén directamente á seguridade laboral dos traballadores”. E citan que “aínda quedan sen arranxar varios equipos de laboratorio estragados nunha inundación acontecida en abril de 2022”.
A falta de colaboración tamén se reflicte, segundo a nota remitida, “na negativa a ocupar, desde maio de 2024, o cargo baleiro de Xefe de Departamento de Pastos e Cultivos, impedindo a boa coordinación dos investigadores do departamento e a comunicación cos superiores”.
Engaden que “tampouco se resolveu a prometida incorporación do persoal do INGACAL (previá AGACAL), á RPT da Xunta, que lévase anos reclamando”. “A existencia de moitas liñas de investigación unipersoais, sen apoio suficiente e sen relevo xeracional, abocan ao abandono de liñas de investigación de interese para Galicia”, advirten.
Por último, aseguran que “a elaboración dunhas directrices claras e un proxecto de futuro, no que se valore e potencie o CIAM, e que poida servir como polo de atracciónpara xente con talento investigador, formando grupos investigadores estables, é fundamental para manter o CIAM como referente en España na investigación agraria”. “Sen este apoio, e observando a situación crítica actual, parte dos investigadores están expresando a súa intención de concursar a outros destinos, o que agravaría o futuro do CIAM, debido a limitación de acceso sen ter feito o doutorado”, alertan.
Diante desta situación, os investigadores solicitan ao director da AGACAL, que tras coñecer estes feitos, “adopte medidas inmediatas para mellorar as carencias actuais do CIAM, e garantir un ambiente laboral baseado no respecto, a transparencia e o rigor científico”, restituíndo o canal de comunicación entre os órganos de dirección do AGACAL e os investigadores”.