A madeira está a gañar peso progresivo na construción industrializada, un novo xeito de edificar que combina estruturas elaboradas a medida en fábrica cunha montaxe áxil en obra.
Nesa liña, o Grupo Rodiñas (Teo, A Coruña) aposta polo impulso ás estruturas híbridas formigón – madeira, uns sistemas que xa está a empregar e ós que lle albisca maior uso no futuro, sobre a base do I+D+i, con proxectos como o ‘Life Timber for all’, en colaboración coa Plataforma de Enxeñaría en Madeira Estruturasl (Pemade, USC) e a Axencia Galega da Industria Forestal, XERA.
Que vantaxes ofrecen as estruturas binarias madeira – formigón respecto do formigón tradicional?
A hibridación de materiais, neste caso o formigón e a madeira, permite mellorar as características de ambos. A madeira mellora as súas propiedades mecánicas substancialmente e as acústicas tamén, ao aportarlle masa o formigón, e permite conseguir prezos máis axustados que a madeira en solitario. O formigón vese beneficiado sobre todo a nivel ambiental, xa que parte do CO2 emitido polo cemento contrarréstase polo carbono captado e almacenado na madeira.
Pero non se trata só de pezas mixtas, senón do concepto híbrido da estrutura na súa globalidade, colocando elementos do material que sexa mais eficaz e combinándoos. Para prefabricar, sexa co material que sexa, hai que comezar a cambiar, primeiro, a forma de proxectar.
“A construción industrializada esixe planificar cada detalle en antelación, non se vai actuando a medida que avanza a obra”
Hai que dedicarlle máis tempo, entrar máis a fondo nos detalles e actuar con moita antelación. Traballando nos detalles, todo está planificado e non se vai actuando a medida que avanza a obra.

Daniel Hermosilla.
Hai algún uso que sexa máis acaido para as estruturas coas que se está a traballar?
Iniciamos o traballo desenrolando distintas tipoloxías de forxados en función da súa luz.
Dende o panel de CLT (madeira contralaminada) cunha capa de formigón, para luces medianas; lousa de formigón alixeirado sobre o CLT, para luces algo máis grandes, que pode levar tamén postensado para acadar grandes luces. E usando vigas laminadas, temos o panel Pi, no que os nervios verticais son as vigas de madeira laminada unidas por unha lousa de formigón.
A introdución da madeira ten que ser progresiva. Hai que desenvolver separadamente os elementos para facer eficaz a súa aportación
Tamén estamos a traballar no deseño de panel de fachada mixto e ademais portante, para eliminar vigas e piares. O que se trata é de ir desenvolvendo elementos que poden traballar solos ou formar parte dun sistema completo que resolve o edificio enteiro.

Xa houbo ensaios de longa duración para comprobar como se comportan as vigas aserradas con forxado de formigón
Mais o avance ten que ser progresivo. Dar unha solución pechada de todo un edificio é difícil de colocar no mercado. Hai que ir desenvolvendo elementos horizontais, verticais, en función do rango de luces…para que a convivencia da madeira con outros materiais sexa harmónica e eficiente.
Dende que comezaron cos proxectos de estruturas híbridas formigón – madeira, que tipo de madeira están a empregar e de onde se obtén principalmente esa madeira?
Dende que iniciamos o proxecto de hibridar a madeira co formigón, tiñamos claro, por moitas razóns, que usariamos madeiras locais, e por dispoñibilidade, o piñeiro. Se pretendemos diminuír a pegada de carbono, non ten sentido usar madeiras de importación. Ademais, na nosa filosofía está completar as cadeas de valor localmente e ter impacto no noso territorio.
A madeira supón unha oportunidade de aproveitamento dos recursos cos que contamos nos montes galegos. E ademais, é un xeito de cooperar con toda a cadea forestal galega, que é moi ampla e está cada vez máis desenvolvida. Pero temos que ir a produtos de alta calidade e profesionalización. Non só sería bo para a nosa compañía, senón para Galicia enteira, mediante cruzamentos entre cadeas de valor.
Que perspectivas de futuro lle ve ás estruturas híbridas formigón – madeira?
Rodiñas é unha industria de prefabricados e estruturas e traballa para dar cabida á madeira nos seus proxectos. Galicia non é un sitio que requira dunha fabricación seriada e constante, polo que hai que ir máis ao singular. O obxectivo non é colocarlle ao cliente o material que a nós nos interesa, senón aportarlle a solución que necesita, que non sempre vai ser o formigón.
A madeira terá que entrar na construción da man da industria, da empresas que xa coñecemos o sector
Dende o mundo do formigón entendemos que cada vez se vai construír máis con madeira, e cremos que iso é bo. Pero con matices: a madeira terá que entrar na construción da man da industrialización, dos que xa estamos no sector e xa o coñecemos.

A madeira de piñeiro radiata é a que está a ter máis implantación no sector da estrutura construtiva
En que medida as Administracións son receptivas a estas novas técnicas constructivas e poden apoiala a través da obra pública?
A administración esta moi receptiva e atenta a evolución destes sistemas, xa que entende que Galicia pode ter unha vantaxe competitiva respecto doutros territorios no desenvolvemento de produtos deste tipo, xa que ten por un lado a materia prima e a industria para o aporte da madeira necesaria, e por outro lado, o ecosistema industrial, de investigación, etc que se precisa.
As administracións públicas entenden que Galicia pode partir con vantaxe no uso de madeira na construción
De feito no proxecto Life no que estamos traballando están tamen a Axencia Galega da Industria Forestal XERA e a USC (Pemade) por parte de Galicia. Tamen están a UGR (Universidad de Granada), o ITEC (Instituto Tecnolóxico de Cataluña) e o IAAC (Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña).
O Sergas deunos oportunidade de colocar algúns elementos mixtos no Hospital de Protonterapia de Santiago, obra de gran repercusión e que está sendo seguida en moitos ámbitos.
E debe haber un traballo paralelo no eido normativo para conseguir as certificacións e acreditacións que permitan colocar no mercado, con todas as garantías legais, estes novos produtos híbridos nos que xa estamos traballando. Porque na parte técnica imos moi avanzados.
Dende o punto de vista técnico, é complexa a elaboración destas estruturas? Ten un custo elevado?
Dende un punto de vista estritamente económico, vemos que as estruturas mixtas e hibridas ofrecen uns custos intermedios entre as de formigón e as de todo madeira, o cal fará que por esta vía, a madeira poida entrar na construción, aínda que sexa con menos cantidade, nun número maior de proxectos, o que se traducirá nun maior uso de madeira a nivel global.
Tamén hai que aprender a traballar en equipo. Arquitectos, fabricantes e construtores temos que cooperar dende o inicio. Se non, é imposible acadar altos niveis de sofisticación. Incluso aínda que non se teña a garantía -no caso de obra pública- de que vas ser o adxudicatario.
Para que os proxectos obteñan resultados é preciso que fabricantes, arquitectos, contratistas e madeiristas actuemos coordinados
Cómpre destacar como vantaxe que nestes traballos non se precisa ningún tratamento previo diferente sobre a madeira dos habituais empregados cando se coloca a madeira soa, sen hibridar co formigón.

Existen diferentes sistemas de anclaxe para os mixtos de vigas de madeira e forxado de formigón
O proceso de acoplamento e adaptación da madeira a un material tan radicalmente distinto como é o formigón supón unha dificultade engadida?
Evidentemente, a investigación destes fenómenos e as posibles adaptacións nos procesos forman parte dos temas estudados no proxecto. Isto tennos levado a cambios en dosificacións e a alterar a forma de curado do formigón para minimizar as tensións transmitidas á madeira.
Para que todo isto saia adiante, é preciso crear unha rede de coñecemento compartido. Aí estamos as empresas e teñen que estar as universidades e a administración. Sen esquecer que contamos cunha ferramenta de primeiro nivel, como é a Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (PEMADE), do Campus Terra da USC.
É precisa unha formación específica para traballar nas diferentes fases con estes materiais?
Estes elementos industrializados son fabricados nunha factoría por xente especializada. A colocación en obra tamén precisa de persoal cualificado para unha correcta ensamblaxe. Para iso estamos a impartir periodicamente, en colaboración coa Fundación Laboral da Construcción, cursos para formación de montadores de elementos prefabricados.
Toda a nosa experiencia lévanos a querer incorporar a madeira nos nosos proxectos. Tamén para axudar á propia madeira na alta construción. Non só por unha cuestión ambiental que axude a reducir a pegada de carbono.
Un compromiso coa madeira acreditado
Grupo Rodiñas participa no proxecto LIFE TIMBER FOR ALL, liderado por PEMADE, do Campus de Lugo da USC, que ten o obxectivo de introducir transformacións no sector da construción.O que se busca é o equilibrio entre formigón e madeira, harmonizando ambos materiales para afondar nas capturas de carbono a longo prazo e reducir as emisións que se derivan do emprego de formigón e aceiro.
O proxecto céntrase no desenvolvemento de sistemas estruturais formados de madeira e formigón. O que se quere integrar é formigón baixo en carbono, elaborado con cinzas de biomasa, e madeira local certificada de xestión forestal sustentable.

Desenvolvemento dunha clase en PEMADE. Foto: USC
O obxectivo é chegar a unha redución do 50% das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI), tomando como referencia as estruturas de formigón prefabricado, mentres se garante o almacenamento de carbono a longo prazo.
Tamén está previsto crear certificacións específicas, un pasaporte dixital de produto para o rastrexo de materiais e un sistema de créditos de carbono. Todo iso aplicarase tendo presentes os principios da Nova Bauhaus Europea, que promove unha construción inclusiva, sustentable e estética.
Ademais de PEMADE e do Grupo Rodiñas, no proxecto participan, Xilonor, a Universidade de Granada, a Axencia Galega da Industria Forestal XERA, a Fundación Galicia Constrúe, o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, o Institut de Tecnologia de la Construcció de Catalunya, o Institut d’Arquitectura Avançada de Catalunya e a spin-off da USC 3edata.
XERA destina 2,5 millóns de euros no 2026 a apoiar a construción en madeira
A Axencia Galega da Industria Forestal XERA destinará no 2026 case 2,5 millóns de euros á liña de axudas para promover o uso da madeira na construción. Na pasada convocatoria, estas subvencións permitiron realizar 244 proxectos, que se están a executar en 174 concellos de Galicia.
O programa de apoios deseñado por XERA ten carácter bianual e na pasada convocatoria (2024-2025) recibiu 682 solicitudes, case o dobre que na anterior. Trátase de axudas dirixidas a pemes e autónomos, cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro; así como persoas físicas, sexa de xeito individual ou en conxunto.
As contías van dende os 15.000 euros por proxecto no caso das persoas físicas ata os 120.000 no caso de obras en execución por empresas promotoras de edificacións en altura, unha novidade nesta última convocatoria, que contou por primeira vez cunha partida específica para este tipo de construcións.
Beneficiarios das axudas
Por tipo de beneficiario, a metade dos proxectos (122) foron de pemes e autónomos para nova construción, rehabilitación ou reforma de vivendas en altura, de naves e de establecementos de negocio, con máximos de ata 35.000 ou 70.000 euros por proxecto. A outra metade foron investimentos de persoas físicas, para nova construción, rehabilitación ou reforma de vivendas unifamiliares, cun tope de 15.000 e 45.000 euros segundo a porcentaxe de madeira empregada; cando menos, do 20 por cento.
Cómpre sinalar, ademais, que se a madeira empregada conta co seu certificado de xestión forestal que acredite a súa trazabilidade e é de orixe galega, ou leva a marca de garantía Pino de Galicia, a intensidade de axuda pode chegar ao 70 por cento do gasto subvencionable (de non ser así toparanse no 50 por cento).
Con respecto ao tipo de actuación, un 48 por cento é de obra nova. E, atendendo aos usos, a maioría das pemes e autónomos beneficiarios promoven proxectos e obras vinculadas a actividades de aloxamento temporal ou uso hoteleiro.
Galego









Control OJD