A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

A Interprofesional Provacuno divulga na Semana Verde a súa actividade na apertura de mercados

A Interprofesional de Vacún de Carne, Provacuno, asiste por primeira vez á Feira Semana Verde, dada a importancia do sector en Galicia. A organización decidiu acudir a esta e outras feiras sectoriais de toda a xeografía española para dar a coñecer a gandeiros e industriais o traballo que se está realizando no ámbito internacional, da comunicación e a innovación.

De forma paralela, André Arzúa recoñecido chef galego, está a realizar diferentes show cooking na caseta de Provacuno. O chef amosará, a través de diferentes preparacións, a versatilidade da carne de vacún, tanto na cociña tradicional como na moderna.

Na caseta da Interprofesional pódese coñecer toda a actividade exportadora do sector, así como os sete mercados que se lograron abrir desde que comezou a actividade de Provacuno. Nos primeiros cinco anos de actividade do organismo, o sector aumentou as súas exportacións un 25%.

O director da Interprofesional, Javier López, destaca “o gran esforzo que se fixo durante estes anos para incrementar as exportacións de Carne de Vacún”. PROVACUNO participou en máis de 30 feiras por Europa, América, Asia e Oriente Medio. “Seguiremos traballando para a apertura de novos países como Corea do Sur , Tailandia ou China, países que poderían activar a comercialización do vacún”, subliña o director da interprofesional.

Coidado do medioambiente
Provacuno destaca ademais que leva desde o 2019 traballando para minimizar as emisións de carbono á atmosfera, en colaboración coa comunidade científica co obxectivo de alcanzar a neutralidade climática no 2050.

O código de boas prácticas en gandaría é a primeira peza da estratexia Vacún de Carne Carbono Neutral 2050, e pronto se presentará o código de boas prácticas ambientais na industria. Tamén se puxo en marcha o esquema de benestar animal máis rigoroso do mundo e co valor engadido de ser un esquema acreditable pola Entidade Nacional de Acreditación, ENAC.

Ademais, desde a Interprofesional están a realizarse diferentes campañas de comunicación para valorizar a importancia de apoiar a este sector estratéxico. É un sector que mantén a 132.000 familias directamente e a outras tantas de forma indirecta, cuxa actividade actúa como motor económico e retén fronte ao despoboamento.

Sobre PROVACUNO
PROVACUNO é a Organización Interprofesional da Carne de Vacún, entidade de carácter privado, sen ánimo de lucro e de ámbito nacional, integrada polas principais organizacións do sector produtor e do sector da transformación/comercialización para a defensa dos intereses do sector de carne de vacún, lugar de encontro e foro de debate para a mellora da situación da cadea alimentaria sectorial.

Presenza na feira das IXPs de vacún de Galicia
A Semana Verde, que se celebra até o domingo en Silleda, conta tamén coa presenza das IXPs de vacún de carne de Galicia, Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego.

Ámbalas IXPs están a ofrecer masterclass coas carnes certificadas como protagonistas. A calidade excepcional e o gran sabor destas carnes, de categoría premium, exhíbese a través de diferentes pezas e propostas gastronómicas da man dos chefs Criselda Iglesias, da Tapería Lecer de Cangas, e Xosé Manuel Mallón, do Espazo Gastronómico Remollo. As tres demostracións culinarias programadas poñen en valor tanto os cortes singulares do vacún como outros máis tradicionais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *