A Interprofesional Láctea ultima o sistema de financiación para impulsar as campañas de promoción e apoio ó sector

A IV extensión da norma de InLac permitirá impulsar campañas de promoción e comunicación, así como levar a cabo iniciativas de I+D+i ata 2026. Deste xeito, establece unha cota de produción e unha de industrialización que suman 3,5 céntimos/100 litros

A Interprofesional Láctea ultima o sistema de financiación para impulsar as campañas de promoción e apoio ó sector

A IV extensión da norma permitirá promover os productos lácteos nacionais

Á falta da súa publicación no BOE, a Organización Interprofesional Láctea (InLac) fixa a aportación económica conxunta de produtores e transformadores en 3,5 céntimos/100 litros para os vindeiros catro anos na súa cuarta extensión de norma. A cantidade correspondente tanto a produtores como a transformadores será a mesma, de 1,75 céntimos/100 litros. A vixencia desta irá desde o 2 de xaneiro de 2023 ata o 31 de decembro de 2026.

Establécese como modelo de financiación unha cota de produción e outra de elaboración. A cantidade económica reduciuse respecto á extensión de norma vixente -2019/2022- e será igual para produtores e elaboradores, así como para os tres tipos de leite, é dicir, para vaca, ovella e cabra. Para calcular a cota estimouse a produción de leite dos vindeiros 4 anos e realizouse un análise de todas as actividades en cada unha das liñas de traballo e o custo aproximado.

Cotas da IV extensión de  norma. Fonte: InLac

En total, o orzamento estimado para estes catro anos de vixencia -2023/2026- será de 11,8 millóns de euros, investindo nas mesmas liñas de traballo que a norma anterior. O 80 % dos fondos recadados destinarase a promoción e comunicación. O obxectivo é poñer en marcha campañas que poñan en valor o leite e os produtos lácteos de orixe nacional, destacando as súas propiedades nutricionais e saudables, e dando a coñecer o compromiso do sector co medio ambiente.

Desta forma creáronse dúas subliñas: ‘Promoción e comunicación do leite e os produtos lácteos’ e ‘Mellora da imaxe da produción gandeira e a sustentabilidade social e ambiental da actividade do sector lácteo’ cunha dotación orzamentaria mínima do 55% e do 35% respectivamente que garanta e estabilice fondos para proxectos a longo prazo.

O 7 % do orzamento destinarase ao capítulo de vertebración sectorial cuxo fin é fomentar a transparencia en toda a cadea láctea, elaborando e difundindo información de valor engadido e clave para todos os axentes do sector. Ademais, porase a disposición de todos os operadores do sector as ferramentas necesarias para contribuír a actuar como axente vertebrador, contribuíndo a equilibrar o sector lácteo.

A liña de I+D+i, que contará co 6% do orzamento, ten como propósito desenvolver estudos e informes sobre asuntos de interese para o sector lácteo e pór en marcha proxectos de ámbito sectorial, non competitivo; contribuíndo á sustentabilidade, modernización, profesionalización e desenvolvemento tecnolóxico do sector lácteo español. O 7 % restante asignarase á xestión da extensión de norma.
Cotas de produción e de elaboración
A cota de produción e a cota de elaboración aplicaranse a toda a produción de leite de vaca, ovella e cabra que se entregue dentro do territorio español. Desta forma, o pago da cota de produción recaerá sobre as explotacións gandeiras produtoras e vendedoras de leite cru de vaca, ovella ou cabra.

Tamén o fará sobre aqueles produtores que destinen directamente ao consumidor toda ou parte do leite que produzan e/ou elaboren produtos lácteos de vaca, ovella e cabra de venda na explotación. O pago da cota de elaboración recaerá sobre os operadores que transformen leite cru de vaca, ovella e cabra.

No sistema introducíronse, por outra banda, algunhas novidades. Até agora a figura do recadador-pagador único, correspondíase co primeiro comprador identificado e rexistrado na aplicación informática de Infolac. Agora, nesta nova extensión de norma, a figura de pagador-recadador na cota de produción será o primeiro comprador identificado e rexistrado na aplicación informática Infolac. Esta cota trasladarase aos gandeiros reflectíndoa na factura.

Por outra banda, no caso da cota de elaboración, o recadador-pagador será o primeiro comprador identificado e rexistrado na aplicación informática Infolac, responsable da primeira transacción co gandeiro, en función do leite que transforme; ou ben, o operador identificado e rexistrado na aplicación informática Infolac como comprador de leite cru nas declaracións obrigatorias complementarias efectuadas polos primeiros compradores de leite de vaca, ovella e cabra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información