A Interprofesional inicia unha campaña para poñer en valor o modelo de produción lácteo de Europa

Reivindican a calidade, trazabilidade, benestar animal e compromiso ambiental do sistema de produción europeo fronte ós de terceiros países. Destacan as oportunidades de mercado que ofrece o modelo

A Interprofesional inicia unha campaña para poñer en valor o modelo de produción lácteo de Europa

Calidade, rastrexabilidade, benestar animal, seguridade alimentaria e compromiso ambiental son puntos fortes do modelo de produción europeo, que contribúen a que os lácteos elaborados no mercado comunitario teñan cada vez máis proxección internacional, ofrecendo amplas garantías aos consumidores de todo o mundo. Son tamén algúns dos factores que pon en valor a campaña europea “Conta cos produtos lácteos europeos” que está a impulsar a Organización Interprofesional Láctea (InLac).

Esta campaña europea trata, en consecuencia, de informar desde unha perspectiva científica dos valores que hai detrás do sector lácteo, no plano ambiental e tamén nutricional. “O modelo de produción europeo abre portas aos lácteos nos mercados exteriores”, explica o presidente de InLac, Daniel Ferreiro. Ademais, o marco lexislativo da UE serve de inspiración para o desenvolvemento de modelos noutros continentes que apostan por elevar os seus propios estándares como resposta ás demandas dos consumidores de hoxe en día.

Alto compromiso do sector co medio ambiente

O sector lácteo está moi sensibilizado co cambio climático, e por iso, traballa para alcanzar a neutralidade climática, que empeza por avaliar os niveis de emisións asociadas á produción, procesado e comercialización dos lácteos. “O obxectivo é reducir as emisións progresivamente para producir a mesma cantidade de leite, optimizando así os recursos, reducindo a nosa pegada ambiental. Ademais, os propios pastos, son un sumidoiro natural de carbono, e a actividade gandeira axuda a mantelos”, indica Ferreiro.

Dende a Inlac defenden que a opinión pública debe coñecer todas as implicacións positivas derivadas do pastoreo, que axuda á dispersión das sementes, favorecendo así a rexeneración das especies vexetais, á vez que contribúe a evitar os incendios forestais, grazas a que os ruminantes eliminan a forraxe facilmente inflamable. “Isto tradúcese, ademais de nun beneficio directo para as especies vexetais e indirecto para a fauna que habita nestes ecosistemas; en maior biodiversidade”, engade o presidente da Interprofesional.

Neste contexto, os profesionais dos sectores do vacún, ovino e caprino de leite son conscientes de que melloraron moito en eficiencia e tamén a concienciación dos propios produtores co coidado da natureza e dos ecosistemas. E que deben seguir avanzando para manter os seus compromisos co Planeta e cos consumidores.

A chave de mercados internacionais

Reputados científicos do Comité de Sustentabilidade Láctea (o órgano asesor da campaña europea impulsada por InLac), explican como o modelo de vangarda europeo abre portas nos mercados internacionais, máis aínda naqueles destinos onde xurdiron problemas de seguridade alimentaria como en China. Tal e como lembran, o modelo de produción europeo leva moitos anos traballando de acordo coas esixencias dos consumidores en termos de seguridade alimentaria, calidade dos produtos, impacto ambiental e benestar animal.

“Este modelo produtivo debe xerar un valor engadido aos alimentos europeos á hora da súa comercialización, tanto dentro como fóra da UE, poñendo no mercado uns alimentos acordes cos consumidores máis esixentes”, sinala o doutor enxeñeiro agrónomo pola Universitat Politècnica de València e subdirector do Departamento de Ciencia Animal no Instituto Universitario de Ciencia e Tecnoloxía Animal, Fernando Estellés.

“A Unión Europea foi elevando nos últimos anos o nivel de esixencia en materia de seguridade alimentaria, impacto ambiental e benestar animal nos seus sistemas de produción láctea, o que permitiu que sexa referente a nivel internacional”, explica David R. Yáñez, doutor en veterinaria e investigador científico do CSIC.

“Temos un tesouro e non sempre somos plenamente conscientes de iso”, explica o doutor enxeñeiro agrónomo Tomás García-Azcárate, tras lembrar que os lácteos europeos ofrecen garantías de máxima calidade e rastrexabilidade, sen esquecer outros atributos como sabor ou orixinalidade que os fan únicos e cada vez máis demandados en terceiros países.

Ademais, os valores nutricionais dos lácteos suman atractivo para defender o seu consumo, no marco dunha dieta equilibrada, como a Mediterránea. Os lácteos achegan proteínas e hidratos de carbono, fundamentalmente en forma de lactosa, ademais de calcio, potasio, fósforo, zinc e outros minerais, así como vitamina B12 e A. Así, dende a Interprofesional continúan a reivindicar tamén a importancia dun consumo regular de lácteos polo seu aporte nutricional.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información