Intercambio de experiencias sobre construción en altura con madeira

O proxecto europeo Interreg Sudoe Eguralt reúne en Pamplona a expertos de España, Francia e Portugal para intercambiar experiencias sobre novos sistemas construtivos en madeira e analizar as principais barreiras técnicas existentes para o uso de madeira en edificación

Visita de los integrantes del proyecto a las viviendas de alquiler social construidas en madera dentro del programa Navarra Social Housing Entremultivas en Pamplona

Visita dos integrantes do proxecto a vivendas de aluguer social construídas en madeira en Pamplona

O proxecto Interreg Sudoe Eguralt, que comezou en 2021 e finalizará neste primeiro semestre de 2023, celebrou o pasado 24 de febreiro en Pamplona o seu Evento Final nun acto no que participaron máis de 60 entidades, entre as que se atopaban varias empresas e entidades públicas, así como centros de investigación de varios países.

As entidades socias do proxecto Interreg SUDOE Eguralt procedentes de España, Portugal e Francia, así como profesionais do mundo da construción participaron neste acto para presentar os obxectivos e resultados do proxecto a través de tres mesas redondas centradas na construción en altura con madeira.

Dentro deste proxecto desde o ano 2021 buscáronse solucións innovadoras para a promoción da construción de media altura con madeira

A primeira mesa redonda versou sobre a promoción da construción con madeira en altura e a importancia da dixitalización na construción con madeira, intercambiando ideas sobre as diferenzas entre traballar con novos sistemas construtivos en madeira e a construción tradicional.

A segunda mesa redonda tratou sobre novas solucións en madeira, debatendo sobre resultados actuais de I+D+i e as principais barreiras técnicas para a construción con madeira en altura, así como sobre as necesidades para as persoas prescritoras para o impulso da construción en madeira.

A terceira mesa correu a cargo de Azahara Soilán, técnica da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e centrouse na sensibilización e concienciación. Os relatores, entre os que estaba Manuel Touza, técnico en CIS-Madeira, puxeron de manifesto a percepción que ten a sociedade da construción en madeira e certos paradigmas e ideas preconcibidas erróneas, así como os cambios necesarios para mellorar esta percepción, destacando a necesidade de mellorar as sinerxias entre os axentes implicados no sector da construción.

Visitas a distintas obras

O día anterior ao Evento Final, o consorcio do proxecto Interreg Sudoe Eguralt e os seus stakeholders realizaron 3 visitas: a primeira foi ás instalacións de Egoin en Vitoria Gasteiz, empresa con gran experiencia acreditada no deseño de solucións estruturais de madeira para o sector da construción. Visitaron despois as vivendas con estrutura de madeira situadas en Leitza, deseñadas por I+M Arquitectos. Por último, puideron visitar as vivendas de alugueiro social construídas en madeira dentro do programa Navarra Social Housing Entremultivas en Pamplona, promovido por Nasuvinsa.

Eguralt é un proxecto europeo con 8 entidades beneficiarias de 6 rexións do espazo Sudoe que permite a aplicación e difusión de solucións innovadoras para a promoción da construción de media altura con madeira no espazo Sudoe.

Contribúe así ao reto global de loita contra o cambio climático a través da promoción do uso de materiais naturais provintes de fontes sostibles e renovables. Financiado polo Programa Interreg Sudoe a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Eguralt conta cun presuposto FEDER de 1.011.562,20€.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información