Intercambio de experiencias entre viticultores da conca do Navia e da comarca do Barbanza

As dúas zonas produtoras comparten castes autóctonas como a branca lexítima, que están a recuperar os adegueiros pertencentes á nova IXP Terras do Navia. A visita forma parte dun programa de formación impulsado pola Deputación de Lugo para a recuperación da produción na zona

Publicidade
Viticultores e adegueiras de Terras do Navia visitan o Barbanza, dentro programa formativo da área de Medio Rural da Deputación de Lugo

Un momento da visita de viticultores e adegueiros das Terras do Navia ao Barbanza, dentro do programa formativo da área de Medio Rural da Deputación de Lugo

As persoas participantes no programa formativo para a recuperación da produción de viño no territorio da futura IXP Terras do Navia, financiado pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo, realizaron o pasado 27 de novembro unha visita didáctica e de intercambio ao territorio da Indicación Xeográfica Protexida Barbanza-Iria.

Durante as actividades formativas e de intercambio, desenvolvidas ao longo de todo o día, os viticultores de Negueira de Muñiz, Navia de Suarna e A Fonsagrada tiveron ocasión de coñecer de primeira man proxectos enraizados na tradición vitivinícola do territorio da IXP Barbanza-Iria, postos en marcha por persoas que comparten unha arela común: o respecto pola tradición histórica da vitivinicultura no seu territorio e o afán pola súa recuperación e desenvolvemento futuro como fórmula de mantemento dun rural vivo.

O programa formativo inclúe xornadas técnicas sobre poda, defensa vexetal e control de pragas e doenzas

Esta xornada de intercambio con proxectos doutros territorios intégrase no plan de actividades do Programa Formativo e de Desenvolvemento promovido pola área de Medio Rural coa colaboración da Asociación Galega de Viticultura (AGV) e no que xa se teñen celebrado xornadas sobre a oportunidade que supón a creación da IXP Terras do Navia, ou de perfil técnico para abordar temas como a poda, a defensa vexetal e o control de doenzas e pragas.

Tres exemplos de viticultura respectuosa coa tradición

Os participantes na xornada de intercambio de experiencias visitaron en primeiro lugar as instalacións e viñedos da adega Torres Augusti na parroquia de Cordeiro, no concello de Valga (Pontevedra). Durante esta visita o propietario da mesma, Manuel Bandín, relatou as orixes da súa aposta pola elaboración de viños da zona, a instalación de viñedos e os viños brancos elaborados nesta adega.

Continuouse a viaxe de intercambio facendo parada en Cabo de Cruz, no concello de Boiro (A Coruña), para visitar a adega C.A. Saborido, onde Antonio Saborido compartiu os seus esforzos polo mantemento e recuperación de viñedos antigos, algúns con cepas prefiloxéricas, con castes autóctonas como o Caiño Tinto, ou Raposo (Branca Lexítima), cultivadas en emparrado baixo e algunhas plantadas en terreos areosos á rente do mar, e as distintas elaboracións de viños tintos, brancos, rosado, etc.

A viaxe completouse na Pobra do Caramiñal (A Coruña) coa visita á adega Entre Os Ríos onde Francisco Crusat, fundador e impulsor do proxecto, e o seu fillo José Crusat partillaron as súas experiencias dende a recuperación de viñedos con castes autóctonas, a creación da adega e as distintas liñas de elaboracións que están a facer, así como a investigación noutras elaboracións que buscan desenvolver toda a potencialidade das súas uvas e bo facer: escumantes, en talla de barro, etc.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información