Intercambio de experiencias entre produtores de pataca de Coristanco e da Bretaña francesa

Agricultores galos da cooperativa Bretagne Plants participarán no mes de xullo en Galicia nunhas xornadas técnicas de formación sobre a mellora do cultivo con motivo da celebración do 40 aniversario da Festa da Pataca

Publicidade
A visita a Bretagne Plants estivo encabezada polo alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, que tamén é produtor de pataca

A visita estivo encabezada polo alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, que tamén é produtor de pataca

Produtores de pataca de Coristanco desprazáronse esta semana até a Bretaña francesa para afondar no acordo de colaboración técnica que manteñen con agricultores galos para a mellora do cultivo dentro do Plan Estratéxico da Pataca de Coristanco.

O intercambio, facilitado pola EFA Fonteboa, consistiu nunha visita á sede de Bretagne Plants para coñecer o traballo desta cooperativa do Finisterre bretón formada por 270 produtores, cunha superficie cultivada de 6.700 hectáreas e unha produción de 183.000 toneladas de pataca que exportan a 60 países.

A cooperativa Bretagne Plants exporta o 64% da súa produción de patacas a 60 países

É a segunda visita que realizan produtores galegos a esta organización de produtores que agrupa a todos os produtores de semente de pataca certificada da Bretaña. A anterior fora en xullo do ano pasado.

Instalacións de Bretagne Plants en Hanvec

Instalacións de Bretagne Plants en Hanvec, no departamento do Finisterre francés

Os agricultores franceses devolverán a visita no vindeiro mes de xullo, coincidindo coa celebración da 40 edición da Festa da Pataca de Coristanco, que este ano incluirá un programa de formación sobre a mellora das técnicas produtivas e o coidado do solo.

No marco destas xornadas, unha delegación da cooperativa bretona exporá a súa experiencia aos produtores locais. Bretagne Plants está dirixida por un Consello de Adminstración formado por 15 agricultores procedentes das diferentes zonas de produción e conta cun departamento de comercialización e outro de innovación e experimentación, encargado da produción de semente certificada para os socios.

Prácticas de alumnos da EFA Fonteboa en explotacións leiteiras de Bretaña e Normandía

Un total de 21 alumnos e alumnas da EFA Fonteboa están a realizar neste momento prácticas formativas en granxas leiteiras francesas da Bretaña e Normandía, dous dos departamentos con maior produción láctea do país.

En concreto, un grupo de 8 alumnos de Producción Agropecuaria están a levar a cabo unha estancia de 3 meses en explotacións da rexión de Normandía e outro grupo de 13 alumnos realiza unha estadía de 3 semanas en ganderías do departamento de île et Vilaine, un dos catro que integran a Bretaña.

Un total de 21 estudantes participan nas estadías en ganderías francesas

Estas estadías, integradas no Programa Erasmus+, teñen como obxectivo que os alumnos adquiran unha mellor comprensión do funcionamento dos sistemas de produción agraria nos distintos países da UE e gañen deste xeito competencia profesional.

A maioría dos alumnos e alumnas desprazados a Francia están integrados en granxas especializadas en produción de leite, tanto en convencional como en pastoreo ou ecolóxico, e todas elas contan con algún elemento innovador, ben en sistemas de produción ou en cuestións relacionadas coa xestión de residuos ou coa diversificación produtiva e a introdución de novos cultivos para garantir a autonomía alimentaria da explotación. Tamén hai presenza de estudantes en iniciativas gandeiras vinculadas ao cabalo, especie emblemática na Bretaña francesa.

Estes intercambios están organizados pola EFA Fonteboa en colaboración coas escolas agrarias galas MFR Ferte-Macé e MFR Janzé

Profesores da EFA Fonteboa encárganse de facer un seguemento das estancias dos alumnos, con visitas ás explotacións nas que se atopan os rapaces e rapazas facendo as prácticas. Dentro desta labor de supervisión, está prevista do 17 ao 22 de maio unha viaxe para coñecer distintas experiencias en produción de leite de granxas nas que se atopan os alumnos na que participará Campo Galego.

Diversificación das producións

Luis García, director da EFA Fonteboa, explica que “todas as explotacións que se van visitar teñen algo de innovación e a súa experiencia pode ser moi interesante para Galicia”. Aspectos como a organización do territorio, a mecanización das granxas, as CUMAs de maquinaria conxunta, as estratexias para o fomento do relevo xeracional ou a diversificación das producións formarán parte do programa da viaxe.

As explotacións da Bretaña e Normandía combinan a produción de leite con cultivo de cereais, xirasol ou horta

Neste sentido, Luis García explica que “en Galicia o sector leiteiro evolucionou moi rápido nos últimos anos cara a un modelo único baseado na produción intensiva de leite nas ganderías, mentres que nesa parte de Francia dase unha maior diversificación das producións nas explotacións, que combinan a produción láctea con outras de carácter agrario (cereal, xirasol, horta), que neste momento de inestabilidade e altos custos de produción é interesante”, asegura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información