“Intento volver á viticultura que se facía no Ribeiro cara o ano 1800”

Entrevista a Bernardo Estévez Villar, viticultor de vocación da Arnoia, no Ribeiro. Aposta pola recuperación das castes autóctonas e por practicar unha viticultura tradicional adaptada ao medio. O seu viño Issué, elaborado de forma ecolóxica e biodinámica, xa leva recibido varias distincións. Para o vindeiro ano sacará ao mercado dous novos viños: “Cepas Vellas” e “Mai”

Publicidade
“Intento volver á viticultura que se facía no Ribeiro cara o ano 1800”

Bernardo Estévez Villar nun dos seus viñedos

Bernardo Estévez Villar é viticultor por elección e por vocación. E iso nótase na sabedoría e cariño con que fala da viticultura no Ribeiro, a Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, e dos seus viñedos nos vales da Arnoia. É un dos pioneiros na aplicación da biodinámica e da agroecoloxía á viticultura, que para el non é máis que recuperar a viticultura antiga. Os seus viños plurivarietais -cultiva 24 castes autóctonas- son cada vez máis valorados tanto dentro como fóra de España.

Es unha persoa que naceu e medrou en Vigo. Como decidiches dedicarte á viticultura na Arnoia, no Ribeiro?
Foi unha decisión progresiva. O meu avó e os meus tíos tiñan viñas e adegas no Ribeiro e foi unha atracción que foi medrando pouco a pouco ata que se converteu en demasiado forte. Decidín ir combinando o traballo que tiña en Vigo con plantar algunhas viñas aquí na Arnoia, ata que tiven un mínimo de superficie para dedicarme ao 100% á viticultura e a elaborar viños. Entón foi cando decidimos virnos a vivir aquí. Comecei a traballar as viñas no ano 2001 e no amo 2009 elaborei o meu primeiro viño.

Agora mesmo cultivo arredor de 3 hectáreas, aínda que o marco de plantación é tradicional e o número de vides é bastante denso, polo que obriga a un importante traballo de man de obra.

Contas con 24 variedades tradicionais de vide. Por qué apostaches por estas variedades minoritarias?
Preocupeime por investigar e por falar cos vellos viticultores e con expertos como Paco Rego, que me animaron a enriquecer os meus viñedos recuperando as variedades antigas e autóctonas de Galicia. Enténdese que están máis adaptadas ao territorio e o traballo de recuperación fíxeno fundamentalmente por reinxerta, pero tamén plantando algunha viña con estas castes minoritarias.

O resultado é que os viños son máis ricos en matices, máis expresivos, con varias castes que lle van dar ao viño moita máis amplitude.

“Antes había unha caste para cada sitio. É o que intento recuperar”

Por outra parte, a orografía aquí é extrema, con moitos tipos de orientacións e de chans, polo que antes había unha caste para cada sitio. A día de hoxe é un traballo de recuperación lento, de ir probando, pero vou adaptando cada variedade a cada terreo.

En canto ás variedades que cultivo son Lado, Treixadura, Silveiriña, Verdello Antigo, Albilla, Loureira e Godello nas brancas e Brancellao, Tinta Amarela, Carabuñeira, Caiño da Terra, Caiño Bravo, Ferrol, Sousón , Mencia, Garnacha Tintureira, Espadeiro, Tinto Serodio, Corbillón, Caiño Longo, Caiño Redondo e algunha máis nas tintas.

Apostaches tamén pola viticultura ecolóxica e biodinámica. ¿Por qué elixiches esta forma de traballar?
Os cultivos na viticultura actual son excesivamente dependentes de abonos tanto químicos como animais, de tratamentos fitosanitarios que en boa parte son potencialmente canceríxenos e eu non quería seguir con esa dinámica.

Por outra parte, o produto desta viticultura biodinámica máis cercana ao natural, é un viño moito máis respectuoso coa zona na que están, neste caso son unha expresión dos vales do Arnoia. Penso que optar pola biodinámica e pola ecoloxía é unha cuestión de conciencia para que non lle deixemos á humanidade do futuro unha natureza estragada.

Que viños elaboras neste momento?
Da colleita de 2015 elaboro tres viños: Issué, o primeiro viño que fixen, que é unha mestura de castes brancas e de mestura de uvas de distintos solos dos dous vales que hai na Arnoia, o val de San Vicente e o de San Amaro. No 2015 elaborei Cepas Vellas, procedente de cepas dos meus sogros e dos meus avós cunha idade media superior aos 75 anos. E logo elaboro un tinto, Mai, mestura de uvas tintas dos dous vales de Arnoia e con 11 castes diferentes (Caiño Longo, Caiño Redondo, Brancellao, Sousón, Tinta Amarela…etc).

Estes tres viños non sairán ao mercado ata finais do ano que ven, despois dun envellecemento na adega. Se as uvas proceden dunha viticultura natural e o máis natural posible, unha vez que o viño fermentou, a súa evolución é moi longa: durante oito ou nove meses o viño nas pipotas está evoluíndo continuamente, polo que embotellalo ao pouco sería cortar ese proceso de evolución. E logo envellece en botella entre 8 meses e un ano, para completar ese proceso de evolución. O viño é quen di se precisa ese proceso de envellecemento para seguir evolucionando. Neste momento teño dispoñible para a venda o Issué 2014.

“Vendo o 50% fóra de España, con moi boa acollida en Estados Unidos e Reino Unido”

Como está acollendo o mercado os teus viños?
O mundo do viño é bastante máis complicado do que pode parecer exteriormente e determinados tipos de viños, como os meus, teñen un mercado determinado e leva tempo chegar a eles. Pero pouquiño a pouco e con esforzo estouno logrando. A día de hoxe vendo sobre todo en Inglaterra e en Estados Unidos, pero tamén en Galicia e noutras partes de España. En total, vendo un 50% fóra de España, en Galicia arredor dun 10% e no resto de Comunidades arredor dun 40%, sobre todo en Barcelona, Valencia, Cantabria, Asturias ou o País Vasco.

Falas da necesidade de volver aos sistemas tradicionais de poda e de plantación, con filas máis estreitas e maior densidade de plantación. ¿Non é ir contra a modernización?
Nas viñas que plantei as cepas están en arame pero imitando a poda o vaso de estacado, con guyot abertos para abrir a cepa e mellorar a maduración.

No Ribeiro, como mínimo, lévanse traballando as viñas dende o século XII de forma documentado, e seguramente dende a época dos romanos, polo que a sabedoría e a adaptación ao medio que hai nesa viticultura tradicional non a podemos comparar con 40 ou con 50 anos de viticultura moderna.
Eses viticultores pasaron crises ecolóxicas e climáticas e sabían cales eran as podas máis interesantes e as variedades máis adaptadas a cada parcela. Intento volver facer unha viticultura como a que se facía no Ribeiro cara o ano 1800, básicamente porque é unha viticultura con máis experiencia, máis adaptada ao medio.

A xente que podería falar desa viticultura antiga tería hoxe entorno aos 110 anos. Aínda hai xente que recorda traballar con cobre de pedra, non se esfollaba nin se despuntaba, fertilizábase con toxo e estrume do monte…pero atopar viticultores que lembren cultivar castes antigas xa non é posible. No Ribeiro, o Palomino e a Garnacha implantáronse trala Guerra Civil porque eran máis produtivas e a xente tiña que subsistir.

¿Debe resultar moi complicado traballar en ecolóxico nun clima húmido como o Ribeiro, onde os fungos campan ás súas anchas?
Hai que matizar que antes de mediados do século XIX non había nin Mildeu nin Oídio nin Black Rot. A súa gran preocupación era a labor de fertilización, que se facía sobre todo con toxo e outros restos de monte. Tamén se incidía moito na orientación da viña e na adaptación de caste ao terreo.

Para combater as enfermidades fúnxicas traballo fundamental con cobres e con algo de xofre, e sobre todo con extractos hidroalcohólicos de plantas, que máis que unha labor antifúnxica, o que fan é reforzar e fortalecer a videira para que sexa máis resistente aos ataques dos fungos. Logo tamén se pode traballar con arxilas, bentonitas e principios activos de plantas, pero eu procuro traballar máis con extractos de plantas que elaboro eu mesmo.

Fálase moito de que cada vez se nota máis o cambio climático na viticultura. ¿Como o estás a notar?
Aquí no Ribeiro nótase en que en pleno verán temos unha semana con choivas e 20 graos de temperatura e á semana seguinte temos temperaturas por riba dos 35 anos. A adaptación dende o meu punto de vista é volver á viticultura moi antiga. Se nos fixamos nas densidades altas de plantación que había tradicionalmente no Ribeiro, de entre 7.000 e 10.000 plantas por hectárea, iso xeraba uns microclimas dentro das viñas que evitaban a degradación dos solos e facilitaban a retención de humidade. Xunto a iso aconsellaría traballar con cubertas vexetais no chan para manter a estrutura e a fertilidade do solo, e tamén traballar con extractos de plantas para mitigar o estrés que van sufrir as vides cos picos de calor.

 “Adaptarse ao cambio climático é volver á viticultura antiga”

Como se está comportando o 2016 para a viticultura?
Está sendo complicado en toda España e en toda Europa. En zonas de Andalucía chegou o mildeu e arrasou con bastantes plantacións. Foi un ano no que non houbo frío no inverno, co que a poboación de fungos mantívose bastante viva, e veu unha primavera moi chuviosa…co que o 2016 está sendo tremendamente complicado.

O gran reto que temos na viticultura en Galicia é o relevo xeneracional e quen vai traballar a viña no futuro. Dáse o paradoxo de que temos uns viños que están acadando un recoñecemento fantástico a nivel internacional, pero ao mesmo tempo a viticultura en Galicia está en regresión, cunha media de idade moi elevada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información