A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, presidiron este mércores en Santiago a reunión do Comité de Coordinación Policial anti incendios. Nesta xuntanza acordouse intensificar os labores de vixilancia nas zonas de maior actividade incendiaria e fíxose tamén unha avaliación dos lumes máis virulentos dos rexistrados este verán, analizando a súa causalidade, así como as perspectivas en canto á evolución de cara ao que resta de campaña de perigo alto de incendios.
Ao remate da xuntanza, a conselleira do Medio Rural sinalou que se fixo unha análise do número de lumes e das zonas de maior actividade incendiaria e “a partires de aí analízanse as estratexias a levar a cabo”. Lembrou que detrás da maioría dos lumes hai unha compoñente humana e por iso destacou o labor investigador dos distintos corpos e forzas do seguridade do Estado e das brigadas de Medio Rural para esclarecelos. Sinalou que no mes de xullo e o que vai de agosto houbo unha maior actividade incendiaria nas provincias de Lugo e Ourense, “pero iso non quere dicir, -puntualizou- que se deixen de lado as de Pontevedra e A Coruña, porque tamén se rexistran focos nelas”.
A conselleira lembra aos concellos a obriga de limpar as fincas arredor dos núcleos de poboacion
Advertiu que “estamos vixilantes e actuando con toda rapidez”, pero tendo en conta as condicións de seca en boa parte de Galicia e sobre todo en Ourense, con problemas de abastecemento de auga que tamén afectan o dispositivo, con niveis de humidade moi baixos e temperaturas elevadas, menores do dez por cento, que fan que “unha árbore arda como se fora palla”, engadiu. Por iso, dixo, malia que o número de incendios é menor que outros anos no mes de xullo, estes pódense complicar por estas condicións tan desfavorables.
A conselleira destacou que “o operativo está funcionando moi ben e perfectamente coordinado” e pediu, unha vez máis, a “colaboración cidadá e prudencia ao achegarse ao monte, así como por parte da xente que vive no rural”. Insistiu en cualificar como fundamentais as franxas de seguridade e reiterou neste sentido a obriga de todos e cada un dos propietarios e das diferentes administracións con competencias, en especial as máis próximas aos cidadáns, como son os concellos.
Actuación intensa, especialmente no Sur de Ourense
Pola súa parte, o delegado do Goberno en Galicia explicou que se van intensificar as intervencións dos corpos e forzas de seguridade do Estado, que se veñen realizando durante todo o verán, en distintas zonas de Galicia. Lembrou o importante operativo disposto, que integran case 3.000 efectivos da Garda Civil, Policía Autonómica e Policía Nacional, destinados de forma directa e indirecta aos incendios forestais.
Santiago Villanueva explicou ademais que “en caso de necesidade modificaranse os lugares da súa intervención, dándolle prioridade a determinadas zonas”, especialmente do sur de Ourense, sen descoidar outras áreas. Engadiu que se continuará co traballo dos escuadróns de cabalería, pero tamén potenciando en determinadas zonas da provincia de Ourense os Grupos Rurais de Seguridade (GRS) da Garda Civil, así como os medios aéreos, mesmo intensificando a presenza dos drons.
“No que vai de ano detivéronse en Galicia 128 persoas en relación cos lumes forestais”
O delegado do Goberno lembrou, ao tempo, que no que vai de ano houbo en Galicia un total de 128 persoas detidas ou investigadas en relación cos incendios forestais, “número amplamente superior aos datos do 2016”. destacou.
Nesta liña, remarcou que non vai quedar ningún incendio sen investigar e que se van intensificar estes labores no propio lugar dos incendios e de xeito complementario, “sen escatimar ningún recurso para deter os autores dos incendios forestais e poñelos a disposición xudicial”.
Por último, Santiago Villanueva insistiu en reclamar a colaboración cidadá para aportar datos, probas ou testemuñas que poidan axudas nestes traballos policiais e lembrou que cando se queima o monte destrúese o patrimonio de todos os galegos.