“A Intelixencia Artificial xa nos axuda nos tratamentos da viña e predición de colleita”

Da man de Miguel Tubío, Director Técnico de Martín Códax, coñecemos os pasos que a cooperativa vitivinícola leva dado para implementar as novas tecnoloxías, que lles permitan ser máis eficaces e competitivos

Publicidade

Vendima-2020-DO-Rias-Baixas-Martin-Codax-6

Por que e con que obxectivos afrontan esta aposta pola Intelixencia Artificial (IA)?
Antes de nada, hai que deixar un concepto moi claro: o uso da IA non é un obxectivo en si mesmo; primeiro temos que saber cal é o noso obxectivo como empresa e logo buscar as ferramentas de IA que nos sirvan para conseguilo. A dixitalización que fixemos estes anos foi a que nos permitiu ter unha recollida de datos que agora posibilita un uso da IA que cada vez será máis proveitoso para os 300 socios da cooperativa e os 250 viticultores que nos proveen de uva.

A IA non fai milagres, necesita unha recollida de datos moi rigorosa para que poida utilizalos de forma eficiente. Con eses datos desenvólvense os algoritmos predictivos, xenerativos ou doutro tipo que serán os que teñan utilidade máis práctica.

A IA non é un obxectivo en si mesmo. É a ferramenta para conseguir un obxectivo fixado previamente

Xa levamos moitos anos apostando polas novas tecnoloxías. E dende o primeiro momento tentamos aplicalas en todo o proceso: dende o traballo na viña ata que a botella chega ao consumidor. Fomos pioneiros na teledetección, aplicándoa na clasificación dos viñedos co emprego de imaxes de satélite. Daquela obtiñamos mapas que nos daban moita información sobre diferentes índices como o vigor das cepas, a densidade de folla ou o aspecto dos solos.

Toda esa información que se foi e se segue recollendo, mesturámola con outros parámetros de tipo climático, topográfico, hídrico… e poñémola en mans das ferramentas de IA para que nos axuden a tomar decisións sobre colleitas, tratamento de pragas e demais procesos da viticultura. Estamos empezando pero sabemos que cada vez irá a máis.

Tamén fomos pioneiros, alá por 2011, no desenvolvemento dunha plataforma para a detección de mildeu na que os protagonistas foron os viticultores. Realizáranse enquisas para ter os datos de cales eran as funcionalidades que vían máis útiles, unha especie de precursor do caderno de explotación. Deso saiu o proxecto Viñas Atlánticas, que foi un éxito.

Coas limitacións que agora vemos que tiña a teledetección fomos quen de agrupar parcelas. É decir, identificar aquelas que tiñan valores similares en vigor do viñedo e potencial enolóxico. Dese xeito puidemos seleccionar as uvas similares para facer cada tipo de viño coas características que buscamos.

Pola dispersión e número de parcelas que temos -2.500- sería imposible facelo de xeito manual. Pois se eso se fixo con algo relativamente sinxelo como a teledetección, as posibilidades da IA son case infinitas. Podemos non só coñecer o potencial da mestura de uvas de parcelas afíns senón ata predecir a súa calidade e matices ou escoller a forma de elaboración.

En que apartados da cooperativa están empregando xa as ferramentas da IA?
De momento estamos a utilizar a IA en tres partes do noso traballo. Por suposto, na xestión comercial e económica e todo o que ten que ver con vendas, compras ou mercados. Un exemplo é a aplicación CRM para tratar cos clientes. Hoxe hai ferramentas predictivas que permiten anticiparse ós gustos dos consumidores e eso é moi útil para deseñar a estratexia comercial e organizar e priorizar os produtos que imos ir sacando. Por poñer un exemplo, se temos unha idea clara da demanda que vai haber dun determinado viño, planificaremos mellor o seu embotellado.

As máquinas que hai nas adegas son unha fonte de información para que a IA funcione correctamente

A parte de adega é outra área na que estamos introducindo a IA. Nese eido hai moitos puntos en común cos procesos industriais noutras empresas agroalimentarias moi diferentes da nosa. Pódese facer un mantemento predictivo da maquinaria ou optimizar os métodos e liñas de traballo. Insisto en que, para que todo eso sexa efectivo, as máquinas -as cubas onde se almacea o viño, as embotelladoras…- deben facer unha recollida de datos o máis exacta posible.

E tamén na parte comunicativa, de deseño e de marketing, que é moi importante no noso sector e que, de momento, é o campo máis accesible da IA no tocante a xeneración. Por exemplo, na xeneración de contidos para as redes sociais ou nos deseños corporativos e imaxes de marca.

Hai que ter en conta que comercializamos arredor de 90 referencias e todas necesitan dese labor de promoción e imaxe que a IA pode favorecer. Non é que esteamos a prescindir do factor humano -que segue sendo a primeira fonte de creatividade- pero si que hai procesos que son máis lentos e costosos se se fan do xeito tradicional.

Que fan coa IA no viñedo?
Estamos aínda no inicio dos procesos. Pero partimos de que na viña hai dúas liñas principais. Unha é a predicción da colleita, que permitirá organizar con moita antelación o traballo nas nosas diferentes adegas e identificar as posibilidades de cada viñedo para agrupalos por afinidade.

E outra é a predicción de pragas e enfermidades, coa que podemos optimizar o uso dos tratamentos fitosanitarios ou facer manexos preventivos, algo fundamental nunha cooperativa coma a nosa, con tanto minifundio e dispersión de parcelas. Nós non somos matemáticos e non imos nin desenvolver nin sequera entender os algoritmos e fórmulas matemáticas que se empregan para interrelacionar os datos. A nosa función é recollelos e servilos de maneira eficaz para que as fórmulas funcionen.

En Galicia a IA aínda non pon en risco o labor do pequeno viticultor tradicional

O uso da IA e sobre todo da IA aplicada á robótica para os traballos físicos na viña aínda parece algo lonxano. Dependerá da súa accesibilidade económica e do tipo de terreo no que se vaia utilizar. En zonas onde hai pouca man de obra terán que ir pensado en drons ou brazos robóticos para tarefas como o sulfatado ou a poda.

Pero sempre e cando a orografía permita empregalas e o custo non sexa inasumible. Nin a IA nin a robótica poñen en risco de desaparición a día de hoxe o labor de viticultura tradicional. Polo menos no tocante ao perfil de pequeno viticultor que temos hoxe en Galicia.

poda martin codax viña

Como obteñen coñecemento sobre a IA?
Nós facemos un seguemento moi exhaustivo de todas as ferramentas de IA que van aparecendo. Mesmo aínda que estean en fase experimental ou estean por riba das nosas posibilidades técnicas e económicas. Porque é un mundo que avanza moi deprisa e o que parecía imposible hai un ano hoxe pode ser unha realidade.

Temos constancia de que hai en marcha proxectos que permiten facer unha primeira análise do viño na súa fase inicial e predecir cal vai ser a súa evolución e que corpo, sabores ou aromas van ter; algo que sería de moita axuda para os enólogos.

Outra cousa que hai que saber é que os algoritmos pódense “adestrar”. Poñamos un caso xa existente, que é o da Rioxa. Alí ubicaron estacións e instrumentos para medir todo tipo de datos co obxectivo de predecir a colleita que ía haber. Introduciron datos de diferentes campañas nunha serie de puntos polo territorio, datos hídricos, de produción, de malas herbas, de pragas, de temperaturas…para que foran analizados pola IA e que ésta extrapolara a colleita que podería haber. O resultado foi moi satisfactorio. Pois eso podémolo facer aquí, aínda que coas nosas particulariedades.

E como están a acoller os socios estas novas tecnoloxías?
Nós tentamos implicar os viticultores na implementación de todas estas ferramentas. Certo que acaban traballando sóas, pero nas fases iniciais de toma de datos pode e debe participar quen traballa a parcela. O uso da IA non ten que ser algo que preocupe ó viticultor, que debe estar centrado no manexo agrario, senón que ten que ser un aporte que lle facemos para o seu beneficio e o do conxunto de socios, un elemento que o informe e que lle axude a tomar decisións.

Antes traballábase cos datos das estacións climáticas que non eran nin suficientes nin totalmente fiables. Agora hai moitísimos outros datos que, interrelacionados, poden dar unha idea clara do sulfato que hai que dar ou de cando facer a poda. Sobre todo nos anos que se presentan máis difíciles. Porque, repito, o obxectivo é a xestión correcta da viña, non o uso correcto da IA.

Os responsables técnicos temos que achegar as ferramentas para que o viticultor tome decisións coa máxima información posible

Dende o departamento técnico da cooperativa, informamos en todo momento os socios e incluso os proveedores externos de uva dos pasos que se dan para a implementación da IA. Xa o fixemos cos primeiros pasos que se deron en dixitalización. Porque, ao fin e ao cabo, son eles os que se van beneficiar desas ferramentas. E hai que decir que en todo momento a acollida foi moi positiva. E esta praxis de informar de cada paso que se dá aplicámola tanto na zona onde naceu Martín Códax como nos lugares nos que adquirimos presenza nos últimos anos, como son o Ribeiro, Monterrei ou as terras do Ulla.

Aínda que non ten que ver co mundo dixital, e a modo de anécdota, unha mostra do permeable que é aquí a xente cara as innovacións vímolo cando participamos nun proxecto de combater os fungos con ozono. Daquela axudara moito un socio da cooperativa que coñecía o potencial desinfectante do ozono porque traballaba nunha piscifactoría e ata deseñara un aparello para aplicalo na viña.

Estamos, pois, ante unha revolución na viticultura?
A IA está aquí para quedarse e cada vez irá a máis. O que non asuma eso e non actúe en consecuencia, ten as horas contadas. Antes dos buscadores de internet, había que ir a unha enciclopedia e consultar cun experto, pero os buscadores abriron unha ventá ao mundo. Pois agora as posibilidades da IA son infinitamente maiores. Eu son enxeñeiro agrónomo e sei que a IA pode reemplazar a meirande parte das miñas funcións e coñecementos; o que teño que facer é buscar outros ámbitos nos que poida aportar o meu valor.

O fundamental é que o viño se faga do mellor xeito posible e que se venda. Coas ferramentas que teñamos en cada momento

Non hai que ter medo. Cando apareceron os primeiros tractores seguro que moitos traballadores do campo se botaron contra eles e pensaron que sen a tracción animal desaparecerían as vacas, e nin desapareceron as vacas nin os labregos. Hoxe estamos nun proceso análogo á Revolución Industrial, cos seus debates éticos e condicionantes. Para min, o importante é que o viño se faga o mellor posible e que se venda ben. Coas ferramentas que sexan precisas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información