A intelixencia artificial na produción de penso e a redución da pegada ambiental, eixos da xornada técnica de AGAFAC

Jornada AgafacComo aplicar a Intelixencia Artificial (IA) á produción de penso foi o tema central da XXVI Xornada Técnica da Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso, organizada por Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), que se celebrou esta mañá no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago de Compostela.

A temática, de especial relevancia no sector, busca pór en valor o uso da IA na fabricación de pensos, así como visibilizar os esforzos que están a realizar as principais empresas da industria da alimentación animal por incorporar as novas tecnoloxías á produción de pensos de calidade.

Baixo o título “Estratexias de nutrición, redución e cálculo de emisións e a IA na produción de penso”, a Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso (FITP) organizou unha xornada destinada aos profesionais do sector, que ao longo da mañá puxeron en común o seu coñecemento e experiencia en distintos ámbitos da cadea de produción.

Bruno Beade, director da Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso e da Agafac, foi o encargado de inaugurar a xornada. Seguiulle Eugenio Cegarra García, director técnico e de asuntos regulamentarios de De Heus Nutrición Animal, cuxa intervención estivo centrada no microbiota e na estratexia nutricional.

Pola súa banda, Braulio de la Calle Campos, director técnico de rumiantes en Coren Agroindustrial, debullou algunhas das claves para reducir o uso da soia en vacún de leite e vacún de carne, co obxectivo de frear o impacto ambiental e as emisións contaminantes derivadas das actividades gandeiras. “Temos que mirar ao futuro e adaptarnos aos acontecementos que estamos a vivir. Hai que investir en formación e investigación sobre a pegada ambiental”, declarou.

Impacto da pegada de carbono

Neste sentido, a pegada de carbono na etiquetaxe de pensos foi outro aspecto esencial do que trataron os profesionais alí reunidos. O doutor Jesús Méndez Batán aproveitou o seu relatorio para remarcar a importancia de reducir as emisións de amoníaco na gandaría, e a súa transcendencia na nutrición animal.

Pola súa banda, Eva Parra e Ermanno Crivellaron, de Magnifeed Ibérica, afondaron no impacto ambiental da etiquetaxe de pensos, achegando técnicas para calcular a pegada de carbono. “A deforestación ten un impacto directo na pegada de carbono”, manifestaron os relatores, que puxeron sobre a mesa algunhas estratexias para reducir as emisións de CO2, ao mesmo tempo que se reducen os custos de produción.

“A motivación é lexislativa, pero tamén comercial e ética. Necesitamos os datos, así como as ferramentas adecuadas. O sistema está feito para reducir o consumo enerxético e aumentar a eficiencia enerxética”, afirmaron.

A IA, novo aliado do sector

Pero se houbo unha protagonista indiscutible da xornada, esa foi a IA. Braulio de la Calle volveu subirse ao estrado para falar sobre os seus diferentes usos e aplicacións no proceso de produción de pensos compostos.

“O crecemento que ten a intelixencia artificial é exponencial. Non nos damos conta da velocidade á que vai”, asegurou, explicando termos como Big Data ou Chat GPT, e a súa repercusión na industria da alimentación animal.

A intelixencia artificial na gandaría apréciase na incorporación de dispositivos electrónicos que están controlados pola IA e que axudan aos profesionais a tomar decisións. “En moitas granxas fan xenómica. Eliminan animais por criterios xenómicos para mellorar o gando. Isto non sería posible sen a IA”, argumentou.

Tras estes relatorios tivo lugar un debate informal, onde todos os participantes convidaron aos profesionais presentes na sala a achegar o seu punto de vista sobre os temas tratados, así como instaron a consultar dúbidas sobre deforestación, sustentabilidade, emisións de CO2 e/ou calquera dos aspectos que ocuparon a xornada, profundando nos procesos que afectan ás materias primas.

Finalmente, o presidente da Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso e de Agafac, José Luís Rei Rodríguez, foi o encargado de clausurar a xornada, que terminou cun cóctel de networking. “A boa acollida é o que nos fai seguir organizando estas xornadas”, asegurou, engadindo que “a actualidade sempre marca a axenda da FITP”. “En Agafac sempre apostamos pola innovación, e seguiremos facéndoo”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información