Instrucións técnicas para pontes peonís en madeira: unha mobilidade segura e máis sostible

A Axencia Galega de Infraestruturas, coa axuda de XERA, concretou no 2025 as bases técnicas para o deseño de sendas periurbanas que incorporen pasarelas en madeira. Abordamos algúns aspectos clave a ter en conta para garantir a súa vida útil

Instrucións técnicas para pontes peonís en madeira: unha mobilidade segura e máis sostible

Ponte en arco en Betanzos, con taboleiro suspendido de madeira de 40 metros de lonxitude.

A Administración galega está a apostar pola madeira na obra civil, tanto en edificios de uso público (por exemplo en centros de saúde) como en infraestruturas de mobilidade no ámbito urbano ou periurbano.

No marco do convenio asinado entre a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), redactouse a Instrución 1/2025 para o deseño de pontes peonís ou ciclistas de madeira en actuacións planificadas, proxectadas ou construídas pola Xunta de Galicia, que entrou en vigor no 2025.

A colaboración do persoal técnico de AXI e XERA fructificou na aprobación dunha instrucción técnica para o deseño de pontes peonís ou ciclistas de madeira

O obxectivo desta Instrución é establecer uns criterios básicos de deseño para a construción das pontes peonís e ciclistas de madeira en sendas de titularidade autonómica. A Xunta de Galicia emprendeu unha serie de estratexias dirixidas ao fomento da mobilidade sostible en contornas urbanas e metropolitanas, entre as que se atopan a implantación de sendas peonís e ciclistas nas principais cidades.

O obxectivo é que as pontes en madeira que caracterizarán a paisaxe galega do futuro sexan estéticas, estean ben protexidas, sexan duradeiras, de alta calidade e funcionais

Este Plan de Sendas implica a creación de novas estruturas que permitan salvar os accidentes xeográficos e infraestruturas existentes no territorio, estruturas que están a ser deseñadas con madeira, ao consideralo o material máis axeitado por ser de orixe natural, de baixa pegada de carbono, renovable, durable, reutilizable, reciclable e compostable.

Unha vez aprobada a instrución técnica, o seguinte paso é materializala nas actuacións que promove a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) en distintas localidades e que están na actualidade en fase de redacción de proxecto. O documento de referencia recolle dende as prescricións básicas a ter en conta na fase de redacción do proxecto e execución da obra, como tamén o mantemento posterior para garantir unha vida útil axeitada.

Estratexia de durabilidade

A durabilidade é a capacidade dunha estrutura ou elemento estrutural de satisfacer, co mantemento axeitado e planificado, os requisitos de rendemento deseñados ao longo da súa vida útil.

Pero para asegurar a durabilidade das estruturas de madeira ao exterior nun clima de alta humidade e precipitacións coma o galego é preciso establecer os requisitos construtivos e condicionantes técnicos mellor adaptados ao material e xerar novo coñecemento entre os técnicos implicados.

Asegurar o cumprimento da vida útil das pontes de madeira require adoptar estratexias de durabilidade e mantemento dende a fase de deseño da estrutura

A creación deste marco normativo ten precisamente este obxectivo, actuando en todas as fases do proceso, desde a planificación e redacción do proxecto construtivo, á execución do mesmo e ás tarefas posteriores de mantemento e conservación.

A estratexia de durabilidade desta instrución pivota arredor de varios eixos:

• Protección contra o ingreso de auga e a exposición aos raios UV dos elementos estruturais.

• Selección axeitada dos materiais en función da súa exposición aos axentes climáticos e biolóxicos, prescribindo especies de madeira cunha durabilidade natural suficiente ou cun tratamento axeitado as condicións de uso.

• Deseño das estruturas tendo en conta as operacións de mantemento e reparación.

• Establecemento dun programa de inspección e mantemento das pontes de madeira, identificando danos e actualizando os detalles de deseño para previr futuros problemas. O mantemento abrangue a substitución dos elementos que non forman parte da estrutura principal.

Vida útil

XERA vida util das pontes de madeira

As estruturas que se constrúan con madeira deberán posuír un deseño que garanta a súa durabilidade durante a vida útil para a que foron deseñadas, cun custe de mantemento acoutado e preservando a integración estética na paisaxe ao longo da súa vida.

Así, establécense catro categorías para definir a vida útil das pontes que se constrúan e dos seus elementos. Por exemplo, os pavimentos, as varandas, as táboas de sacrificio ou os paseos elevados típicos das zonas costeiras clasifícanse na categoría 4, cunha vida útil de 10 anos.

Sen embargo, as pontes de madeira protexidas de categoría 1 proxectaranse para unha vida útil de deseño de 100 anos. Para acadar esta vida útil, deberán contar cunha protección física fronte aos axentes abióticos empregando algún dos seguintes deseños: pontes con teito, que protexe os elementos estruturais de madeira do ingreso de auga; pontes con elementos estruturais de madeira protexidos en tódalas caras por unha envolvente; e pontes mixtas de madeira e formigón (TCC), onde a lousa protexe as vigas situadas embaixo.

As pontes de madeira máis antigas que se conservan son pontes cubertas. Este tipo de infraestruturas contan con gran tradición en países coma Suiza, Austria, Alemaña, Estados Unidos ou Canadá. En Europa, exemplos de pontes cubertas antigas son a ponte Kapellbrücke (Lucerna, Suiza) e a ponte Punbrugge (Panzendorf, Austria).

A primeira, orixinalmente construída no ano 1365, mantívose até o ano 1995 que sufriu un incendio. A segunda, construída no ano 1781, mantense na actualidade. En Estados Unidos e Canadá lévanse construíndo dende mediados de 1700, moitas das cales se atopan en funcionamento (con operacións de mantemento e reparación máis ou menos profundas). Exemplos recentes do emprego desta solución construtiva son pontes construídas en Alemaña nas localidades de Ainring e Emmendingen.

Ponte de madeira cuberta en Ainring (Alemaña)

Ponte de madeira cuberta en Ainring (Alemaña)

Inspeccións e mantemento

A estratexia de inspección e mantemento das pontes de madeira é fundamental para o seguimento dos activos construídos. A Administración autonómica galega non conta con experiencia na xestión de estruturas de madeira, polo que anticiparse aos problemas que poden experimentar, para atallalos o antes posible, é fundamental.

A frecuencia de inspección principal de obras de paso de luz maior a 3 metros empregada de xeito habitual en España é de 5 anos, pero co obxectivo de reducir riscos de deterioro, na instrucción técnica aprobada pola Xunta para pontes de madeira proponse que a frecuencia para realizar as inspeccións principais sexa máis reducida.

Para optimizar os procedementos para reducir os custes de mantemento durante a vida útil das estruturas establécense tres tipos de inspección:

• Básicas (cada 12 meses, excepto cando coincida coa inspección principal)
• Principais (cada 30 meses)
• Especiais (segundo os resultados da inspección principal, a proposta dos inspectores, que detallarán o tipo, medios e ensaios necesarios, de ser o caso)

O manual de mantemento de cada ponte incluirá un cronograma coas tarefas de mantemento a executar nun período de 25 anos, cunha valoración económica, así como a vida útil esperada dos sistemas de protección superficial e elementos auxiliares (apoios, xuntas, táboas de sacrificio, etc).

Especies recomendadas

A especie de madeira deberá ter as propiedades mecánicas que permitan cumprir cos requisitos estruturais, así como garantir a durabilidade esixida, ben de xeito natural (clasificación na norma UNE EN 350) ou ben cun tratamento protector axeitado.

Entre as especies máis empregadas habitualmente atópanse, por exemplo, o pino silvestre (Pinus sylvestris), cuxa madeira adoita recibir un tratamento en autoclave ao baleiro mediante o sistema Bethell ou célula chea (dobre vacío en autoclave), coa adición dunha sal hidrosoluble.

O deseño dos detalles construtivos das pontes é fundamental para asegurar a súa durabilidade e minimizar o custe de mantemento e explotación

É posible empregar especies de madeira local como o piñeiro galego (Pinus pinaster) ou o castiñeiro (Castanea sativa), en distintos elementos das pontes en función das súas características resistentes e de durabilidade.

Efectos da humidade

As variacións no contido de humidade da madeira conducen a inchazón (incremento de humidade) ou merma (perda de humidade), variando as dimensións das pezas. Esta variación dimensional é diferente en cada unha das tres direccións da madeira debido á estrutura celular da mesma.

Estas variacións de humidade teñen consecuencia directa na capacidade resistente da madeira, no incremento do risco de ataque por xilófagos (humidade >20%) e propician a aparición de fendas e o conseguinte risco de acumulación de auga.

Para limitar as consecuencias da inchazón ou merma da madeira, esta deberá instalarse cun contido de humidade próxima á Humidade de Equilibrio Higroscópico (HEH) que acadará unha vez posta en servizo. Ao mesmo tempo, os posibles cambios de dimensións, producidos pola inchazón ou merma da madeira, deben considerarse no deseño construtivo e non deben quedar restrinxidos polos elementos de unión.

O contido de HEH determinarase en cada proxecto en función das variables climáticas do emprazamento da obra. Como regra xeral, esixirase unha HEH inferior ao 14-16% (±2%) no momento da súa instalación.

O contido de humidade (HEH) inflúe, ao mesmo tempo, nas propiedades mecánicas da madeira, pois un aumento do contido de humidade significa a diminución das propiedades mecánicas.

Tratamentos protectores

Cada especie de madeira ten unha durabilidade natural (a do duramen sen recibir ningún tratamento) fronte aos axentes xilófagos, que pode requirir ou non tratamento protector para cada clase de uso.

A protección superficial dos elementos de madeira realizarase cun material de recubrimiento pigmentado que forme unha película opaca con propiedades protectoras. O tratamento superficial deberá aplicarse antes de colocar a madeira no exterior e asegurarase a continuidade do sistema de protección superficial filmóxeno mediante o redondeo de arestas.

A durabilidade natural da especie de madeira seleccionada pode non ser suficiente para a clase de uso requirida, polo que sería preciso aplicar un tratamento protector

As arestas dos perfís de madeira (aserrada ou laminada) son puntos débiles que non permiten a axeitada continuidade dos tratamentos protectores superficiais. Para evitar este problema e favorecer a evacuación de auga dos perfís, tódalas arestas deberán arredondarse cun radio 5-10mm, executado con fresadora antes da aplicación do tratamento superficial. Non se permitirá o biselado en ángulo, independentemente da inclinación.

A cor de acabado da protección superficial será gris claro, garantindo un equilibrio entre as prestacións funcionais (minimizar a temperatura) e a integración paisaxística.

Anclaxes

A vida útil da subestrutura, con carácter xeral, será de 100 anos. A durabilidade asegurarase mediante a selección de materiais axeitados. Os elementos que formen parte da subestrutura e transmitan as cargas da superestrutura ao terreo deseñaranse empregando formigón armado ou aceiro, segundo os condicionantes técnico-económicos de cada proxecto e as directrices do director do proxecto.

A selección destes materiais en detrimento da madeira xustifícase por razóns de durabilidade e mantemento, pois o deseño con madeira supón clasificar estes elementos en clase de uso 4, en contacto co terreo, ou 5 en zonas costeiras.

Os pernos, tirafondos ou cravos que se coloquen coas ferraxes deberán ser do mesmo material ou equivalente ao das propias ferraxes, para garantir a ausencia de corrosión galvánica (corrosión bimetálica) entre materiais metálicos en contacto e a mesma durabilidade das ferraxes.

Pavimento

Os pavimentos das pontes peonís executáronse, tradicionalmente, con madeira aserrada colocada en dirección transversal á marcha. Na cara superior, estes elementos dotábanse con pequenas acanaladuras para garantir o coeficiente de escorregamento.

No clima propio de Galicia, é habitual que estas acanaladuras aumenten o tempo de permanencia da auga nos elementos, minorando a súa durabilidade e aumentando o custe de mantemento.

Xa que o emprego destas pezas rañuradas é a forma máis usual de executar pavimentos, recoméndase respectar as seguintes disposicións construtivas:

• Os parafusos ou pernos deberán situarse entre dúas rañuras.

• En caso de empregar madeira de piñeiro tratada con sales hidrosolubles, é importante orientar os aneis de crecemento de maneira que a súa parte convexa estea orientada cara ao exterior. Desta maneira, a madeira de albura cunha maior cantidade de produto protector quedará exposta ao exterior incrementando a durabilidade do pavimento.

Outras opcións serían:

• Fixar ou inserir láminas de material antiescorregadizo á superficie das táboas de madeira
• Empregar pavimentos sobre a madeira a base de resinas con adición de áridos, que impermeabilizaría a cara horizontal superior do pavimento, minorando o custe de mantemento e aumentando a súa durabilidade.
• Empregar mallas andideslizantes (mallas de polietileno) grampadas ao pavimento de madeira.

Pontes mixtas madeira-formigón: unha solución técnica que maximiza a eficiencia estrutural dos dous materiais

Ponte de estrutura de madeira e lousa de formigón en Stuttgart (Alemaña)

Ponte de estrutura de madeira e lousa de formigón en Stuttgart (Alemaña)

A sección mixta madeira-formigón (TCC polas súas siglas en inglés) é unha tecnoloxía que optimiza o rendemento entre dous materiais. A eficiencia estrutural obtense creando unha sección mixta na que cada material aporta as propiedades mecánicas máis axeitadas mediante o traballo conxunto empregando elementos de conexión entre eles.

Esta tecnoloxía baséase nos mesmos principios de disposición de materiais que os empregados no deseño das pontes mixtas formigón-aceiro: a madeira colócase nas zonas de traccións e o formigón nas de compresións. Na práctica, materializase mediante lousas de formigón sobre vigas de madeira, conectadas mecanicamente entre si.

Esta disposición construtiva óptima de materiais conduce a deseños durables. A lousa protexe os elementos de madeira da acción directa dos axentes abióticos (auga, raios UV), reducindo a clase de uso da madeira, aumentando a durabilidade e posibilitando o deseño de pontes de maior vida útil.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información