“Inspeccionar o equipo de muxido é moi necesario, aínda que agora non sexa obrigatorio nin subvencionado”

Falamos con Andrés Mejuto, técnico acreditado e presidente da Asociación Galega de Técnicos de Equipos de Muxido. Con el coñecemos máis sobre o mantemento destes equipos, fundamentais nas ganderías de vacún de leite

“Inspeccionar o equipo de muxido é moi necesario, aínda que agora non sexa obrigatorio nin subvencionado”

Andrés Mejuto nunha sala de muxido mentres revisa o funcionamiento do equipo.

Andrés Mejuto é un dos técnicos de equipos de muxido máis experimentado de Galicia, con máis de 35 anos especializado na revisión e control destas máquinas. Foi o primeiro técnico da provincia de Pontevedra autorizado para facer estes controis. Dende hai máis de 5 anos exerce tamén como presidente da Asociación Galega de Técnicos de Equipos de Muxido (Agatem). Abordamos con el a evolución que sufriron estes equipos nos últimos anos, así como os aspectos que se deben ter en conta para lograr un bo funcionamento ou o control que se fai deles nas ganderías na actualidade.

-Hai pouco máis de 5 anos que a asociación botou a andar, como valoran estes primeiros anos? En que se centraron neste tempo?
-A intención de crear a asociación foi para tentar estar un pouco unidos, xa que cada quen traballamos en distintas empresas e para seguir dalgún xeito en contacto e coordinados como cando as testaxes eran obrigatorias e subvencionadas pola Xunta. Daquela facíanse cursos e reunións para abordar temas que nos interesaban e a intención da asociación e seguir mantendo á xente en contacto. Outro dos obxectivos é facer cursos de formación. Polo momento xa fixemos algún curso e agora temos outro solicitado para formar a máis xente, xa que as casas de muxido seguen solicitando este perfil e non atopan profesionais con esta formación.

Neste tempo xa conseguimos que a Xunta nos cedese a Unidade de Muxido que hai no Centro de Experimentación e Formación Agraria (CFEA) de Sergude (Boqueixón, A Coruña) para que fagamos uso dela. Isto permítenos facer un control e revisión dos nosos equipos, cada técnico paga a súa revisión, pero temos un espazo e un equipo co que verificar os nosos.

“Hai 35 anos os controis eran obrigatorios e estaban subvencionados segundo os puntos de muxido que había na granxa. Daquela dábanlle ata as cánulas de secado e os deterxentes que se precisaban para a sala de muxido”

– Durante algún tempo as revisións dos equipos de muxido nas granxas foron subvencionadas e obrigatorias, cal é a situación actual?
-Agora non hai inspección por parte da Xunta. Haberá uns 10 anos que deixou de haber subvencións para a testaxe dos equipos e deixou tamén de facerse ese control, polo que as revisións pasaron a ser voluntarias. Hai 35 anos, cando eu comecei, os controis estaban subvencionados segundo os puntos de muxido que había en cada granxa. Daquela dábanlle as cánulas de secado das vacas e os deterxentes que se precisaban para a sala de muxido. Iso foi tamén o primeiro que suprimiron, cando consideraron que os gandeiros xa sabían da importancia de empregalos e que os mercarían eles. As testaxes continuaron aínda bastantes anos sendo obrigatorios e subvencionados. Cando remataron de ser financiados, moitos profesionais seguiron esixíndoos porque saben da importancia para comprobar que a máquina funcione correctamente. Nótase que cada vez a xente esixe máis, pero tamén houbo quen deixou de facerllos.

-Con cantos socios contan na actualidade na asociación? Que porcentaxe supón dos técnicos que operan en Galicia?
-Agora mesmo estamos sobre uns 40 socios, pero hai moitos técnicos fóra, xa que inicialmente nos estatutos recolleuse que só podía asociarse aquel persoal que estivera autorizado a facer a testaxe, que contase con certificación oficial. É un tema que temos que revisar, para tentar que poidan participar máis, xa que en Galicia pode haber preto de 400 técnicos que están a traballar con sistemas de muxido e tanques de frío. Agora ben, que fagamos só as testaxes pode que sexamos uns 10, deles 3 alleos ás marcas.

-Teñen algunha reclamación á Administración como colectivo?
-Estivemos durante anos tentando reunirnos cos distintos Conselleiros e agora conseguimos que este nos recibise. Nós pedímoslle poder facer un curso de formación e un exame oficial que permita á xente prepararse en condicións, así como dispoñer dos equipos nas condicións adecuadas para facer un control axeitado e contar cun título oficial que o acredite. Polo momento non foi posible, pero imos seguir insistindo. Agora mesmo entre Raul Regueiro, que é o vicepresidente da asociación, Zapata que é o secretario e máis eu estivemos impartindo os cursos que houbo en Sergude, pero precisamos relevo porque algúns xa imos para xubilarnos.

-Como foi a instalación daqueles primeiros sistemas de muxido en Galicia?
-Lémbrome que cando fixemos o primeiro curso da nova normativa en Sergude, estabamos controladores de toda Galicia, e todos falaban daquelas primeiras salas de muxido na comarca do Deza. As tres empresas que había por entón querían instalar estas primeiras e recordo, como sen contar, ó final rematei sendo eu o que realizara o control daquela sala que se instalou, que xusto acaba agora de incorporar un robot. Era unha sala de muxido con 6 puntos, que para aquel momento era xa todo un avance, cando agora son das máis pequenas que hai, posto que hai granxas con 20 ou 30 puntos de muxido.

“Facer unha testaxe é moi necesario, xa que se o equipo de muxido non funciona ben é moi probable que aumenten os recontos de células somáticas”

-Coa automatización que experimentou o muxido nos últimos anos, está a ser máis necesario o labor dos técnicos especializados nestes equipos?
-Facer unha testaxe é moi necesario, xa que se o equipo de muxido non funciona ben é moi probable que aumenten os recontos de células somáticas. É certo que tamén hai granxas onde o equipo de muxido está en pésimas condicións e se manteñen as células en valores normais, pero non é o habitual. Eu creo que facer unha testaxe e un control do sistema é tan necesario agora como o era antes, só que agora non é obrigatorio nin subvencionado. A normativa do 1981, que foi a primeira que houbo en Galicia, e que se modificou no ano 2001 para facela máis esixente, segue a ser pola que nos rexemos.

-Como evolucionaron os equipos de muxido nestes anos?
-Antes chegábase á granxa e había unha tubaxe de leite, unha tubaxe de baleiro e unha bomba e medíamos que todo funcionara ben, agora é todo bastante semellante, só que empregamos unha folla de cálculo para estimar as necesidades da máquina en función dos puntos de muxido e a produción de leite, para que non haxa problemas na circulación do leite e o caudal tanto da bomba coma os diámetros da condución sexan os necesarios. Temos que ser conscientes de que cando se precisa un caudal mínimo na bomba, ese caudal debe estar dispoñible para muxir as vacas. Ese é un aspecto que antes non se tiña en conta. Tamén foron aparecendo medidas novas, como as perdas de regulación, que é moi semellante ó que antes eran as fugas do regulador. Cando temos as perdas de regulación controladas quérese dicir que a máquina ten a condución principal de baleiro adaptada ó caudal da bomba e ese caudal está dispoñible na unidade final para poder muxir as vacas. Outras medidas novas que se foron incorporando e que son moi necesarias para facer un muxido rápido e eficaz é a capacidade de evacuación dos colectores. Cunha capacidade alta de evacuación, o leite circula mellor e conseguimos menor caída de baleiro na punta do teto, cun baleiro máis estable e un muxido máis rápido.

-Precisan máis revisións e mantemento agora estas instalacións?
-Non é que sexan necesarias máis revisións, é preciso cambiar as gomas e facerlle o mantemento ó regulador para asegurarse de que estea limpo como se facía antes. Agora coas medicións electrónicas e coas incorporacións de servizos que se inclúen, como os retiradores automáticos, increméntanse tamén as posibilidades de que haxa avarías. As máquinas que mellor funcionan son as máis sinxelas, as que menos extras teñen, pero ás veces eses servizos a maiores son moi necesarios para o día a día dos animais e do gandeiro.

“O robot non deixa de ser un caldeiro de muxir como que había antes, pero cun ordenador incorporado para tentar substituir ó gandeiro, o cal é moi difícil”

-Como valora a introdución dos sistemas de muxido robotizados?
-É unha maquina de muxir tan honrosa como a que máis. O robot non deixa de ser un caldeiro de muxir como que había antes, pero cun ordenador incorporado para tentar substituir ó gandeiro, o cal é moi difícil. O robot está solucionando o problema de falta de man de obra para o muxido, pero segue necesitando que esteas pendente del, non te libera por completo do muxido, como pode parecer inicialmente. O robot non elimina man de obra, case diría que ó contrario.

-Que opina sobre o sistema de muxido móbil?
– En Galicia aínda hai moi poucas e está pensado sobre todo para aquelas ganderías que teñen os prados afastados e para evitar que o gando se desprace moito. Debe ser unha máquina igual de eficiente que a que teñas na sala, só que no canto de tela na granxa tela montada sobre rodas. Un dos maiores inconvenientes que presentan estes sistemas é que precisan ter grupos electróxenos sofisticados para que che proporcionen unha corrente eléctrica estable.

“Un regulador ben axustado é primordial para conseguir un muxido eficiente”

-Cales son os aspectos máis importantes no control dos equipos de muxido?
-A alma mater do equipo de muxido é o regulador, tanto os máis tradicionais como os variadores de revolucións que hai agora, que destacan polo aforro eléctrico que conseguen. Un regulador ben axustado é primordial para conseguir un muxido eficiente, senón ademais de non aforrar, pódeche amolar o muxido. A norma principal para unha máquina de muxir é o nivel de baleiro estable na punta do teto, e iso é o máis difícil de conseguir. Se á máquina lle falla, tanto o regulador normal como o variador, iso desastibiliza o muxido.

Ademais, para ter un muxido eficiente precísase unha bomba cun caudal suficiente. Tamén se necesita que tódalas conducións teñan as dimensións necesarias, cumprindo o mínimo da normativa. A pendente na condución do leite tamén é fundamental, para que o leite corra pola seu peso e debe ter un diámetro axeitado, tal e como especifica a normativa, para que en calquera momento do muxido e en calquera punto da condución de leite o baleiro non caia máis de 2kpas e o caudal do leite circule á mesma velocidade que o caudal de aire, para que non se fagan tapóns de leite.

“Cando nunha granxa teñen que usar moita oxitocina hai que pensar que pode non funcionar correctamente o sistema de muxido”

-A que deben prestar maior atención os gandeiros durante o muxido para optimizar o funcionamento destes equipos?
-Os gandeiros xa teñen bastante traballo con alimentar e atender ós seus animais e non poden ter que estar pendentes das máquinas, para iso estamos os técnicos para asegurarnos de que o equipo de muxido funcione correctamente. Con todo, na sala de muxido, tal e como recolle a normativa, debe haber un manómetro visible, que lle pode indicar ó gandeiro se hai fallos no sistema. Tampouco é que sexan unha ferramenta moi útil, posto que a maioría son analóxicos e cando o gandeiro pode apreciar unha variación neles é que se trata xa dun problema moi grave, xa que os técnicos no día a día empregámolos dixitais e temos en conta as mínimas variacións.

As unidades finais de cristal, que cada vez quedan menos, é outra parte do equipo que para os gandeiros pode ser de utilidade á hora de detectar problemas no sistema. Neste punto o leite debe chegar de forma continua, sen formación de tapóns. Se non é así hai algún fallo no funcionamento, ben pola falta de pendiente ou por un diámetro insuficiente na condución do leite.

O gandeiro tamén debe ser consciente que se ten unha máquina en condución simple do leite normalmente pode darlle problemas. O que está funcionando hoxe en día son as conducións en anel, para evitar que haxa tapóns que obstaculicen todo o funcionamento do sistema.

Ás veces, cando nunha gandería teñen que recorrer a un uso moi habitual de oxitocina, para conseguir o muxido dun bo número de animais, cómpre barallar que pode estar habendo un problema no sistema de muxido, que provoca que vaia moi lento o muxido.

“Tanto as fábricas de leite como as certificadoras están esixindo unha testaxe anual”

-Que resulta máis problemático nun sistema de muxido?
-As conducións de leite é un dos puntos máis problemáticos. Neste aspecto sempre é mellor contar cunha marxe ampla, no canto de quedarse curtos á hora de calcular as necesidades do sistema para o volume de leite que vaia haber na granxa. Estamos vendo granxas que seguen coa mesma máquina despois de 20 anos, pero neste tempo as producións incrementáronse moito e a xenética contribuíu a que o leite baixe con maior rapidez, polo que é moi necesario que as conducións sexan amplas para poder asumilos incrementos.

-Cada canto tempo se deben revisar os equipos de muxido?
-Os equipos deberan de someterse a unha testaxe, alomenos unha vez ó ano. Tanto as fábricas de leite como as certificadoras están esixindo unha testaxe anual, e a tendencia é que se queira granxas con equipos certificados. Houbo tamén épocas nas que dende Sanidade, ó detectar recontos celulares moi elevados, esixíaselle realizar unha revisión.

-Hai aspectos que se descoiden no mantemento e control das instalacións de muxido nas granxas galegas?
-Sempre hai marxe para mellorar. Moitas veces hai que mellorar na limpeza que se fai dos equipos. Aínda que aparentemente poida verse limpo, van quedando espazos nos que non se fai unha limpeza axeitada. Outro dos aspectos que se descoida son os cambios de gomas. As tetoeiras e os tubos de leite cámbianse cando rompen e non cando deberan. Tanto por hixiene como por funcionamento deberan de cambiarse. Hai moitos gandeiros que están a facer un mantemento moi bo, cambiando cando lle corresponde, pero tamén hai quen tenta aguantar mentres non rompen. Tanto nas gomas como nas tetoeiras os propios fabricantes indican cando deberan de cambiarse. En base ó uso que se faga delas poden aguantar un ano, aínda que hai granxas que as teñen que cambiar cada 6 meses, dependendo do número de vacas e de puntos de muxido.

Tamén cómpre lembrar que se debe seguir un protocolo de lavado despois de cada muxido. Para iso é preciso que se utilice unha cantidade de auga suficiente e á temperatura indicada polo fabricante do deterxente. Debe facerse un tempo mínimo de tempo de circulación da solución formando tapóns na condución do leite. Ó final debe facerse un moi bo aclarado para garantir a eliminación dos restos de deterxente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información