O Diario Oficial de Galicia vén de publicar os anuncios polos que somete a información pública os procedementos de inscrición de cinco montes da provincia de Pontevedra no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. En concreto, trátase dos montes de Casa das Minas (comunidade de montes veciñais de Chamadoira, en Cerdedo – Cotobade), de Limeres (monte veciñal, en Cerdedo – Cotobade), de Ventín (monte veciñal, en Fornelos de Montes), de Faro Aveloso (monte veciñal de Meira, en Moaña) e o monte Agüeiros, da entidade local menor de Arcos da Condesa, en Caldas de Reis.
Calquera persoa poderá consultar os documentos correspondentes a estes expedientes no servizo de Montes da xefatura de Medio Rural de Pontevedra, podendo presentar as alegacións que estime oportunas.
Desde Medio Rural informan de que na actualidade están a tramitar un total de 40 expedientes de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, que supoñen en conxunto unhas 2.000 hectáreas de terreo. Destes expedientes, 7 corresponden á provincia da Coruña, 17 á de Lugo, 5 á de Ourense e 11 á de Pontevedra.
Contexto
En Galicia, segundo os datos do último inventario forestal, existe unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, rebolo, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas.
O rexistro, posto en marcha a inicios de ano, pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas ou mesmo o fomento de incentivos fiscais para os seus titulares.
Para a inscripción dunha masa de frondosas no Rexistro, esta debe ter unha superficie mínima de monte de 15 hectáreas, que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada un deles teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media superior a 20 anos.