A praga do nematodo do piñeiro, con dous positivos no sur de Galicia (Salvaterra e As Neves) nos últimos anos, obriga a manter estrictas medidas de prevención, de cara a evitar a expansión do problema. Os incendios do pasado outono, que afectaron de cheo á zona demarcada polo nematodo -20 quilómetros arredor do primeiro positivo-, aumentan os riscos da praga. Desde a Asociación Forestal de Galicia demandan unha aclaración do Plan de Continxencia que vai aplicar Medio Rural.
Na zona demarcada polo nematodo, continúa moita madeira queimada no monte, pero desde o 1 de abril ata outubro está restrinxida a saída de árbores da zona demarcada, a non ser que vaian sen casca e en camións toldados.
As medidas de prevención pactadas con Bruxelas establecen que toda a madeira decaída debe estar retirada do monte antes do 1 de abril
Esta situación, na práctica, obrigaría a aprazar as cortas de madeira comercial queimada ata o outono, pois as industrias do interior da zona demarcada non teñen capacidade para a absorción da madeira orientada a trituración.
A cuestión é que, de acordo coas medidas de prevención pactadas coa Comisión Europea, todas as árbores decaídas da zona demarcada deberían estar retiradas do monte antes do 1 de abril. Vai a Xunta proceder á corta de toda a madeira queimada durante a primavera-verán, por medio da contrata que mantén con Tragsa? Aplicaranse medidas excepcionais para permitir a retirada da madeira polas comunidades no menor prazo posible? Atrasaranse as cortas desa madeira ata outubro?
Son todas cuestións que están sen despexar e para as que non teñen resposta nin as comunidades de montes afectadas nin a Asociación Forestal de Galicia (AFG), que está mantendo reunións de traballo cos seus montes veciñais socios.
A última reunión da AFG con comunidades socias desenvolveuse na tarde do xoves no Porriño, con presenza de comunidades de montes de Vigo, O Porriño, Mos e Salceda de Caselas.
Plan público de rexeneración do monte
As comunidades de montes trasladáronlle tamén á Asociación Forestal o seu interese en impulsar a rexeneración das zonas afectadas polos lumes, pero 200 días despois dos incendios, continúan á espera dun plan público que posibilite tanto as reforestacións como a creación de franxas de protección en torno ós núcleos de poboación.
Estes días, Medio Rural convocou unha liña de axudas para primeira forestación de terras con frondosas e piñeiros, pero desde a óptica da AFG, trátase dunha oportunidade perdida para apoiar ás comunidades de montes afectadas polos lumes, pois a convocatoria establece que as terras a forestar deberon estar desarboradas os últimos 10 anos, co cal quedan fóra da convocatoria a maioría das áreas queimadas.
Axudas para retirada de madeira non comercial
Outro dos problemas que preocupa nas comunidades é a ausencia de xestión da madeira queimada sen valor comercial. A Xunta convocou o pasado outono axudas para propiciar a súa corta e trituración, co compromiso de resolver estas axudas antes do 31 de xaneiro. Sen embargo, continúan sen resolverse na actualidade, o que paraliza a rexeneración dos montes queimados e representa xa un problema fitosanitario.
O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, asegurou onte no Parlamento, a preguntas do Bng, que todos os expedientes das axudas estaban “analizados” e que a previsión é que “poidan estar realizados o antes posible”.
Fernández Couto tamén apuntou que a Xunta está a colaborar coas comunidades na trituración da madeira non comercial para a que non se pediran axudas. “Están todos os traballos feitos, en execución ou previstos”, sostivo.
Valoración de novas fórmulas para a saca da madeira queimada en montes con convenio
Os retrasos que houbo este inverno na saca da madeira queimada dos montes con convenio coa Xunta obrigan á busca de novas fórmulas para a súa xestión. O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, avanzou no Parlamento que se están valorando novos procedementos para axilizar as vendas nun futuro, tal e como pedía o sector. “Serán precisos cambios normativos, pois os procedementos están regulados pola Ley de Contratos del Estado”, asegurou.
Desde o Bng acusouse a Medio Rural de “deixadez” na saca da madeira comercial queimada dos montes con convenio, un aspecto que negou Fernández Couto. “Non foi deixadez. Foron os prazos normativos”, defendeu.