Inquietude nas empresas agroalimentarias galegas por como lles afectará o Brexit

A maioría das empresas galegas que exportan alimentos ao Reino Unido temen máis os efectos da devaluación da libra e a recesión económica que poda provocar o Brexit que o establecemento de aranceis entre a Unión Europea e o país británico.

Inquietude nas empresas agroalimentarias galegas por como lles afectará o Brexit

Túnel do viño de Rías Baixas en Londres

As empresas agroalimentarias galegas que exportan ao Reino Unido viven con inquedanza a espera sobre os efectos económicos que poda ter o Brexit. Máis que o establecemento de aranceis e outras barreiras comerciais entre as Illas Británicas e a Unión Europea, o que máis temen é a devaluación da libra esterlina, que encarece as exportacións, e, sobre todo, a recesión económica que poda provocar no Reino Unido a saída da UE.

E é que para a industria agroalimentaria galega en moitos casos o Reino Unido é o segundo destino das súas exportacións, centradas principalmente en queixos, viños e mel. Ademais, para boa parte destas empresas, principalmente pemes, trátase dun mercado recente, polo que a súa perda afectaría aos fortes investimentos iniciais, cuxo retorno en forma de beneficios se prevía para os vindeiros anos.

Queixerías Prestes, inscrita na D.O. San Simón da Costa, é un claro exemplo de empresa exportadora, con case o 60% da súa produción vendida no exterior. “Ao Reino Unido empezamos a exportar hai tres anos e neste momento supón arredor do 15% das nosas vendas ao exterior, co que é o noso segundo mercado despois de Estados Unidos”, explica Mikael Fernández Cuba, un dos fundadores da empresa. A súa evolución de vendas no mercado británico valóraa como moi positiva. Venden sobre todo Queixo San Simón da Costa e Queixo Azul Sara&Lara, traballando con tres importadores naquel país, e recentemente veñen de empezar a vender na cadea de supermercados Cosco.

“De momento os nosos importadores non nos comunicaron nada e seguimos facendo o pedido semanal, e a nós o que máis nos inflúe é a depreciación da libra fronte ao euro”, asegura Mikael Fernández.

O Reino Unido é o terceiro mercado das exportacións de produtos ecolóxicos de España

Mieles Anta é outra empresa galega para as que o mercado británico ten gran relevancia. No seu caso representa o 15% das súas exportacións, centradas principalmente en mel ecolóxico. “De momento é cedo para saber o efecto real que vai ter o Brexit, pero falando cos nosos clientes no Reino Unido recoñecen que están nerviosos e teñen temor a que caia a libra e a que o país, sobre todo o mercado inmobiliario de Londres, entre en recesión, o que prexudicaría as nosas exportacións”, aseguran dende Mieles Anta.

“O que máis preocupa é que o Brexit poda provocar unha recesión económica no Reino Unido”

Dende a empresa lucense recoñecen que “o mercado británico é bastante importante para nós, pois é un país no que os produtos ecolóxicos teñen moi boas perspectivas -é o terceiro importador de produtos ecolóxicos españois, despois de Alemaña e Francia- e no caso do mel, os británicos valoran moito un produto de calidade e con historia e están dispostos a pagar por el”.

“Para as pequenas empresas supón un gran esforzo económico exportar, e se se truncan as expectativas doeríanos bastante”

Para a Denominación de Orixe Rías Baixas, a máis exportadora das DO vitivinícolas galegas, o Reino Unido é tamén un mercado moi importante. Segundo datos do Consello Regulador, en 2015 exportaron o 28% da súa produción, por un valor cercano aos 30 millóns de euros, sendo o Reino Unido o segundo destino, despois de Alemaña, cunhas vendas de 4,6 millóns, o que representa o 15% das exportacións.

Santiago Roma é un dos adegueiros de Rías Baixas que están a apostar polo mercado británico. “Exporto arredor do 25% do meu viño, e no Reino Unido levo catro anos e estou medrando moito, de xeito que agora debe representar entre o 5 e 6% das miñas vendas totais”, explica. Este viticultor e adegueiro de Ribadumia valor especialmente “a cercanía e a comodidade do mercado británico”.

Unhas boas perspectivas ás que teme que o Brexit poda afectar negativamente. “Viaxo unha vez ao ano ao Reino Unido para promocionar os meus viños e para unha pequena empresa como a miña, exportar supón un gran esforzo económico de implantación, que ten un retorno ao cabo dos anos, polo que se se truncan esas expectativas polo Brexit si que me doería bastante”, conclúe.

O dato: Galicia exporta alimentos ao UK por valor de 70 millóns e importa por valor de 4

Segundo datos do ICEX Galicia exportou no último trienio ao Reino Unido uns 70 millóns de euros en produtos alimentarios do sector primario (viño, mel, horta ecolóxica, carne e tamén conservas) e só importou 4 millóns de euros, unha balanza comercial claramente favorable para a comunidade.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información