Innovación e sustentabilidade, eixos fundamentais do Plan Estratéxico de Leite Río para os vindeiros anos

Carmen Lence presenta á directora da Axencia Galega de Inonvación os distintos proxectos en I+D+i nos que está inmerso o grupo lácteo e anuncia o próximo lanzamento de dous novos produtos co obxectivo de incorporar valor engadido ao sector lácteo galego

Carmen Lence, xunto a Patricia Arguerey e a Jesús García, director de operacións do grupo Leche Río

Carmen Lence, xunto a Patricia Argerey e a Jesús García, director de operacións do grupo Leite Río

Leite Río quere complementar o envasado de leite líquido, a súa principal actividade na actualidade, con novos produtos de maior valor no mercado. A presidenta do Grupo Lence, Carmen Lence, mantivo este xoves unha reunión coa directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, na que ambas analizaron os distintos proxectos de I+D nos que está inmerso o grupo lácteo.

Innovación e sustentabilidade son dous eixos fundamentais dentro do plan estratéxico actual da compañía, que prevé ambiciosos obxectivos para os proximos anos, tanto desde a perspectiva de deseño, como de funcionalidade e de diversidade de produto.

“Estamos na fase final de creación de dous novos produtos para o seu lanzamento nos próximos meses, aos que se sumarán catro máis en 2022”

Leite Río está inmersa no deseño de novos produtos que incorporen novo valor engadido ao sector lácteo. Durante a visita á planta do Ceao, posterior ao encontro, Carmen Lence destacou que “en Leite Río levamos tempo traballando para conseguir novos produtos que acheguen novo valor engadido e respondan ás novas necesidades do cliente e da sociedade. A innovación está cada día máis presente na nosa industria, tal é así que, neste momento, estamos na fase final de creación de dous novos produtos para o seu lanzamento nos próximos meses, aos que se sumarán catro máis en 2022”, avanza.

No encontro tamén se destacou o papel do grupo lácteo lucense na aceleradora de innovación vinculada ao sector alimentario, Business Factory Food, impulsada pola Xunta de Galicia e a Agrupación industrial Alimentaria de Galicia, na que o grupo Lence colabora como empresa tractora achegando o coñecemento, dedicación e recursos a favor do impulso ao emprendemento innovador e a consolidación de proxectos de I+D neste ámbito.

Sexta empresa en comercialización de leite UHT

O grupo Leite Río é a sexta empresa de España en comercialización de leite UHT baixo as marcas Río de Galicia e Leyma Natura principalmente, coas que busca fornecer produtos e servizos “coa mellor relación calidade/prezo do mercado, o que denominamos como a compra intelixente”, destaca en nota de prensa a que é hoxe a principal empresa láctea galega.

O grupo Lence traballa con 450 granxas das provincias da Coruña e Lugo e envasa só en Galicia. Conta co selo “Galega 100%” e Galicia Calidade ademais do selo Aenor de Benestar Animal. Con sede en Lugo, Lence é un grupo familiar dedicado á alimentación desde 1975 que hoxe conta cun plantel de traballadores formado por 160 persoas e 3 plantas de produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información