Innovación alimentaria, catas e razas autóctonas na Semana Verde

A feira celébrase en Silleda desde hoxe e ata o domingo

Innovación alimentaria, catas e razas autóctonas na Semana Verde

A Semana Verde congrega a gran cantidade de público. / Imaxe: Arquivo.

A Feira Semana Verde de Galicia, que se celebra en Silleda, arrancou hoxe e poderase visitar de xeito gratuito ata este domingo 14. O evento, que se transformou nos últimos anos nunha feira multisectorial, inclúe o Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat), a Feira de Caza e Pesca e tamén áreas con gran presencia do sector da biomasa e das razas autóctonas de gando.

O Salón de Alimentación (Salimat) trata de ser un escaparate dos produtos agroalimentarios galegos, tanto para o público en xeral como especialmente para profesionais do sector. O evento contará coa presencia de 28 importadores, distribuidores e restauradores de 14 países diferentes, e tamén está prevista a asistencia de pymes do sector hosteleiro galego. O obxectivo do Salón é facilitar o contacto entre oferta e demanda, contribuindo así a potenciar oportunidades de negocio.

O certame Salimat conta cun apartado especial, Alinova, onde se amosan 40 innovacións alimentarias das empresas participantes. Entre os novos produtos figuran algúns de gran orixinalidade, segundo destaca a organización, tales como cervexa con chile, mel con abelás ou o pack ‘Merenda galega’, que inclúe viño albariño, galletas con algas e patés de centola e nécora. Outros produtos que tamén figuran na sección Alinova son galletas de repostería ecolóxica, chocolate apto para diabéticos ou empanada elaborada con fariña de castaña.

O programa do Salón de Alimentación inclúe degustacións, algunhas para o público en xeral, e outras para profesionais. Parte das catas faranse no stand da Xunta, que ofrecerá degustacións con distintas combinacións de produtos galegos con denominación de orixe.

Xornadas técnicas
A Semana Verde contará tamén con xornadas técnicas adicadas ás distintas razas autóctonas de gando. Haberá sesións sobre o porco celta, a ovella e a cabra galega, así como sobre as razas bovinas autóctonas en perigo de extinción, tales como a cachena ou a limiá. Pódese consultar o programa completo da Semana Verde neste enlace.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información