Innolact, Coren, Oviganic Ibérica e Aceites Abril, principais beneficiarios das axudas para a industria agroalimentaria

A Xunta reparte 37 millóns de euros a 81 empresas en axudas para a transformación de productos agrarios

Innolact, Coren, Oviganic Ibérica e Aceites Abril, principais beneficiarios das axudas para a industria agroalimentaria

Laboratorio de Innolact. / Arquivo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da Consellería do Medio Rural cos beneficiarios das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. A amplicación das plantas de dúas industrias lácteas, Innolact (Castro de Rei), e Oviganic (Ibérica), en Monforte, son dous dos principais proxectos apoiados.

En total, 81 empresas do sector agroalimentario recibirán preto de  37 millóns de euros, que están cofinanciados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader). A Xunta asegura que o obxectivo principal é fomentar a creación de industrias de transformación en Galicia así como a modernización e ampliación das xa existentes. 

Entre as principais beneficiarias están empresas do sector lácteo como Innolact (Quescrem), Oviganic Ibérica, Clesa, Celega, Entrepinares, Leche Celta, Aira, Queinaga, Queizuar, Queserías Sarrianas, Queserías Prado ou Dairylac; do sector cárnico como Coren ou Matadero del Sar; e de outros sectores, como Aceites Abril, Piensos Sil, Alibós ou Granja Campomayor. 

Coren, por partida dobre

Como novidade este ano, a Xunta deu prioridade ás asociacións de produtores que se uniron para levar investimentos en común. Deste xeito, concedéuselles a máxima puntuación no apartado de “beneficio a produtores” dos criterios de valoración ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50%) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da comunidade.

A Xunta di que primou este ano os proxectos presentados por agrupacións de produtores e cooperativas galegas

Un ano máis, entre as que máis reciben atópase a cooperativa Coren, con subvencións por partida dobre: para a súa planta de vacún de Lugo (Novafrigsa) 3 millóns de euros e a de porcino do Porriño (Frigolouro) 929.000 euros. Ao igual ca Coren, a cantidade máxima (3 millóns de euros) recíbena tamén Innolact, Aceites Abril e Oviganic Ibérica. Tras eles aparece Piensos del Sil (1,9 millóns de euros);  Matadero del Sar (adicado a porcino e situado en Laíño, Dodro), 1,5 millóns de euros; Acolact (Clesa), case un millón e medio; Queinaga e Inleit, 1,4 millóns; Celega, 1,3 millóns; e Entrepinares, máis dun millón.

Proxectos a levar a cabo até 2024

Aínda que na listaxe de beneficiarios non se especifica o destino final da subvención nin o proxecto que vai ser desenvolvido por cada empresa, as actuacións obxecto de subvención esténdense, nalgún caso, ata o ano 2024. 

Esta orde de axudas busca incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. No caso das subvencións, consistiron en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos consistiron en garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos, explica a Consellería.

Para iso, foron suxeito de subvención actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén, estas achegas sufragarán a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos.

LISTAXE DAS PRINCIPAIS BENEFICIARIAS E OS IMPORTES RECIBIDOS: 

  • Innolact (Quescrem) 3.000.000€
  • Oviganic Ibérica 3.000.000€
  • Novafrigsa (Coren) 3.000.000€
  • Aceites Abril 3.000.000€
  • Piensos Sil 1.942.444,06€
  • Matadero del Sar 1.595.040,54€
  • Acolact (Clesa) 1.470.761,96€
  • Queinaga 1.448.873,22€
  • Inleit 1.418.280,61€
  • Celega 1.363.094,86€
  • Gesuga (xestión subprodutos): 1.154.008,45€
  • Entrepinares 1.067.432,06€
  • Frigolouro (Coren) 928.797,66€
  • Alibós (castaña) 820.189,78€
  • Ecocentro SC (ovos ecolóxicos, Melide) 759.042,38€
  • Queizuar (Queixos Bama) 719.981,13€
  • Leche Celta 686.504,27€
  • Aira 570.501,67€
  • Granja Campomayor 569.935,66€
  • Casa Quiroga Hortofrutícola 483.848,01€
  • Queserías Sarrianas 475.793,30€
  • Leche Galicia (Lactalis) 471.780,00€
  • Sopregal (xamóns e embutidos, Vilalba) 443.183,98€
  • Cogal 373.317,97€
  • Queserías Prado 370.600,08€
  • Dairylac 354.390,86€
  • Naturleite 312.686,81€
  • Clun 303.236,89€

A listaxe completa pode consultarse no seguinte enlace do DOG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información