Sen dúbida a profesión veterinaria experimentou un cambio importante durante estes últimos anos e parece que isto aínda non terminou. Hoxe en día, a obrigatoriedade da receita electrónica, a restrición na compra de antibióticos sen prescrición previa, a limitación do uso de produtos exclusivamente baixo os criterios das súas fichas técnicas e a cesión de medicamentos para a continuidade dos tratamentos ditados polos veterinarios forman parte do día a día de todos aqueles que se dedican ao coidado da saúde dos animais.
A isto debemos sumar a restrición do uso de moléculas críticas para a saúde humana (categorización de antibióticos) e a práctica prohibición do uso profiláctico dos antimicrobianos.
No caso dos animais de granxa, isto segue enmarcado na estratexia europea “Da Granxa á mesa” (Farm to Fork) e baixo os piares do movemento One Health. A meta é clara: unha produción máis sostible, un uso responsable dos medicamentos e unha mellora constante do benestar animal. Un marco regulatorio consolidado e un mercado sólido.
O Regulamento europeo (UE) 2019/6 marcou un antes e un despois en 2022, obrigándonos a modificar radicalmente a nosa forma de traballar, distribuír e prescribir. En España, o RD 992/2022 sobre o uso sostible de antibióticos, vixente dende principios de 2023, converteu a colaboración entre veterinario e gandeiro nunha peza chave da ecuación.
A integración de sistemas fiables de detección e diagnóstico temperán son claves para reducir a carga de medicamentos
Ademais, existe unha forte convicción dos veterinarios e os gandeiros da necesidade de reducir a carga de medicamentos, integrando sistemas fiables de detección e diagnóstico temperán. O uso terapéutico ou metafiláctico (baixo condicións estritas) é o único escenario aceptable. A profilaxe deixou de ser unha opción. Existe un desafío no diagnóstico que á súa vez se pode converter nunha vantaxe competitiva.
No caso das mamite, partimos dunha vantaxe clara con respecto a outras enfermidades, e é que as vacas se moxen dúas ou tres veces ao día e iso permítenos visualizar o problema case de inmediato (no caso das mamites clínicas). E por outra banda temos unha serie de controis que tamén nos van a axudar a detectar problemas subclínicos ou en fases moi temperás, como poden ser:
● Control leiteiro
● Test de California
● Cultivo microbiolóxico
● Condutividade
● Reconto de células automático (robot)
Esta rutina permítenos visualizar o problema case ao instante. Con todo, os datos de campo solicitados nos últimos anos móstrannos que, aínda que o veterinario é o responsable da prescrición, a administración e a primeira liña de defensa recaen nos operarios que traballan a diario na sala de muxido. Por iso é tamén importante a formación e cualificación dos profesionais.
O veterinario é o responsable da prescripción, pero o operario que moxe é a primeira liña de defensa contra as mamites
Actualmente, sabemos que o tempo é o factor máis crítico. Patóxenos que se tratan tarde non só reducen a taxa de curación bacteriolóxica; tamén provocan que o antibiótico non chegue nas cantidades adecuadas aos tecidos, facilitando a aparición de resistencias. O tratamento temperán, cando a bacteria está confinada ao leite, incrementa drasticamente o éxito e limita a propagación ao resto do rabaño. Do laboratorio externo ao diagnóstico “on-farm”.

Fonte: Xavier Berthelot, Escola Nacional de veterinaria de Toulouse
Xeralmente, ante unha mastite, a inercia foi tomar unha mostra e enviala a un laboratorio externo. Pero, coa profesionalización das explotacións que vimos nestes anos, o paradigma cambiou. Agora dispoñemos de probas de diagnóstico rápidas (na propia granxa ou clínica veterinaria) cunha sensibilidade e especificidade elevadas.

Benoit F., Treilles M., Evaluation of a commercial in-clinic diagnostic test for combined germ identification and antibiotic sensitivity testing in bovine mastitis. / Poster presented at European Buiatric Forum, 27th -29th November 2013 – Marseille, France
Dispoñer de ferramentas que nos dean resultados en tempos marca é hoxe unha necesidade operativa:
● 24 horas: Identificación da susceptibilidade (antibiograma).
● 48 horas: Identificación precisa do xerme causante.
Saber a que nos enfrontamos en menos de dous días permite un tratamento eficaz
De feito, grazas a esa profesionalización das explotacións, en moitas delas xa se dispón dun lugar onde facer este tipo de analíticas sinxelas pero moi eficaces e que requiren moi pouco equipamento. Se non é así, pódense recoller as mostras e realizar a proba polo veterinario na súa clínica ou lugar preparado para a mesma dentro dun servizo para os seus clientes.
Saber a que nos enfrontamos en menos de dous días permite un tratamento certeiro. Isto non só mellora o benestar animal e restablece a produción, senón que é economicamente vital. Unha mastitis clínica segue custando entre 80 euros e 400 euros (segundo o grao e se é MS ou MC), pero o verdadeiro “buraco” económico está na non curación ou na mastite repetida. Cabe tamén lembrar que é na saúde da ubre onde se nos vai a maior cantidade de antibiótico que se usa nunha granxa de produción láctea.
Implementar protocolos baseados en datos fiables permítenos, ademais, instaurar programas de secado selectivo con garantías reais. Isto, en conclusión, condúcenos a unha nova realidade dentro da calidade de leite.
O enfoque ‘tratar menos, tratar mellor’, pasou de ser unha recomendación a unha necesidade
O camiño que trazamos en 2023 demostrouse certeiro: o manexo preventivo e o diagnóstico rápido son os piares para ser competitivos e sostibles. Os patóxenos seguirán existindo, pero a nosa capacidade para tomar decisións informadas, cumprindo coa lei e optimizando os antibióticos do Grupo C (como cefalexinas de 1ª xeración ou combinacións de amoxicilina-clavulánico), é o que nos diferencia.
Desde a perspectiva de 2026, os datos confirman que a resistencia segue sendo o desafío número un. O uso de ferramentas de diagnóstico rápidas e eficaces, aínda que¡ controvertido en certos países pola súa implementación loxística, é o único xeito de manter aos nosos animais producindo dun xeito sostible e cumprindo os requisitos marcados por unha lei cada vez máis esixente.
O enfoque en “tratar menos, tratar mellor” pasou de ser unha recomendación legal a ser unha necesidade técnica para protexer a eficacia das nosas ferramentas terapéuticas actuais.

Máis información
Galego









Control OJD