Inleit trasládalle a medio cento de granxas un contrato no entorno dos 24 céntimos

A industria láctea de Curtis propón un prezo variable do leite ligado ás cotizacións da manteiga e do leite en po, que se desplomaron nas últimas semanas. Unións Agrarias asegura que ten o compromiso da empresa de retirar esas ofertas.

Inleit trasládalle a medio cento de granxas un contrato no entorno dos 24 céntimos

Inleit comezou a operar na planta láctea de Teixeiro a inicios de ano.

Inleit, a industria láctea que se asentou en Teixeiro para elaborar produtos lácteos de alto valor engadido, está a provocar unha sorpresa maiúscula no agro. A empresa trasladoulle a máis de medio cento de granxas unha proposta de contrato a prezos irrisorios, no entorno dos 23-25 céntimos. A oferta marca un pago variable para as granxas en función da cotización europea da manteiga e do leite en po, produtos ambos que sufriron un desplome de prezos nas últimas semanas.

A proposta de contrato de Inleit, que se espallou no campo como un regueiro de pólvora nos últimos días, deixou estupefacto ó sector, pois a industria sitúase na actualidade no treito alto de prezos pagados no campo, no entorno dos 32 céntimos / Kg., e captou a multitude de granxas durante este último inverno con boas ofertas.

O novo contrato fíxollo chegar Inleit a máis de medio cento de granxas ás que lles toca renovar o seu contrato en xuño. Son granxas que na súa maioría herdara a industria dunha ruta de recollida que deixou Iparlat en Lugo o pasado ano, e que comezaran a traballar con Inleit meses antes da apertura da súa planta de Teixeiro.

Granxas afectadas e organizacións agrarias dan por feito que ese non será o contrato definitivo, pero a súa presentación xerou malestar e preocupación no sector

En vista da oferta actual da industria, Unións Agrarias púxose en contacto coa empresa para abordar a situación. “Temos o compromiso de que esa oferta se vai retirar e de que se lle vai presentar ás granxas outra oferta acorde á realidade do sector” -expuxo hoxe o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, en rolda de prensa-. “O contrato real será outro”, conclúe García.

Desde granxas proveedoras de Inleit confirman tamén que a empresa lles comunicou que esa oferta non era a real e que a súa presentación viña motivada pola dificultade de concretar unha proposta con dous meses de antelación, tal e como esixe a lei, en plena crise do coronavirus.

Inleit centra a parte principal da súa actividade na obtención de proteínas lácteas en po orientadas á industria alimentaria (produtos dietéticos, preparados deportivos, alimentación infantil, etc.). É unha gama de produtos lácteos de alto valor engadido, polo que no sector chama a atención que presentara unha oferta na que o 100% do leite se lle pagaría ás granxas ó prezo de produtos estándar, como o leite en po desnatado e a manteiga.

Así as cousas, no agro interprétase a proposta de contrato de Inleit como un globo sonda. Trátase dun contrato que, segundo asegura Unións, non se levará á práctica, pero que xerou un pequeño terremoto nos últimos días, pois introduce un precedente que pode ser tomado como referencia por outras industrias nun futuro.

Prezo base ofertado por Inleit, ó que habería que sumarlle calidades e prima de volume.

Prezo base ofertado por Inleit, ó que habería que sumarlle calidades e prima de volume.

Na actualidade, só hai dúas industrias que pagan parte do leite vinculado ó prezo dos produtos lácteos industriais, con contratos que rondan a fórmula 80 – 20 (80% do leite a prezo fixo e 20% a prezo variable, ligado á cotización dos produtos lácteos industriais). É a fórmula que emprega por exemplo Larsa (Capsa), se ben a industria asturiana fixou un solo de 29 céntimos / Kg. para ese 20% variable, o que representa unha garantía para as granxas.

A outra industria que traballa con este tipo de fórmulas, Reny Picot, non ten fixado en cambio ningún límite por abaixo, o que na actual coxuntura supón un problema para as granxas. En Unións avanzan que abordarán con Reny Picot esa situación, precisando tamén que a industria mantén na actualidade un importante número de contratos co 100% do leite a prezo fixo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información