Inleit ofrécelle contratos ás granxas nos que lles garante un prezo mínimo

A industria preséntalle as súas ganderías proveedoras un acordo de prezo variable que non baixará en ningún caso dunha base de 29 céntimos, máis volume, calidades e outras variables

Inleit ofrécelle contratos ás granxas nos que lles garante un prezo mínimo

Área de recepción de leite en Inleit.

Pese á situación de incertidume do mercado internacional, provocada pola crise do coronavirus, Inleit decidiu ofrecerlle as súas granxas un contrato que lles garante prezos favorables. A industria presentoulle as súas ganderías proveedoras un acordo de prezos variables, en función de índices de mercado, cun mínimo garantido. Iso permitirá traballar cun prezo base de 29 céntimos, máis primas de volume, calidade hixiénica e outras variables estipuladas.

Os novos contratos, que deberán estar formalizados o día 30 de xuño, serán trimestrais, dada a situación de inestabilidade, pero prorrogaranse automaticamente salvo renuncia dunha das partes. Inleit explica en nota de prensa que o seu obxectivo é que os vaivéns do mercado repercutan o menos posible sobre os máis de 200 gandeiros e tres grupos cooperativos cos que traballa.

“En Inleit entendemos o noso traballo como un plan a longo prazo, onde os gandeiros son esenciais para o bo funcionamento do proxecto, que ten un compoñente internacional e unha proxección esencialmente exportadora. Por ese motivo, resulta clave poder asegurarlles certa estabilidade ós nosos proveedores”, suliñan.

Hai un par de meses, Inleit presentáralles ás granxas unha primeira proposta, pois a normativa obrigábaa a trasladar unha proposta de contrato cunha antelación de dous meses, pero xa entón a empresa explicara que concretaría máis adiante a súa oferta final, a medida que o escenario de mercado se aclarase e tras negociar coas granxas.

Esta última proposta, baseada nun prezo variable, garántelles ás granxas moverse como mínimo na media galega do prezo do leite, cando non por riba.

Sobre Inleit
InLeit Ingredients comezou a operar este ano na planta láctea que construiu no polígono de Teixeiro (Curtis, A Coruña). A empresa está conformada pola firma española Liasa (Grupo Lácteos Industriales Agrupados) e pola estadounidense Rich Products Corporation. O seu investimento en Curtis foi superior ós 100 millóns de euros, contando cunha superficie construída de 12.700 metros cadrados. Máis dun cento de persoas traballan na industria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información