Inleit, Innolact, Lactalis e Oviganic: As industrias máis afectadas en España polos aranceis de China aos lácteos da UE

A Xunta pídelle ao Goberno Central que negocie con China como fixo co sector porcino ou co viño no caso de Estados Unidos

Inleit estandarChina anunciou este luns que imporá aranceis provisionais de ata o 42,7% ás importacións de determinados produtos lácteos procedentes da Unión Europea, tras concluír de forma preliminar que reciben subvencións de Estado e causaron un “dano substancial” á industria láctea chinesa, que nos últimos anos ten incrementado notablemente a súa produción e que aspira a ser autosuficiente.

A decisión, que é unha represalia polos aranceis da UE aos coches eléctricos chineses, golpea a varios dos principais exportadores comunitarios ao mercado chinés, entre eles España, cuxas vendas destes produtos ao xigante asiático alcanzaron ao redor de 82 millóns de euros en 2024, segundo cifras do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación español (MAPA).

E Galicia é a comunidade máis afectada, xa que concentra o 91% das exportacións españolas de lácteos ao xigante asiático. As exportacións rozaron os 79 millóns de euros en 2024, un 5,4% máis que o exercicio anterior e o 66% por encima de 2022. As vendas de leite e nata sen concentrar alcanzaron os 35 millóns de euros; as de lactosuero superaron os 32 millóns; máis de 7 millóns foron de leite e nata concentrada; 3,6 millóns en queixos e requeixo; e o resto repártese entre soro de manteiga e manteiga e demais materias graxas do leite.

Estas exportacións concéntranse en 5 industrias: Innolact, con planta en Castro de Ribeiras de Lea e que exporta a China os seus queixos baixo a marca Quescrem; Inleit, con planta en Curtis; Lactalis; CAPSA e Oviganic Ibérica. A todas elas o goberno chinés imponlles un gravame reducido ás súas exportacións do 28,6%.

En todo caso, a afectación será sensiblemente menor xa que no que vai de ano as exportacións de lácteos ao xigante asiático caeron en picado. En concreto, as exportacións de produtos lácteos desde de Galicia ao resto do mundo minguaron o 23,5%, ata os 190,6 millóns de euros entre xaneiro e outubro, unha forte caída que se debe, principalmente, ao afundimento do 58% dos envíos a China: de 71,3 millóns no primeiros dez meses de 2024 a 29,7 millóns o actual 2025.

A Xunta pídelle ao Goberno Central e á UE que negocien con China

A conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, pediulles esta mañá ao Ministerio de Agricultura e á Comisión Europea que negocien co goberno chinés para reducir o impacto no sector lácteo.

“Pido que o Goberno de España negocie os aranceis, o mesmo que se fixo con Estados Unidos no caso do viño – ou con China no caso do sector porcino español-. Esta medida vai xerar incerteza, sobre todo nos produtores. Dende o Goberno de España e dende a UE deben negociar con China porque é un mercado moi importante para Europa e outras negociacións non deben afectar ao sector primario, que é o máis feble”, subliñou a conselleira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información