Inleit inaugura a súa nova planta piloto para proxectos de I+D+i de transformación láctea

Esta nova instalación permitirá desenvolver en Galicia proxectos de alto valor engadido que ata agora tiñan que realizarse no estranxeiro. O ano pasado a fábrica asentada en Teixeiro adquiriu na comunidade máis de 200 millóns de litros de leite a 278 explotacións galegas

Inleit inaugura a súa nova planta piloto para proxectos de I+D+i de transformación láctea

O presidente da Xunta inaugurou a nova instalación.

Inleit pon en funcionamento nas súas instalacións de Teixeiro unha planta piloto dotada de tecnoloxía de última xeración que permitirá desenvolver en Galicia proxectos de innovación no ámbito lácteo na procura de novos produtos e derivados a partir do leite e os seus compoñentes. 

A empresa está especializada na separación e secado dos diferentes compoñentes do leite (proteínas, graxas, etc.) para o seu uso como ingredientes nutricionais na industria alimentaria, tanto en alimentos cotiás como en produtos funcionais de alto valor engadido, orientados a uso deportivo, clínico ou infantil, entre outros.

Así, o novo centro de fabricación avanzada de Inleit permitirá á empresa hispano-americana desenvolver novos ingredientes lácteos en Curtis. Nesta planta vanse poder levar a cabo proxectos de I+D no eido lácteo desde a comunidade que, ata agora, había que encargar a empresas no estranxeiro, o que permitirá que Galicia se consolide coma un dos epicentros da innovación no sector, segundo destaca a Xunta.

Inleit comprométese a contar cos centros tecnolóxicos galegos para os seus proxectos de I+D

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que visitou este luns as novas instalacións, resaltou ademais a importancia de que os promotores, a empresa española Lácteos Industriales Agrupados (LIASA), con planta en Guadalajara, e Richs Products Corporation, multinacional norteamericana con sede en Búfalo (Nova York), comprometéronse a seguir mercando gran parte do leite a gandeiros galegos destacando que só no 2022 Inleit adquiriu máis de 200 millóns de litros a 278 explotacións galegas.

14 millóns de euros de axudas da Xunta

A Xunta outorgou 14 millóns en axudas para a ampliación e mellora das instalacións de Inleit desde que iniciou a súa actividade en Galicia. Alfonso Rueda, resaltou que a fábrica de desenvolvemento de proteínas lácteas de Curtis sitúa a Galicia á vangarda da industria láctea e contribúe a impulsar a transformación do leite galego na propia comunidade. “Este é un gran proxecto e unha gran oportunidade. Temos unha materia prima de primeira calidade e o noso interese é que esta materia prima poidan transformarse aquí, con todo o valor engadido que isto supón”, indicou o presidente durante unha visita as novas instalacións.

Neste momoento o 63% do leite producido en Galicia transfórmase na comunidade

O presidente da Xunta resaltou a importancia de aumentar a porcentaxe de leite recollido en Galicia que se transforma tamén na comunidade e que na actualidade xa supera o 63%, co obxectivo de chegar ao 75% no 2025, e apostar pola innovación e a modernización do sector para situarse á vangarda da industria láctea.

 

Bo momento do sector lácteo galego

Durante a súa intervención, Rueda subliñou ademais o bo momento que está a vivir o sector lácteo galego e que consolida a Galicia como unha potencia europea neste eido. “O prezo que se lles paga aos gandeiros por litro incrementouse de forma constante nos últimos 19 meses, o que fai que a facturación por venda de leite alcanzase récords históricos con máis de 1.300 millóns de euros no 2022 e nos últimos oito anos, a produción media por explotación aumentou case un 74%”, salientou.

Cómpre lembrar, sen embargo, que a tendencia dos prezos do leite está cambiando esta primavera. A propia Inleit baixou 2 céntimos en xaneiro e outros 4 céntimos adicionais desde este mes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información