O xulgado de Betanzos vén de condenar á empresa INLEIT, con sede en Teixeiro (Curtis) a pagar 3.736 euros, máis os intereses legais e as costas xudiciais, por alterar “unilateral e inxustificadamente” os acordos sobre o prezos no contrato coa Gandería Fornos, de Castroverde (Lugo), segundo vén de comunicar Unións Agrarias en nota de prensa.
Na sentenza desmóntanse os argumentos da empresas para reter parte dos ingresos que debía liquidar coa citada granxa, unha vez que esta decidiu deixar de entregarlle o leite a partir do 1 de outubro de 2020. Nin a pandemia da covid 19 nin as obras na planta industrial de INLEIT en Teixeiro supuxeron motivo para que a empresa deixara de cumprir cos acordos suscritos no contrato asinado para os meses de abril e maio de 2020, argumenta a xuíza de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Betanzos, Carmen López Moure.
A sentenza, ditada o pasado día 23 de maio, indica que a empresa tiña “obriga” de “renegociar as condicións ou elementos do contrato afectados por esa alteración proposta”, en lugar de “incumprilo de forma unilateral” e considera que “non queda acreditado en modo algún a incidencia causal ou real que tivo a crise da covid” na conta de resultados da compañía, nin xustifica a rebaixa do prezo fixado no contrato.
Dáse a circunstancia de que esta industria, xa foi sancionada por este mesmo tipo de prácticas noutra demanda presentada pola explotación SAT A Campiña de Portomarín (Lugo). En ambas ocasións o asesoramento xurídico veu da man de Unións Agrarias, cuxo secretario de coordinación sectorial, Félix Porto opina que “a gravidade das accións desta empresa para alterar o prezo do leite en orixe debería supoñer unha acción exemplificante, contundente e inmediata por parte da Xunta de Galicia, para impedir que INLEIT teña acceso a axudas de diñeiro público”.
Para a organización agraria resulta especialmente rexeitable as accións intimidatorias levadas a cabo pola industria contra os produtores, aos que chegou a demandar en base a “falsedades”, tal como agora recoñece a sentenza, co ánimo de que non acudiran ao xulgado para reclamar os seus dereitos. UUAA agarda que, logo desta nova condena, INLEIT abandone “unhas prácticas comerciais completamente tóxicas para o sector lácteo galego e non trate de recurrir unhas sentenzas tan contundentes e clarificadoras coma estas”.
UUAA pide á Xunta que actúe ante as baixadas de 14 céntimos no litro do leite producidas no último ano
Unións Agrarias fai un chamamento á Consellería do Medio Rural para que “vixíe o comportamento comercial de determinadas empresas transformadoras do sector lácteo que desde hai máis dun ano están a forzar baixadas nas cotizacións do leite en orixe” e que xa acumulan un montante de 14 céntimos en litro desde marzo de 2023, “unhas caídas completamente inxustificables nin polos prezo que pagan tanto os consumidores nos lineais de supermercado como as fábricas polos derivados industriais”, argumenta o sindicato.
Neste contexto, a organización traslada a alarma polas ofertas que neste momento están chegando ás granxas dunha nova caída de 2 ctms/l (16 ctms/l nos últimos 14 meses) que, unido aos avisos de abandono da recollida de leite ás explotacións con estabulación trabada, “suporían feitos moi preocupantes para a viabilidade de moitas ganderías de Galicia”, aseguran.