Inleit comunícalle a 146 gandeiros unha modificación á baixa do contrato asinado antes da Covid

A empresa instalada en Teixeiro di ser consciente "das consecuencias económicas desta proposta" para as explotacións, ás que pide "comprensión, confianza e colaboración". Xustifica o cambio na "caída brutal de prezos no mercado internacional"

Depósitos da nova planta de Inleit en Teixeiro. A empresa recoñece dificultades para a posta en marcha.

Depósitos da nova planta de Inleit en Teixeiro. A empresa recoñece dificultades para a posta en marcha.

Un total de 146 gandeiros galegos que entregan a súa produción á nova planta de Inleit de Teixeiro acaban de recibir unha comunicación na que a industria láctea propón unha modificación do contrato asinado con estas granxas a principios de ano, cando a compañía con capital español e americano aterraba no mercado lácteo galego captando explotacións con prezos superiores aos pagados até a data polo resto de empresas.

Pero pouco durou esa situación. A pandemia sanitaria do coronavirus trastocou os plans de Inleit, que agora propón unha revisión dos contratos para axustar os prezos pagados aos gandeiros ás cotizacións dos produtos elaborados na planta de Teixeiro e destinados ao mercado internacional.

“En contra do que desexariamos, poñémonos en contacto con vostede para comunicarlle que como consecuencia do sinistro sanitario orixinado pola pandemia do Covid-19 e o importante impacto orixinado no mercado lácteo internacional, Inleit vese abocada a propoñerlle modificar de mutuo acordo, de maneira temporal, o contrato que ambas as partes temos subscrito. Esta modificación entraría en vigor o 1 de xullo de 2020”, recolle a carta enviada pola compañía ás súas granxas provedoras, datada en Teixeiro o pasado 26 de xuño.

A empresa xustifica a revisión co argumento de “uniformizar” os contratos de todas as súas ganderías coas mesmas cláusulas

Esta modificación contractual afecta ás explotacións con contratos anteriores ao estado de alarma por coronavirus, xa que nas últimas semanas outras 53 explotacións asinaron xa con estas novas cláusulas a renovación dos contratos que lles concluían o 30 de xuño. Os contratos estipulan un prezo mínimo de 29 céntimos máis primas por graxa, proteína, volume e calidade hixiénico-sanitaria.

De feito, Inleit xustifica a modificación dos contratos anteriores co argumento de ” uniformizar” os contratos de todas as súas ganderías. “A Inleit non lle gusta ter explotacións con prezos distintos, por exemplo as ganderías máis grandes con máis prezo e as outras con menos, buscamos uniformidade de trato e as bases e as cláusulas serán iguais para todas as explotacións”, explican fontes da compañía.

Baixada de entre 2 e 3 céntimos

Con todo, na práctica a modificación contractual proposta supón un descenso de cando menos 2 a 3 céntimos con respecto aos contratos en vigor, que fixaban prezos, dependendo do volume de recollida, de entre 31 e 33 céntimos máis primas por calidade (graxa e proteína), xa que ese prezo base incluía xa a dobre AA e as primas por cantidade.

Ata agora había unha marxe maior nos contratos nas primas variables, que eran alcanzables antes do Covid, pero agora se ti só deixas o prezo en función das primas, sen mínimo garantido, podería mesmo reducirse máis o prezo ao gandeiro, afirma Inleit

Aínda que Inleit argumentara nun comunicado de prensa que unha das vantaxes dos novos contratos é a fixación dun prezo mínimo garantido de 29 céntimos, que fai que “os máis que posibles vaivéns do mercado a curto prazo” repercutan en menor grao nos máis de 200 gandeiros e 3 grupos cooperativos aos que a empresa lle recolle o seu leite a diario, “ao non estar a expensas do que dite o mercado”, na carta remitida aos gandeiros recoñece que é “consciente das consecuencias económicas desta proposta”.

En todo caso, indican desde Inleit, aínda coa baixada que representa a nova proposta a respecto dos contratos asinados con estas 146 ganderías, o prezo ofertado de 29 céntimos máis calidades “móvese na liña dos prezos actuais do mercado en Galicia”.

Prezos revisables se o mercado cambia

Outra das diferenzas introducidas pola empresa de Teixeiro na revisión proposta é a duración do contrato, que será de tres meses prorrogables “por períodos iguais de tres meses, a non ser que calquera das partes notifique expresamente á outra a súa vontade de non renovalo polo menos con dous meses antes da data de finalización do contrato ou de calquera das súas prórrogas”.

Coa duración trimestral dáse a posibilidade de marchar ao gandeiro se así o desexa, sen estar atado a un contrato

Desde a industria indican que deste xeito “dase a posibilidade de marchar ao gandeiro se así o desexa, sen estar atado a un contrato”, ademais de poder modificar o prezo revisándoo á alza se o mercado volve a repuntar nos próximos meses. “Este contrato garante, mediante indexación verificable, obxectiva e independente, un incremento de prezo base no momento en que os prezos do mercado europeo se recuperen a niveis anteriores á crise do Covid”, asegura Inleit, aínda que fontes da compañía advirten de que “a situación tras o coronavirus é moito máis volátil e non sabes se os indicadores se van recuperar en dous meses ou en cinco”. Ademais, explican, “o momento especialmente delicado pola forte incerteza xuntouse co verán, que é sempre unha época máis complicada a nivel de prezos lácteos”.

A empresa mostra o seu desexo de recuperar os prezos se o mercado europeo volve a niveis previos ao coronavirus pero advirte da gran volatilidade actual

“O aspecto da temporalidade é importante subliñalo, xa que na vontade de Inleit está mellorar o prezo en canto o mercado se recupere”, aseguran. Desde a empresa de Teixeiro destacan ademais que “aínda que xa era así, agora recóllese expresamente no contrato que se garante a recollida ao gandeiro, aínda no caso de que se produzan excedentes”.

Dificultades para a finalización da fábrica e a súa posta en marcha

Inleit apela á “comprensión, confianza e colaboración” das ganderías coas que ten contrato en vigor polas “circunstancias sobrevidas do coronavirus”, que “agravaron” a xa de por si “complicada posta en marcha dunha planta deseñada para procesar máis dun millón de litros diarios” e ás que se engadiron “dificultades para a finalización da fábrica, imposibilidade de levar a cabo un labor comercial e caída brutal de prezos no mercado internacional”.

Pero a empresa reitera “a idoneidade do proxecto e a súa implantación en Galicia” e pídelle aos gandeiros “unha marxe de tempo para encarar o máis que próspero futuro que nos espera a medio e longo prazo”, solicitando unha modificación “de mutuo acordo e de maneira temporal” do contrato.

Que pasa se un gandeiro se nega á revisión?

Dado que é necesario contar co beneplácito do gandeiro para poder revisar á baixa o contrato asinado, que pasaría se unha explotación con contrato en vigor se negase á súa modificación? “Polo momento non estamos nesa tesitura. Téntase que todos os gandeiros entendan que isto non se fai por que guste, senón por necesidade. Veremos como evolucionan as conversas coas explotacións nos próximos dous ou tres días, pero a maioría dos gandeiros está a responder ben a esta conxuntura, entendendo que estamos nunha situación excepcional e temporal, na que están a mostrar unha grande responsabilidade”, responden desde Inleit á pregunta realizada por Campo Galego.

Inleit asegura que chegou xa a acordos de revisión que garanten o 70% do total de leite previsto pola factoría

“Ata o momento, nestes días de negociación, xa se chegou a acordos que garanten o 70% do total diario de leite previsto pola factoría. Por tanto, na vontade está seguir nesta vía de negociación, co obxectivo de manter aos gandeiros neste proxecto, non estamos a obrigar a ninguén, nós queremos que continúen connosco”, aseguran, polo que no caso de que algunha destas 146 explotacións se negase a facer cambios e esixa o cumprimento íntegro do contrato asinado no seu día “esa circunstancia será analizada de modo particular e verase como se xestiona, pero polo momento non se produciu”, afirman.

Inleit recolle neste momento o leite en Galicia a uns 200 gandeiros e 3 grupos cooperativos, tanto en concellos da zona de influencia da planta de Teixeiro, onde captou a gandeiros de empresas como Leche Río, ou noutras zonas de Galicia, como a comarca do Deza, onde a fábrica de Curtis conta con dúas ducias de explotacións que producen un volume considerable de leite e que procedían na súa maioría de Larsa e Celta.

UUAA e Fruga consideran “ilegal” a “rotura unilateral” do contrato e esixen a “inminente intervención” da Xunta

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, visita a planta de InLeit Ingredients SLU. Polígono industrial de Curtis, 23/06/20.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, visitando o martes pasado a planta de InLeit Ingredients SLU no polígono de Curtis

O martes da semana pasada o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitaba a planta posta en marcha por Liasa e Rich´s Corporation en Teixeiro e púñaa como “exemplo de aposta polo rural mozo e innovador” pola súa creación de 130 postos de traballo, mentres o presidente de Inleit, Alfonso Escobar, insistía en que, cun investimento de 120 millóns de euros, o máis importante deste proxecto é a calidade do leite galego. Pero tan só tres días despois destas declaracións, o venres 26, a empresa enviaba as cartas de revisión á baixa dos contratos aos produtores dese leite.

Foi esta unha circunstancia que non pasou desapercibida para os sindicatos agrarios, tras ter coñecemento da proposta de modificación de contratos en orixe por parte da empresa. Desde a Federación Rural Galega destacaron que a planta transformadora láctea de Curtis “conta con todas as bendicións do presidente da Xunta” e afirmaron que a baixada de prezo é “considerable”, polo que esixiron en nota de prensa a “inminente intervención da Xunta”.

“Non estamos a falar dunha empresa láctea calquera, senón que estamos a falar dunha empresa que o señor Feijoo visitou o pasado 23 de xuño, anunciando unha recollida diaria de 700.000 litros. Agora gustaríanos saber onde está o señor Feijoo e o conselleiro de Medio Rural”, preguntan desde Fruga, que lembran o fiasco de Alimentos Lácteos, que “deixou un importante regueiro de débedas entre as explotacións leiteiras galegas”. “Voltamos a ver como a empresa estrela do Goberno volta a baixar os prezos do leite, e non respecta para nada os custos de produción”, denuncian.

Esiximos ao conselleiro do Medio Rural a súa intervención. Non fai moitos días díxosenos que esta empresa suporía importantes beneficios para as ganderías lácteas galegas, agora é o momento de demostralo, din desde Fruga

“Desde Fruga parécenos unha falta de respecto que unha industria láctea coma esta, modifique as condicións contractuais de forma totalmente unilateral, invitando aos gandeiros e gandeiras a marcharse senón están de acordo cos novos prezos. A maiores pensamos que esta maneira de proceder non respecta a lexislación vixente, na medida en que non se respectan os prazos, e por outra parte as modificacións só se poderán facer sempre que o novo contrato supoña mellorar as condicións para o sector produtor en relación ao volume de entregas, prezo ou duración do contrato”, destacan.

Se a empresa racha o contrato o gandeiro sempre tería a posibilidade esixir o seu cumprimento e mesmo danos e prexuizos, din en UUAA

Na mesma idea insisten desde Unións Agrarias.”Un contrato aínda que cambien todas as condicións do mercado se non é por acordo das partes non se pode modificar para empeoralo. Segundo o Decreto 312 do Paquete Lácteo, os prezos dun contrato asinado poden cambiarse sempre que supoñan unha mellora para o gandeiro, pero nunca ao revés. UUAA vai defender aos produtores até as últimas consecuencias porque é unha rotura unilateral de contrato e neste caso o gandeiro sempre tería a posibilidade de esixir o seu cumprimento e mesmo danos e prexuizos”, aseguran.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información