A Inlac valora un cambio dos seus índices de indexación do leite

O secretario de Gandería de UPA, Román Santalla, apunta á necesidade dun consenso para calquera modificación. Insta ás industrias a usar os índices da Interprofesional, que o conxunto do sector considera positivos pero que teñen escasa presenza nos contratos

A Inlac valora un cambio dos seus índices de indexación do leite

Reunión da Interprofesional Láctea, con Román Santalla segundo pola esquerda. / Arquivo.

A Interprofesional Láctea (Inlac) está a valorar un cambio nos seus índices de indexación de prezos, unha cuestión que se analizou estes días nunha reunión da sectorial de leite de Upa, a matriz estatal de Unións Agrarias. Os cambios, propostos pola Universidade de Santiago tras consulta co sector, débense as modificacións que experimentou o mercado lácteo de España desde o 2009, data de creación do sistema.

En concreto, a proposta céntrase na modificación do índice A, que marcaba a evolución dos prezos do leite en función dos seguintes parámetros: IPC do leite no supermercado (38%), prezo no campo en cinco países do entorno (Francia, Portugal, Alemania, Dinamarca e Países Baixos), 20%; custos de produción (20%); prezo da graxa, 12% e dos queixos (10%).

“Hai industrias, como Lactalis, que prefiren ‘barrer para casa’ co seu propio índice, coa connivencia da Administración”

Os cambios fanse tendo en conta o menor peso do leite líquido no mercado español, que segue representando un 50%, pero que hai unha década tiña un 57%, así como a maior importancia dos queixos, que soben 5 puntos, ata un 22%; e da materia graxa. O índice quedaría do seguinte xeito: IPC do leite no supermercado (30%) -podendo sustituirse esta referencia nun futuro polo prezo á saída da industria-, prezo no campo en cinco países do entorno, 20%; custos de produción (10%), graxa láctea (20%), queixos (12%) e leite en po (8%).

O secretario de Gandería de Upa, o lalinense Román Santalla, apunta que un dos cambios propostos na Inlac, a reducción do peso dos custos de produción das granxas, non gusta no sector produtor. “A proposta probablemente teñan uns bos fundamentos, pero estamos totalmente en contra de que se reduza o peso dos custos de produción, e coma nós, penso que o resto de organizacións do ámbito gandeiro. Quizais nos puidera beneficiar agora coxunturalmente, xa que os custos de produción están baixos, pero queremos estabilidade e os custos de produción son un factor importante para as explotacións”, valora Santalla.

Uso dos índices
Con todo, o principal cabalo de batalla é que os índices de referenciación da Inlac teñan un uso real nos contratos entre industrias e ganderías, pois ata agora son maioría as industrias que ou ben utilizan os seus propios índices ou que asinan contratos a prezo fixo. “As industrias continúan nun modelo de imposición de contratos, coa connivencia do Ministerio e da Xunta” -cuestiona Santalla.- “Cónstanos que seguen os índices da Inlac, pero non os usan”.

“Temos uns índices de indexación que foron pactados por todo o sector na Inlac e que están moi ben elaborados, pero hai industrias, como Lactalis, que prefiren ‘barrer para casa’ co seu propio índice, ou outras empresas que fixan un prezo fixo por comodidade”, valora o responsable de Gandería de Upa.

O cambio debatirase en breve na Inlac, se ben Santalla xa advirte de que calquera modificación terá que adoptarse co consenso de todo o sector, organizacións agrarias, cooperativas e industrias.

Petición dun límite máximo de vacas por explotación

A sectorial láctea de Upa fixo tamén unha valoración da proposta dun plan de ordenación do sector vacún de leite na que está traballando o Ministerio. Desde Upa manifestan o seu descontento coa proposta gubernamental, pois esperaban que o plan de ordenación establecese un límite máximo de animais por granxa, a imaxe do que sucede noutros sectores, coma o porcino.

O obxectivo de Upa é que o plan de ordenación serva para poñer límites nas macrogranxas que comenzan a planificarse en España. En lugar diso, atópanse con que o plan pode representar máis carga burocrática e económica para as explotacións, sen aportar ningún beneficio extra á lexislación xa vixente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información