A InLac presenta a estratexia de sustentabilidade para o sector lácteo español

XORNADA INLAC FERREIROA Organización Interprofesional Láctea (InLac) presentou onte en Madrid o seu informe “O que importa é o leite: Folla de Ruta para un sector lácteo, económico, social e medioambientalmente sustentable”  Este documento, coordinado polo profesor Manuel Laínez Andrés, senta as bases cara a un futuro máis sustentable para o sector lácteo español, destacando obxectivos globais de sustentabilidade ambiental, aliñados coa estratexia europea “Da granxa á mesa” e recollendo, á súa vez, compromisos de avance e un conxunto de indicadores para cuantificalos.

O evento de presentación, celebrado no Espacio Bertelsmann de Madrid reuniu a un bo número de axentes do sector lácteo, desde provedores de materias primas para a alimentación animal a gandeiros e gandeiras, membros de destacadas cooperativas e da industria transformadora. Os representantes da cadea de valor estiveron acompañados no acto por autoridades, ecosistema asociativo, expertos en sustentabilidade e medios de comunicación. A xornada foi presentada por Nuria Mª Arribas, directora xerente de InLac, quen deu a benvida aos asistentes, subliñando a importancia da estratexia sustentable no contexto actual.

O evento contou coa apertura institucional de José Miguel Ferreiro, director xeral de Alimentación do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación (MAPA), que destacou a importancia dos obxectivos sustentables para o futuro do sector lácteo. Subliñou que “este informe vai ser moi importante para a elaboración da Estratexia Nacional de Alimentación na que está a traballar o ministerio, pois fala de moitos aspectos que a estratexia pretende abordar, como a seguridade alimentaria, a calidade ou a innovación”. O director xeral aproveitou para pór en valor o compromiso do MAPA con políticas públicas que promovan prácticas agrícolas e gandeiras responsables, innovación con foco sustentable e colaboración entre todos os actores da cadea de valor.

Daniel Ferreiro, presidente de InLac, tamén interveu, sinalando que a folla de ruta presentada “representa un esforzo colectivo e un fito no noso camiño cara á sustentabilidade, reflectindo a visión compartida dun sector que non só é vital para a nosa economía, senón tamén para a cohesión social e a conservación do medio ambiente. Estamos convencidos de que só a través dun esforzo conxunto poderemos enfrontar os desafíos que se nos presentan e aproveitar as oportunidades que nos brinda o futuro”.

XORNADA INLAC 2

Pola súa banda, o autor e coordinador do informe, Manuel Laínez, veterinario e doutor enxeñeiro agrónomo, exdirector do INIA e actual director de Innovación e Desenvolvemento Agroalimentario e director da Fundación Grupo Cajamar, destacou que a estratexia “é un reflexo do compromiso para consolidar a actividade de produción e transformación de leite nas zonas rurais españolas, garantindo o seu mantemento e o dos servizos ecosistémicos asociados. Permitirá ao conxunto dos actores da cadea transmitir á sociedade e ás administracións o esforzo que todo o sector está a levar a cabo para asumir a súa responsabilidade social”.

Un dos pratos fortes da xornada foi a presentación do anuncio “Sustentables sen sabelo”, unha produción que forma parte da nova campaña lanzada paralelamente pola interprofesional, mediante a que se quere pór en valor as iniciativas e esforzos que xa se están levando a cabo no sector para promover a sustentabilidade.

O acto concluíu cunha mesa redonda, moderada por Fernando Moraleda, director da Oficina Alimentaria de Llorente y Cuenca (LLYC), na que participaron Rosario Arredondo, gandeira de vacún de leite, membro da executiva de COAG e membro da xunta directiva de InLac.; Antonio Larrea Morales, coordinador de compra/venda de leite en COVAP; e Henar L. Senovilla, directora de comunicación, RSC e asuntos públicos de Lactalis España. Os relatores debateron sobre os retos e oportunidades que afronta o sector lácteo na súa transición cara a un modelo máis sustentable e coincidiron na necesidade de seguir traballando de maneira conxunta para desenvolver a estratexia trazada na folla de ruta e asegurar un futuro próspero e sustentable para o sector lácteo español.

XORNADA INLAC 1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información