Inicio de mobilizacións para esixir “solucións” ante a falta de fondos para produción ecolóxica

O Sindicato Labrego Galego demanda medidas "para as granxas discriminadas pola Consellería no acceso ás axudas públicas" e unha reunión urxente co conselleiro do Medio Rural

Un cento de produtores acompañaron á secretaria xeral do SLG no acto diante da delegación da Xunta en Lugo, onde pediu unha reunión co conselleiro

Un cento de produtores acompañaron a Isabel Vilalba no acto diante da delegación da Xunta en Lugo

Un cento de produtores de explotacións en ecolóxico e granxas ubicadas en zonas non declaradas de montaña pediron este venres diante da sede da Xunta en Lugo “solucións” ante a perda de fondos deste ano, nun acto organizado polo Sindicato Labrego Galego, que inicia deste xeito unha campaña de mobilizacións para esixir “medidas para as granxas discriminadas pola Consellería do Medio Rural no acceso ás axudas públicas”. 

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, anunciou “unha campaña de mobilizacións en todo o país esixindo a subsanación da xestión discriminatoria destes orzamentos públicos en detrimento das pequenas e medianas explotacións ecolóxicas e en zonas desfavorecidas”.

“A falta de previsión por parte da Consellería porá en entredito a viabilidade económica de multitude de granxas e pequenos proxectos agro ecolóxicos” (Isabel Vilalba)

Mediante un escrito presentado no rexistro da Xunta, Vilalba solicitou unha xuntanza urxente co conselleiro, José González, para lle trasladar a alarma xerada no sector ecolóxico ante as informacións, saídas da propia Consellería, da falta de fondos previstos para facer fronte ao total de solicitudes para a liña de ecolóxico da PAC 2022.

“Faltan máis de 2 millóns de euros”

Este ano acadouse a incorporación de 150 novas granxas ao modelo ecolóxico, as cales viñéronse a engadir ás 100 explotacións que non puideron solicitar a axuda anteriormente. “A piques de rematar o ano, trasládaselle ao sector que faltan máis de 2 millóns de euros para estas axudas. Esta intolerable carencia de previsión por parte da Consellería porá en entredito a viabilidade económica de multitude destas granxas e pequenos proxectos agro ecolóxicos”, denuncia o SLG.

No escrito rexistrado esta mañá, a secretaria xeral do SLG demandou a subsanación inmediata das consecuencias da ausencia de planificación por parte da Consellería, ampliando a partida adicada á produción ecolóxica para garantir que todas as persoas solicitantes podan acceder a este pago. “Baixo ningún concepto pode ser un motivo de denegación a falta de fondos”, afirmou Isabel Vilalba. 

Esta perda de ingresos das explotacións en ecolóxico neste ano viranse a engadir ademais en moitos casos ás consecuencias derivadas da decisión da Consellaría de excluír a 8.255 granxas do acceso ás axudas por zona desfavorecida no vindeiro período da PAC 2023-2027, asegurou a secretaria xeral do SLG, que esixiu “unha rectificación e inclusión dos pagos para zona desfavorecida ao total dos concellos calificados como tal” e non só aos declarados zona de montaña, como pretende a Consellería.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información