Iniciativas para o fomento e profesionalización do sector do Porco Celta

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta leva dende 1999 traballando de xeito ininterrompido pola recuperación e promoción da raza Porco Celta. Na última década, o labor da entidade colleu novo impulso, profesionalizándose e ampliando tanto a súa base de asociados como os programas técnicos e estratéxicos que xestiona. Coñecemos o feito ata agora e os proxectos de futuro nos que traballan.

PORCO CELTA BIOTRACE 2

Actualmente,a  Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) –cuxo organigrama se compón dun presidente, unha vicepresidenta, secretario, tesoureiro e tres vogais– agrupa arredor de 130 gandarías asociadas con especial presenza na provincia de Lugo, onde se concentra a maior parte das granxas. As restantes repártense de xeito homoxéneo entre Ourense, A Coruña e Pontevedra. O equipo técnico da entidade está formado por catro profesionais que se encargan do seguimento veterinario, a xestión documental e o acompañamento aos socios.

O avance no fomento da raza Porco Celta acompañouse dunha estratexia de alianzas que permitiron a Asoporcel gañar presenza institucional e comercial. Actualmente, forma parte do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), da Federación de Razas Autóctonas Españolas (Federapes), da rede internacional Slow Food e do selo Galicia Calidade. Ademais, conta coa distinción de Pyme Innovadora, un recoñecemento estatal que acredita o seu compromiso coa investigación, a dixitalización e a aplicación de tecnoloxías punteiras ao sector gandeiro.

ACTIVIDADE PROMOCIONAL

Desde 2018, Asoporcel deu un paso decidido na súa estratexia de promoción, convencidos de que a recuperación do Porco Celta pasa por que a sociedade o coñeza, o valore e, sobre todo, o consuma. A divulgación, a educación e a acción comercial conflúen en iniciativas deseñadas para situar o produto e o seu sistema de cría extensiva no centro do discurso sobre alimentación sostible, identidade territorial e futuro do rural.

As redes sociais son vía esencial para conectar directamente co público. En Facebook e Instagram, a asociación publica diariamente novas das ganderías asociadas, avances técnicos, presenza en feiras e convocatorias abertas, ademais de concursos e sorteos de produtos que funcionan como pontes entre produtores e consumidores.

A cobertura mediática é un aliado clave. Reportaxes en prensa xeral e especializada, aparicións na TVG e noutras canles nacionais e autonómicas e colaboracións con medios do sector axudan a visibilizar a singularidade da carne de Porco Celta e o valor dun modelo produtivo baseado no benestar animal, a sustentabilidade e o aproveitamento racional dos recursos. Ademais, técnicos da asociación imparten charlas en centros educativos de distintos niveis, contribuíndo á formación de futuras xeracións e á divulgación do patrimonio gandeiro autóctono.

O labor de promoción transmite un modelo produtivo baseado no benestar animal, a sustentabilidade e o aproveitamento racional dos recursos

Outro eixe fundamental é a participación en feiras e eventos. Anualmente, o Porco Celta está presente en máis de medio cento de citas en Galicia e fóra dela. Neses espazos, a raza non se exhibe só como produto gastronómico, senón como proxecto integral: un modelo de produción en liberdade con selo de calidade, compromiso ambiental e identidade galega.

Entre todas as feiras, dúas destacan polo seu impacto: Expolugo e a Semana Verde de Galicia. En Expolugo – A Rural, Asoporcel participa de forma activa na organización, que combina exposicións, concursos morfolóxicos, venda de produtos e desfiles.

Acudir a eventos e concursos é parte esencial da estratexia de promoción da raza

Acudir a eventos e concursos é parte esencial da estratexia de promoción da raza

Porén, o principal escaparate é a Semana Verde de Galicia, celebrada cada xuño en Silleda. A asociación traslada un amplo dispositivo: na última edición, participaron arredor de 60 exemplares de 25 ganderías, contaron con stand no pavillón de alimentación catro operadores e os derivados da raza formaron parte dos menús do TapiRazas.

O programa incluíu tamén actividades para público infantil, sorteos, espazos de interacción a través de códigos QR e dous certames xa consolidados: o Concurso Morfolóxico do Porco Celta e o Concurso de Manexo Porcino, onde este ano a raza galega compartiu protagonismo co Gochu Asturcelta.

O labor divulgativo complétase coa produción de contido propio: vídeos formativos, manuais de cría, folletos, participación en revistas como Autóctonas Galegas, editada en colaboración con Boaga… Estes materiais son empregados en feiras, centros educativos e accións formativas, e están tamén dispoñibles na súa web, recentemente renovada para mellorar a accesibilidade á información e facilitar servizos tanto aos socios como ao público xeral.

CAMPAÑAS DE DIFUSIÓN

A primeira grande campaña de Asoporcel data de 2020 co lema “Pásate ao Porco Celta”, un impulso inicial que se lanzou a través de televisión, redes sociais e notas de prensa. O obxectivo principal era presentar a raza ao gran público, destacando as súas virtudes, sabor e orixe 100 % galega. En consonancia, organizáronse iniciativas en redes —incluíndo concursos e sorteos— para implicar directamente ao consumidor local e fomentar o consumo responsable.

En 2021, chegou a segunda fase: “Somos de Raza”. Esta campaña deseñouse como un tributo ao esforzo dos gandeiros, convertendo aos propios criadores en protagonistas. Un spot para TVG e plataformas dixitais mostraba aos gandeiros e gandeiras como heroes do rural galego, reforzando a idea de que a recuperación do Porco Celta non se entende sen o compromiso directo das persoas que o crían.

Para Asoporcel é clave dar a coñecer o consumidor todo o labor que desenvolve

Para Asoporcel é clave dar a coñecer o consumidor todo o labor que desenvolve

En 2022, os protagonistas volveron ser os criadores, convertéronse en actores por un día no spot de “Somos de Raza”, emitido en TVG, redes e emisoras locais, incluíndo edicións especiais para Noiteboa e Noitevella. Esta acción reforzou o vínculo emocional e persoal co consumidor, poñendo no centro a tradición e a autenticidade.

As campañas de difusión destacan o papel dos criadores establecendo vencellos emocionais e persoais co consumidor

No 2023, xa preto do medio cuarto de século da asociación, presentouse a peza “25 anos coidando da raza Porco Celta”, co foco nas principais liñas de actuación desenvolvidas dende a orixe. O aumento do número de cabezas da raza, a presenza en feiras, a formación e profesionalización dos membros da asociación, a innovación e a promoción constante foron algúns dos factores aludidos.

Xa en 2024 lanzouse “Porco Celta: unha raza, infinitas elaboracións”, cun enfoque claramente gastronómico. O vídeo mostraba propostas culinarias elaboradas —desde tataki ou bao ata empanada con liscos—, posicionando a raza como produto gourmet adaptable a tendencias modernas. Distribuído en televisión, redes e medios dixitais, o spot xuntou innovación e tradición para atraer tanto a públicos especializados coma a novas xeracións.

Estas campañas están acompañadas de accións transversais ao longo de todo o ano: sorteos de lotes, concursos, receitas en vídeo, infografías, reportaxes en medios, spots dixitais vinculados a datas claves…

PREMIOS E RECOÑECEMENTOS

Nos últimos anos, Asoporcel recibiu recoñecementos ao valor social, ambiental e económico do seu proxecto. Os galardóns honran os criadores e visibilizan o Porco Celta como exemplo de conservación activa da biodiversidade, dinamización rural e calidade alimentaria.

En 2019, a asociación recibiu o Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural, organizado pola USC xunto ao Grupo Aresa. O xurado —formado por perfís como o reitor da USC ou o catedrático Ángel Carracedo— recoñeceu o impacto positivo na dinamización do medio rural, o labor de recuperación da raza porcina autóctona galega e a apertura do mercado para un produto de calidade.

Os selos de calidade e os premios recibidos avalan a calidade do traballo dos críadores

Os selos de calidade e os premios recibidos avalan a adicación ao traballo que amosan os críadores

Un ano máis tarde, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) concedeulles o Premio Galicia Alimentación 2021 na categoría de “Mellor Proxecto Empresarial”. Foi a primeira vez que unha asociación de gandeiros recibía este galardón, recoñecendo a capacidade de Asoporcel para profesionalizar as granxas, impulsar vendas en liña, e posicionarse en proxectos como Mercaproximidade da Xunta.

Os premios recibidos recoñecen un proxecto integral de desenvolvemento económico no medio rural

Ese mesmo 2021, chegou o premio Lugo Cambia, co galardón …”E Para Comer, Lugo” á Gastronomía Lucense, entregado no Pazo de San Marcos coincidindo co Día Mundial do Turismo. Esta distinción destacou a labor de recuperación xenética da raza e o seu papel na promoción do turismo e da gastronomía local.

En 2022 obtiveron o XIII Premio ao Desenvolvemento Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), na categoría de “Recuperación e Posta en Valor do Territorio Agrario”. O acto tivo lugar en Ourense, presidido polo conselleiro do Medio Rural, e fixo fincapé na función de Asoporcel como motor de revalorización de terras abandonadas e conservación da paisaxe mediante o sistema extensivo.

No 2024, a asociación recibiu unha mención especial no Primeiro Encontro Nacional do Programa Cultiva organizado polo MAPA en Madrid, valioso pola súa aposta pola formación de mozos gandeiros en explotacións modelo. 

O resultado da acumulación destes galardóns é unha narrativa sólida: a recuperación da raza non é só un exercicio de conservación, senón un proxecto integral que xera emprego, economía no rural, innovación en venda e internacionalización.

SELOS E OUTROS PROXECTOS

A participación nestes proxectos de I+D+i e noutros de diferentes ámbitos ten por finalidade conseguir que chegue ao mercado o mellor produto cárnico posible. Fresco, embutidos, curados salgaduras, afumados…todo o que se aproveita do cocho. E sabendo reflectir os métodos de cría tradicionais e sustentables en fragas espalladas por toda Galicia.

Dende o punto de vista técnico, a carne de porco celta caracterízase por ter unha cor avermellada intensa, textura tenra, infiltración de graxa cualificada de excelente, alto contido en ácidos graxos insaturados, ferro e antioxidantes. Unhas características organolépticas e nutricionais que se ven acentuadas polos maiores tempos de sacrificio -case 12 meses- e o pastoreo libre.

Sen embargo, a demora no sacrificio dos animais e, por conseguinte, na saída das canais e dos produtos elaborados ao mercado non impiden que a carne producida manteña un crecemento constante, tan só alterado nos anos da postpandemia. Dese xeito, en só oito anos -de 2016 a 2024- aumentou en 100 toneladas a cantidade de carne certificada baixo distintivos oficiais, pasando de 95.000 quilos a 195.000. Unhas cifras moi elevadas para unha especie que, non esquezamos, segue estando en perigo de extinción.

Precisamente as certificacións de calidade, a súa consecución, son unha constante dende hai case unha década. Dese xeito, dende 2016 todos os produtos derivados do Porco Celta contan co logotipo 100 % Raza Autóctona Porco Celta, o primeiro selo nacional de raza porcina autóctona, autorizado polo Ministerio de Agricultura. O selo garante a pureza xenética, a cría en réxime extensivo ou semiextensivo, a alimentación natural e a trazabilidade completa dende a granxa ao consumidor.

Os produtos que saen das granxas dos socios de Asoporcel contan con recoñecementos do Ministerio de Agricultura e a Consellería do Medio Rural

Nesa mesma liña, dende 2023 Asoporcel está autorizada a empregar o selo Galicia Calidade en todos os produtos derivados da raza. O distintivo, que recoñece máis de 140 empresas galegas e 400 referencias, avala que o produto está elaborado en Galicia, utiliza materia prima galega e supera un control rigoroso de calidade.

Eses dous selos combinados supoñen un valor crecente no mercado cárnico tanto nacional como internacional. De xeito que os derivados do Porco Celta alcanzan nos puntos de venda prezos similares aos do coñecido porco ibérico. E serven tamén para transmitir unha imaxe que reforza a confianza do consumidor e permite acceder a cada vez máis mercados.

A maiores dos selos que acreditan a carne e os seus procesos de produción, Asoporcel viu recoñecido nos últimos anos o seu labor no eido administrativo. Así, a asociación está recoñecida como entidade de asesoramento, formación e apoio técnico, converténdose nunha estrutura clave para a viabilidade das ganderías de Porco Celta e a incorporación de novos criadores ao sector.

A formación para os socios e persoas interesadas na raza é un píar da actividade da asocación

A formación para os socios e persoas interesadas na raza é un piar da actividade da asociación

Desde a súa inscrición como entidade de xestión e asesoramento agrario (EAX_19_075), ofrece apoio directo na tramitación de axudas públicas, cunha atención especialmente centrada nas liñas destinadas a razas autóctonas. E está recoñecida como entidade colaboradora da Consellería do Medio Rural para a formación continua e transferencia de tecnoloxía agraria (ECMR_144/22) así como entidade autorizada para impartir cursos en materia de benestar animal (BA_102/17).

ACOMPAÑAR OS SOCIOS

Por tratarse dunha raza autóctona e aínda en perigo de extinción, é esencial desenvolver e xestionar o Libro Xenealóxico da raza Porco Celta, recoñecido oficialmente polo Ministerio de Agricultura. O Libro garante a pureza da liña xenética e establece os criterios de selección e reprodución. Todos os exemplares son inscritos cun rexistro detallado da súa filiación e datos morfolóxicos e produtivos, un dos pasos que levan á trazabilidade da produción e a consolidación do selo 100 % Raza Autóctona.

Como elemento engadido de control, todos os animais levan un dobre crotal auricular: un visual e outro electrónico -dotado dun transpondedor- que facilita a recollida de datos directamente na granxa.

Un dos puntos fortes do labor de acompañemento de ASOPORCEL son as visitas técnicas as explotacións

Os técnicos de Asoporcel asesoran en todo momento os propietarios das explotacións

Os técnicos de Asoporcel asesoran en todo momento os propietarios das explotacións

Outro dos puntos fortes da actividade de acompañamento son as visitas técnicas en colaboración con outras entidades, como a realizada en 2024 á devesa salmantina. Alí, trinta criadores galegos puideron coñecer de primeira man o modelo de manexo do porco ibérico, o funcionamento da montanera e o sistema de silvopastoreo, coa mirada posta na súa adaptación ao Porco Celta. Estes encontros permiten enriquecer a práctica diaria dos socios e establecer pontes con outras razas e territorios.

PROXECTOS DE I+D+i

Para a Asociación os investimentos e a participación en proxectos de I+D+i son unha parte fundamental da estratexia para os vindeiros anos. En colaboración con empresas, fundacións e administracións e organismos públicos traballan en sete iniciativas principais que buscan combinar a tradición rural da cría dos animais coas novas tecnoloxías e os métodos científicos. Trátase de proxectos de ámbitos moi diferentes pero co obxectivo claro da profesionalización e o crecemento do sector.

AsopQRcel

Deseñar un sistema de trazabilidade dixital para esta raza porcina. Eso é o que persegue o grupo operativo AsopQRcel, O que se vai facer é crear un código QR en cada peza, co fin de ofrecer ao consumidor datos clave—desde pegada de carbono ata benestar animal—mediante tecnoloxías como blockchain e intelixencia artificial. O proxecto aspira a reforzar a transparencia e a confianza do consumidor, así como a consolidar o valor ambiental e social dos produtos.

Aprobado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) no marco do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o consorcio inclúe, entre outros, o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), dependente da Universidade de Santiago de Compostela (USC); a Fundación Terreo, Innogando ou Medrar Innovation Office.

Bio4Trace

Trátase dun Grupo Operativo Supraautonómico. O programa combina xenotipado e fenotipado de alta densidade con intelixencia artificial e tecnoloxía blockchain, para garantir. Quérese acadar a trazabilidade completa e ampliar a selección xenética baseada en marcadores, co fin de mellorar a calidade da carne e a sustentabilidade das razas.

O proxecto está cofinanciado pola Asociación Europea Innovación para unha agricultura produtiva e sostible (AEI‑Agri), o Feader e o MAPA. E colaboran con Asoporcel a Asociación de Criadores de Chato Murciano, a Asociación de Cochino Negro Canario, Pyramis, e a Fundación Terreo, e entidades técnicas como o Centro de Investigacións Agraria de Mabegondo (CIAM) ou a Universidade de Murcia e a consultora Medrar Innovation Office.

Os crotais dixitalizados son parte da estratexia de total trazabilidade de Asoporcel

Os crotais dixitalizados son parte da estratexia de total trazabilidade de Asoporcel

Forescelta

Tamén neste caso se actúa no marco dun grupo operativo. O obxectivo foi desenvolver sistemas silvopastorís en bosques caducifolios, integrando Porco Celta e Gochu Asturcelta para aproveitar montes, reducir maleza, previr incendios e obter carne de calidade. Para iso, implementaronse alimentación controlada, tecnoloxía automatizada e renovación de infraestruturas, de xeito que se promovesen prácticas sostibles, diversificación económica e protección do territorio. Aínda que non se están a desenvolver novas accións, os resultados xa levan tempo percibíndose.

Forescelta é un proxecto transnacional Galicia–Asturias, coordinado por Intereo e financiado pola Agacal e o Feader. Nas fases xa concluidas participaron con Asoporcel a Asociación de Criadores de Gochu Asturcelta, o Servicio Regional de Investigación y Desarrollo Agroalimentario asturiano, o Centro Tecnolóxico da Carne, Asforocas e a comunidade de montes “O Carballo”, de Friol.

Datalife

O proxecto Datalife aínda está a dar os seus primeiros pasos. Con el quérense crear plataformas dixitais para recollida e xestión de datos en granxas de Porco Celta. Igual que noutros sectores gandeiros, busca analizar datos produtivos e sanitarios para optimizar procesos e impulsar a toma de decisións. Esta infraestrutura dixital permitirá os gandeiros mellorar a rendibilidade, manter estándares sanitarios e reforzar a trazabilidade dende a granxa ao mercado, integrando o coñecemento tecnolóxico coa práctica tradicional.

Greencoop

En marzo de 2025, a USC e os criadores do Porco Celta incorporáronse ao proxecto internacional Greencop, no que participan entidades de 24 países europeos e China. Durante catro anos, analizarase o funcionamento das explotacións —tanto convencionais como ecolóxicas— para mellorar a calidade dos alimentos e reforzar a sustentabilidade. Estudarase a rendibilidade económica, a biodiversidade, a pegada hídrica e a de carbono, así como o impacto social no rexuvenecemento rural.

O benestar dos animais nas granxas é fundamental para que os resultados cárnicos sexan os desexados

O benestar dos animais nas granxas é fundamental para que os resultados cárnicos sexan os desexados

Greencoop, segundo explican dende a USC, pretende promover a economía social, mellorar a prosperidade das persoas que se dedican á agricultura e o emprendemento rural mediante a optimización do uso dos recursos no predio, a redución do dano ambiental, a mellora das condicións laborais e a inclusión —nomeadamente de mulleres—, o fomento da bioeconomía e a economía circular, e o aumento do número de empregos e competencias de alta calidade.

Accións de transferencia e cooperación coa Agacal

O propósito desta iniciativa era deseñar un protocolo de avaliación xenética que permita establecer liñas reprodutoras específicas segundo obxectivos de cría e carne, así como fomentar o aproveitamento silvopastoril para optimizar uso territorial e control de biomasa. Houbo, ademais, outras iniciativas de transferencia que están a axudar a mellorar a calidade e a sustentabilidade da raza e consolidar a transferencia de investigación á práctica gandeira en Galicia. A Agacal aprobou en xuño de 2021 unha subvención para o proxecto de mellora xenética do Porco Celta, unha iniciativa conxunta de Asoporcel, o CIAM e o Centro Tecnolóxico da Carne.

Granxa experimental Gayoso Castro de Porco Celta

En colaboración coa USC, a Deputación Provincial de Lugo vai habilitar unhas instalacións especiais na granxa experimental Gayoso Castro dedicada á recría de animais de raza Porco Celta (24 porcas e 5 verróns ou sementais). Neste caso, a formación é o máis importante. O plan inclúe instalacións para prácticas veterinarias, aulas e investigación. A finalidade é formar estudantes de Enxeñaría Agraria e Veterinaria e servir como modelo de innovación e transferencia tecnolóxica para o sector extensivo, consolidando o vínculo entre educación superior e realidade produtiva galega.

Tanto os de I+D+i como o resto de proxectos están orientados a mellorar a rendibilidade e sustentabilidade das explotacións

Pero a programación de Asoporcel vai máis alá dos proxectos de I+D+i. Por exemplo, nos últimos anos puxeron en marcha tres programas técnicos que buscan mellorar a rendibilidade e sustentabilidade das granxas.

O primeiro deles, centrado no manexo e na rotación dos animais, promove unha utilización eficiente dos recursos dispoñibles, especialmente en montes e parcelas de uso comunitario. O segundo, enfocado na cría, traballa na selección de reprodutores e no control dos cruzamentos para evitar consanguinidade e reforzar os caracteres desexables. E o terceiro, de carácter sanitario, establece protocolos comúns de vacinación, desparasitaxe e hixiene nas explotacións.

As tres iniciativas van parellas a unha estratexia de alianzas para que Asoporcel gañe presenza institucional e comercial. Hoxe a asociación forma parte do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), da Federación de Razas Autóctonas Españolas (Federapes), da rede internacional Slow Food e do selo Galicia Calidade.

Ademais, conta coa distinción de Pyme Innovadora, un recoñecemento estatal que acredita o seu compromiso coa investigación, a dixitalización e a aplicación de tecnoloxías punteiras ao sector gandeiro.

Logos Color Logo Ministerio 2 ASOPORCEL

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información