Iniciativas de xestión conxunta da terra no Ribeiro

Medio Rural avanza cos Concellos da comarca proxectos para crear polígonos agroforestais orientados ó viñedo, así como o apoio a unha asociación de propietarios de monte para o manexo colectivo de 145 hectáreas

Publicidade
Iniciativas de xestión conxunta da terra no Ribeiro

Viñedos en Arnoia.

De xeito paralelo á tramitación da Lei de Recuperación da Terra Agraria no Parlamento galego, a Consellería do Medio Rural trata de fomentar no campo as figuras que porá en marcha esta Lei para a xestión conxunta da terra. No Ribeiro, a Xunta avanza cos Concellos da comarca a posta en macha de tres polígonos agrarios orientados ó viñedo. Entre os tres proxectos, suman 170 hectáreas nos concellos de Castrelo do Miño, Leiro e Arnoia.

A eses proxectos hai que sumar un polígono cortalumes en Arnoia, de 60 hectáreas, que tamén estaría orientado ó viñedo. Os polígonos cortalumes constitúen un caso particular de polígono agroforestal, pois non se trata só de unir as parcelas para unha xestión conxunta, senón que tamén se busca que esas terras sirvan para crear discontinuidades entre masas forestais, actuando a modo de cortalumes.

Para abordar a posta en marcha do polígono agroforestal, o conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha reunión co alcalde do municipio, Rodrigo Aparicio, e co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Na reunión avaliouse ademais o impulso doutro polígono agroforestal dunhas 20 hectáreas, tamén orientado cara o viñedo, noutra zona da Arnoia. Tanto neste caso como no do polígono cortalume, o rexedor solicitou que o manexo desas terras se lle adxudique de xeito prioritario a mozos viticultores cun compromiso de profesionalización.

De acordo con esa petición, Medio Rural anuncia un plan específico de incorporación destes activos, co fin de fomentar a remuda xeracional no sector viticultor da comarca.

Monte de Remuíños
Por outra banda, neste encontro tamén se avanzou nos traballos de consolidación da asociación de propietarios do monte de Remuíños, que abrangue aproximadamente 145 hectáreas e que se porán en valor previsiblemente a través dun instrumento de xestión conxunta, outra das figuras que contempla a futura Lei de recuperación.

A estas iniciativas de posta en valor de terras na Arnoia súmanse as deseñadas recentemente para Castrelo de Miño (un proxecto piloto de polígono agrario de viñedo de arredor de 50 hectáreas) e Leiro (outro polígono de viñedo de 100 hectáreas). Con ellas, a Consellería subliña que dáse resposta, ademais, á demanda da Denominación de Orixe Ribeiro no sentido de impulsar a recuperación de terras e a ampliación de superficie para o cultivo de viñedo na bisbarra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información