Iníciase o pago das axudas para compensar os baixos prezos do leite

Agricultura anuncia que os beneficiarios deben cumplimentar un último trámite a través da páxina web do Ministerio

Iníciase o pago das axudas para compensar os baixos prezos do leite

As axudas tratan de compensar os baixos prezos do leite.

O Ministerio de Agricultura vén de anunciar que procederá ó pago inmediato das axudas de minimis destinadas ás explotacións lácteas. Para percibir as axudas, os beneficiarios deberán cumplimentar un último trámite na páxina web do Ministerio, na que terán que facer unha declaración responsable de non estar inmersos en ningún procedemento de reintegro de subvencións nin en ningunha das restantes prohibicións previstas na Ley 38/2003, relativa á concesión de axudas públicas.

Os beneficiarios da axuda ministerial, que compensa ás explotacións polos baixos prezos percibidos entre abril e xullo, teñen que acceder a este formulario para facer a declaración responsable deseñada polo Ministerio.

Unha vez na web, deberán autenticarse co seu NIF, co crotal dunha vaca presente na explotación a 1 de outubro e co crotal da nai desa vaca. Despois terán que marcar a casilla correspondente á declaración responsable.

En canto se dispoña da declaración responsable, Agricultura asegura que procederá de xeito inmediato ó abono da subvención, que será ingresada na conta corrente xa facilitada polos beneficiarios. O Ministerio lembra que esta axuda é unha medida excepcional que busca proporcionar liquidez a curto prazo, en tanto non se estabiliza a situación de mercado e se recuperan os prezos do leite.

Grupo de traballo de seguemento do acordo lácteo
O grupo de traballo de seguemento do acordo lácteo manterá un encontro mañá en Madrid para valorar a marcha do pacto asinado o pasado 23 de setembro. Por Galicia, está prevista a presencia de Francisco Bello, representante de Asaja, única organización agraria que asinou o acordo.

Na tarde de hoxe xoves, tamén está programada unha reunión da xunta directiva da Interprofesional Láctea (Inlac) na que se valorará a posta en marcha do contrato homologado de compra-venda de leite de vaca, que xa está ultimado e que podería quedar pactado entre industrias e gandeiros este mesmo mes.

Abordarase ademais un protocolo de salvagarda e cautela coa Comisión Nacional da Competencia, a fin de evitar que as conversas que se manteñen entre a Inlac e a distribución poidan ser obxecto de sanción. Na reunión da Interprofesional estarán tanto Román Santalla (Unións Agrarias-Upa) como Francisco Bello (Asaja Galicia).

Máis información
Formulario de declaración responsable esixido por Agricultura.

Una idea sobre “Iníciase o pago das axudas para compensar os baixos prezos do leite

  1. Esther

    De xeito inmediato refírese a: ti cubre o formulario que cando nos acorde xa che pagamos. Fai unha semana que a miña explotación cubriu o formulario e ninguén ingresa nada, e as débedas cada vez son máis grandes…

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información