Iniciarase este ano a posta en marcha do centro de promoción de Sergude, o chamado “espello do rural”

A Xunta anuncia que no 2021 destinará catro millóns de euros á primeira fase da iniciativa. O proxecto, que abrangue 100 hectáreas, inclúe a creación dunha granxa con tódalas razas autóctonas de animais, unha zona de horta, cereais e viñedos; un parque forestal e zonas de pastos

Iniciarase este ano a posta en marcha do centro de promoción de Sergude, o chamado “espello do rural”

Presentación en Sergude do proxecto do centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, vén de presentar en Sergude (Boqueixón) o proxecto do centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais. Será, segundo dixo, “un espello da Galicia rural viva, próspera e verde na que cremos”. A posta en marcha do centro, que se iniciará este ano, aterase ó proxecto Buxo, gañador do concurso de ideas convocado pola Administración.

O proxecto, elaborado por Jorge Salgado, Celso López, Magdalena Arousa Portela e César Portela, inclúe nunha primeira fase a reforma do centro de formación agroforestal de Sergude, así como da residencia de estudantes e do Pazo de Quian. Construirase tamén un novo edificio, “que se denominará o Castro” -precisou o presidente- e que será “escaparate dos produtos agroalimentarios e forestais”.

Estas instalacións concentrarán tamén o centro temático e de promoción gastronómica -ideado para que os cociñeiros galegos poidan traballar con produtos do país-, e o espazo para a organización de mostras e eventos.

A iniciativa abrangue en total 100 hectáreas, nas que tamén se habilitará unha granxa con tódalas razas autóctonas de animais, zonas de cultivo con cereais, horta e viñedo; un parque forestal e áreas de pastos.

Este ano arrancará a posta en marcha do proxecto, para o que se destinan 4 millóns de euros nos orzamentos do 2021. A Xunta anuncia unha execución progresiva que continuará en anos vindeiros.

Durante o acto de presentación, Feijóo incidiu en que o obxectivo do complexo era o de conciliar as visións dun territorio ordenado, coidado e fértil en produtos de calidade: “En definitiva, estamos a falar dun modelo a escala da Galicia rural na que cremos: ordenada, con produtos agroalimentarios de calidade e cun plantexamento forestal a curto e longo prazo”, afirmou.

Como complemento a estes proxecto, Feijóo sinalou que a Xunta destinará, tamén unha achega de 2 millóns de euros para o Centro de Investigación Agrarias de Mabegondo co fin de potenciar o banco de xermoplasma e a creación dunha explotación-modelo de vacún de leite.

A creación do centro de promoción de Sergude fora contestada nos últimos meses desde as organizacións agrarias, que o consideran “un despilfarro propagandístico”, e desde o ámbito da investigación agraria, que desde hai anos reclama máis fondos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información