Inícianse os traballos para executar os polígonos agroforestais de Oímbra e Cualedro

A Consellería do Medio Rural fixo públicos dous acordos polos que se decretan estes dous proxectos, os primeiros de iniciativa pública. A superficie afectada en Oímbra é de 22 hectáreas, e de 64 ha en Cualedro. O cultivo agrícola, a gandería ou a fruticultura son algúns dos usos que se lle van dar

Inícianse os traballos para executar os polígonos agroforestais de Oímbra e Cualedro

Imaxe de arquivo dun área ardida en Cualedro anos atrás. / Arquivo.

O Diario Oficial de Galicia publicou os dous acordos da Consellería de Medio Rural para declarar de utilidade pública e de interese social dous polígonos agroforestais de iniciativa pública, que estarán situados nos concellos ourensáns de Oímbra e Cualedro. Desta forma, inícianse os traballos para executar os dous primeiros polígonos deste tipo, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Cabe sinalar que, ao tratarse de polígonos de iniciativa pública, ambos procedementos serán sometidos a un proceso de concorrencia competitiva.

Desta forma, ambos polígonos teñen como obxectivo prioritario poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade. No caso do polígono agroforestal de Oímbra, contará cunha superficie de case 22 hectáreas repartidas en 70 parcelas de 73 propietarios. Pola súa banda, o polígono de Cualedro constará de 64 hectáreas, repartidas nunhas 70 parcelas de 70 propietarios.


Iniciativa, usos e actividades admisibles


O pasado 27 de decembro de 2021 saían publicados no Diario Oficial de Galicia os procedementos de aprobación para o desenvolvemento destes dous polígonos agroforestais, os cales motivaron a elaboración do estudo de viabilidade en cada un dos casos. Unha vez feitos e aprobados estes estudos, determinouse decretar ambos procedementos para iniciar así a redacción do proxecto básico de cada un dos polígonos. Seguidamente, iniciarase a investigación da titularidade das fincas e os traballos de reestruturación da propiedade en ambas áreas, de seren necesarios.

A partir do estudo de viabilidade aprobado en cada caso determináronse os usos e actividades admisibles, así como as boas prácticas forestais. Deste xeito, no polígono de Oímbra establécense en toda a súa extensión como actividade principal os cultivos agrícolas de ciclo curto e, na parte sur, gandaría en extensivo. Como actividade secundaria, identificáronse as árbores froiteiras e, tamén na parte sur, a gandaría en extensivo.

No polígono de Cualedro, a actividade principal que se establece é a gandaría en extensivo e cultivos complementarios, contemplando o aproveitamento para gando vacún de produción cárnica, porcino, ovino e cabrún. Calquera das modalidades elixidas deberá ser en extensivo e terán prioridade aquelas explotacións que inclúan unha produción integrada en ecolóxico. Como actividade secundaria, identificáronse outros cultivos agrícolas e de árbores froiteiras, mantendo en calquera caso a vexetación de ribeira existente.

A Consellería sinala que “as causas polas que procede desenvolver estes dous polígonos son a existencia dun estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50% da superficie de terras do polígono agroforestal, así como o acordo das persoas propietarias dos predios, acadando ata un 70% da superficie das terras incluídas no perímetro proposto”. Neste caso concreto, a administración destaca que “en Oímbra asinaron o acordo os propietarios do 86% da superficie para a posta en marcha do polígono e en Cualedro rubricaron os donos do 78% da superficie”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información