Inician a aprobación dos polígonos agroforestais de Oímbra e Cualedro

Ambos proxectos, impulsados por Medio Rural, procuran o aproveitamento de terras abandonadas ou infrautilizadas nos dous concellos ourensáns. En Cualedro constará de 64 hectáreas para gandería extensiva e en Oímbra terá case 22 hectáreas para o cultivo de horta

Inician a aprobación dos polígonos agroforestais de Oímbra e Cualedro

O polígono agroforestal de Cualedro estará pensado para un aproveitamento con gandería extensiva. / Arquivo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar os dous acordos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, cos que se inician os procedementos de aprobación para o desenvolvemento de dous polígonos agroforestais de iniciativa pública nos concellos ourensáns de Oímbra e Cualedro. Ditos procesos realizaranse mediante procedementos de concorrencia competitiva e ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Así, tras as solicitudes por parte destas dúas administracións locais e despois de abrir un período de información ou actuacións previas para coñecer as circunstancias de cada un dos casos, a Consellería do Medio Rural acaba de iniciar os procedementos para a súa tramitación. “O obxectivo prioritario será poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acabaron abandonadas ou infrautilizadas, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal”, indican dende Medio Rural.

O polígono agroforestal de Cualedro constará de 64 hectáreas, cunhas 70 parcelas de 70 propietarios, que se dedicará esencialmente á gandería en extensivo. O polígono de Oímbra disporá dunha superficie de case 22 hectáreas repartidas nunhas 70 parcelas de 73 propietarios. Neste caso, o polígono destinarase a cultivo de produtos de horta, incluíndo os da indicación xeográfica protexida Pemento de Oímbra.

Estes dous polígonos agroforestais impúlsanse debido a que alomenos un 50% da superficie de ditos polígonos se atopa abandonada ou infrautilizada. Ademais, os propietarios do 70% da superficie das terras incluídas dentro deste perímetro está dacordo coa iniciativa.

Instrumentos de recuperación das terras agrarias

Por outra banda, este luns a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou nunha nova reunión da Mesa de Coordinación dos grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, onde se abordaron os obxectivos e os instrumentos que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, no marco do convenio asinado entre esta axencia e a Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia.

mesa coordinacion GDR

Reunión da Mesa de Coordinación dos grupos de desenvolvemento rural de Galicia.

Inés Santé salientou nesta reunión trimestral a importancia de que os propios grupos poidan aconsellar e orientar ás persoas mozas que se incorporen á actividade agraria en materia de información, formación, análises técnicas e asesoramento xurídico. Además, incide en que o traballo destes 24 GDR favorece o desenvolvemento dos territorios, xa que facilitan o intercambio de información e experiencias entre distintas zonas e axentes do rural.

Nesa liña, dende Medio Rural recordan que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural compensará os gastos nos que incorra a Asociación de GDRs de Galicia para impulsar estes proxectos, ao ter asinado un convenio de colaboración que se prolongará ata finais do 2022, podendo prorrogarse por un período de ata catro anos adicionais.

Na mesa tamén abordaron a nova liña de axudas para futuras estratexias de desenvolvemento local no período 2023-2027. Santé explicou que os GDRs, que se encargan da tramitación das axudas dos plans Leader, deberán desenvolver estratexias afíns ás novas políticas europeas como son o Pacto Verde, a Estratexia da Granxa á Mesa, a Estratexia de Biodiversidade para 2030 ou a Estratexia Forestal da UE e, para iso, contarán con preto de 900.000 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información